in ,

Iván Caloto, Fernando Castro Paredes, Carlos Losada e José Luis Baños gañan os premios de literatura dramática da Agadic

front view books with glasses scaled |

Iván Caloto, Fernando Castro Paredes, Carlos Losada e José Luis Baños veñen de alzarse coas diferentes modalidades dos tres premios de literatura dramática que convoca bienalmente a Xunta de Galicia co obxectivo de servir de estímulo á creación literaria en galego no eido teatral.

Iván Fernández Diéguez, coñecido artisticamente como Iván Caloto, obtivo o XXVIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais coa obra Liberata. O santo atrevemento, mentres que Fernando Castro Paredes recibiu o XIV Manuel María de literatura dramática infantil e xuvenil por O traballo do lobo. O XVII Barriga Verde foi para Carlos Losada Galiñáns con O que virá e o ninja, na categoría de infancia e mocidade, e José Luis Baños de Cos con O timbre, na modalidade adulta.

A convocatoria conxunta destes galardóns suma unha dotación de 26.000 euros, dos que 8.000 euros corresponden ao Álvaro Cunqueiro, o premio máis lonxevo no seu ámbito en Galicia. O resto de galardóns e modalidades contan con 6.000 euros en cada caso. Ademais, as bases recollen a posibilidade de que estes catro textos sexan publicados dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén con Edicións Xerais e Baía Edicións.

O xurado deste ano estivo integrado por Gustavo del Río Prieto como presidente e por Comba Campoi García, Roberto Leal Jiménez, Avelina Pérez Pérez, Gloria María Rico Galán e Artur Trillo Sendón, que valoraron 147 orixinais.

Liberata. O santo atrevemento

Iván Caloto resultou gañador do Álvaro Cunqueiro para textos teatrais por Liberata. O santo atrevemento. O xurado salientou “a complexidade da súa dramaturxia e a orixinalidade dunha peza que afonda na identidade trans, na relación co propio corpo, na violencia e na memoria”. Tamén valorou “a dimensión poética da escrita, o coidado da lingua e o seu potencial escénico”. O autor “reimaxina a lenda de santa Liberata como unha reivindicación da liberdade e da defensa da identidade”.

Nado en Lugo en 1976, Iván Caloto é graduado en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia, onde acadou o Premio Extraordinario de Fin de Carreira en 2023. En 2025 gañou o Premio Roberto Vidal Bolaño con Os rapaces só se tocan para darse de hostias. Ten publicadas pezas na Erregueté, na que tamén desenvolveu labores de crítica e coordinación da sección Palcos LGBTIQ+.

O traballo do lobo

Fernando Castro Paredes recibiu o Manuel María para textos teatrais coa peza O traballo do lobo. O xurado destacou a orixinalidade e a calidade dramática dun texto que actualiza o legado dos contos tradicionais cun humor incisivo e intelixente. A súa estrutura sólida, os diálogos áxiles e os xiros inesperados combinan o entretemento coa reflexión sobre as convencións sociais e os estereotipos, cunha proposta accesible tanto á infancia como á mocidade.

José Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975) é profesor de ensino secundario e desenvolve unha intensa actividade no teatro escolar e afeccionado con Tuéjele Teatro e Farándula Velutina. Na súa traxectoria figuran premios como o Álvaro Cunqueiro, o Varela Buxán e o Vidal Bolaño. É autor de pezas como Papiroflexia ou A derradeira bala e de novelas como Entomoloxía para misioneiros e O lanzador de coitelos.

O que virá e o ninja

Na modalidade de infancia e mocidade do Premio Barriga Verde, O que virá e o ninja, de Juan Carlos Losada Galiñáns, foi distinguida “pola súa orixinalidade, o humor e a riqueza do universo escénico”. A viaxe de dous heroes arredor da incerteza ante o futuro dá vida aos elementos dun parque, con estatuas que falan e personaxes como Rosalía, Lorca ou Valle-Inclán. O xurado valorou “a musicalidade dos diálogos e as posibilidades que ofrece para empregar sombras, monicreques de luva e marionetas”.

O dramaturgo e director Carlos Losada Galiñáns (Cambados, 1966) conta con recoñecementos como o Premio Manuel María por Game over, o Barriga Verde por Pois eu! e o Abrente por Augusta. A súa traxectoria inclúe tamén a coautoría de Fume con Rubén Ruibal.

O timbre

Por outra banda, O timbre, de José Luis Baños de Cos, gañou o Barriga Verde para persoas adultas. A partir dunha escena cotiá, o texto explora o malestar contemporáneo, a soidade e as dificultades de comunicación. O xurado destacou “a atmosfera inquietante dunha historia que preserva o seu misterio e concede especial protagonismo aos obxectos, cunha proposta aberta ás formas animadas”.

Baños de Cos reúne unha ampla traxectoria na escrita teatral, con galardóns como o Abrente por Asfixia, o Roberto Vidal Bolaño por A cámara escura e Lume ou o Laudamuco por A porta. Un relato de violencia. Xa obtivera o Barriga Verde para persoas adultas en 2022 con Nas nubes e en 2026 recibiu o Premio Castelao por Khôra.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe da obra de teatro Libres!!!

‘Libres!!!’ gaña o Premio do Público da 35ª edición do FIOT