O dramaturgo e creador escénico Julio Fernández Peláez presenta esta fin de semana no Teatro Ensalle, en Vigo, Conversaciones con la luna. Faino dende Anómico Teatro, a compañía que fundou con Eva Alfonso no ano 2011 dedicada á investigación en novas linguaxes. Nesta nova peza, Fernández asina a creación con Luna Gómez.
Despois dunha primeira función onte, xoves, 29 de outubro, a sala viguesa, situada no número 15 da rúa Chile, acollerá unha segunda función hoxe, venres, 30 de outubro, e unha terceira mañá, sábado, 31 de outubro, ás 20:00 horas.
Sinopse
“Conversaciones con la luna non é unha resposta ao futuro que con tanta présa nos atropela, tampouco unha reflexión sobre como a cegueira podería afectar o noso instinto de supervivencia. Estamos ante unha sinxela posta en escena na que a conversa é o marco e o contido. A conversa como última chamada ao sentido común, como último aviso antes de que a barbarie poida devorarnos.
Unha adolescente e o seu pai. Un adulto e a súa filla. Unha comunicación que atravesa xeracións e magnitudes de memoria, e que necesita expresar as inquedanzas que suscita a ignorancia. A conversación como alegación urxente en contra da ignorancia. Esa ignorancia decrépita que ten como obxectivo controlar a realidade, a ignorancia transformada en acto impulsivo que empurra a desdeñar os monstros do pasado que chaman á porta, a ignorancia que tamén é borrado da intelixencia colectiva e da capacidade de renacer que ten a adolescencia, pero que tamén ten a vellez e a propia morte, a ignorancia como foco de enfermidade social que hai que extinguir antes de que se propague e nos infecte, a ignorancia que deixa de ser sincera para converterse en estupidez concienciuda, como dicía Martin Luther King, a ignorancia que non sabe nin quere saber e que por iso, como di o refrán, todo o despreza”.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.


