in , ,

A Mostra de Teatro Amador ‘Terras de Orcellón’ inaugura a súa 19ª edición

Mañá, domingo 4 de outubro, no Auditorio Manuel María do Carballiño

Imaxe da peza Encrobas
'Encrobas', da Asociación Cultural Teatral Catro Gatos. Fonte: Mostra de Teatro Amador 'Terras de Orcellón'.

O grupo de teatro Tiruleque organiza, un ano máis, a Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón”. O programa desta edición, a décimo novena, conta con dez propostas teatrais nas que se mesturan a comedia, a crítica social e o drama.

Programación

A inauguración será mañá, domingo, 4 de outubro, no Auditorio Manuel María do Carballiño, cunha función de Alimañas, de Gargallada Teatro do Barco de Valdeorras.

É a historia de Mara, unha vella estrela de cine que vive retirada na súa mansión xunto co seu marido e o director e guionista das súas películas. Trátase dunha “comedia de humor negro, apta para sorrir, que amosa con ironía amarga e cruel como o ben e o mal están presentes na condición humana, de tal xeito que o crime pode chegar a interpretarse como un xogo de nenos”.

O día 11 de outubro será Farándula Velutina, de Corcubión, a que represente Mamá!, “unha obra que reflicte as controversias das relacións entre nais e fillas a través de nove divertidas historias (Unha por papá – Teño algo que dicirche – Ti sabes a hora que é? – Algo malo – Lei de vida – A merendar – Eu non quero xogar máis – O poder do símbolo – Unha preciosa nena) nas que nais e fillas se insultan, se respectan, se apertan, se pelexan, se buscan, se distancian, se ignoran, se coidan, se odian e, por suposto, se queren; unha comedia escura e tenra para toda a familia (nais e fillas incluídas)”.

O día 12 de outubro Teatro Pesadelo de San Miguel de Sarandón (Vedra) ofrecerá unha función de Xa é hora, que relata “como unha actriz fracasada agarda tras o pano o inicio da función, e como unha visita inesperada, absurda e misteriosa fará que todo o mundo da  protagonista dea un xiro brutal, escarvando nas miserias humanas e nas precarias condicións das actrices e actores do noso país”.

Será a Aula de Teatro do Campus de Vigo quen actuará o 18 de outubro con Macbett, unha adaptación en clave de comedia do texto de Eugène Ionesco, unha traxicomedia inspirada en Shakespeare, que satiriza o poder absoluto e a tiranía a través do absurdo. Nesta versión, Macbett e Banco son xenerais traizoeiros que derrocan un rei tiránico, só para que Macbett se converta nun ditador aínda máis brutal e corrupto, caendo en espiral nun asasinato sen sentido. A obra combina elementos da trama orixinal de Macbeth co estilo de Ubú Rei de Alfred Jarry, amosando a ambición insaciable, a traizón e a tiranía. Esta peza “é unha alegación contra todas as formas de tiranía e violencia política. Humor macabro e absurdo para amosar o horror do totalitarismo”.

O grupo Teatre del Talión de Lleida, especialmente invitado por Tiruleque, presentará o 24 de outubro a comedia Esopo ante o público do Carballiño.Trátase dun “canto á ledicia, á liberdade e ao amor; unha loita desmedida entre os intereses mundanos e a procura da felicidade; a vitoria de David sobre Goliat; o reencontro de todo aquelo que fai da vida un estoupido de enerxía e de luz”.  A montaxe foi premiada en cento doce veces en corenta certames de toda España e conta con máis de setenta representacións.

Ao seguinte día, 25 de outubro, actuará Teatro das Aras, de Cangas, con Humanidade, “unha mirada crítica sobre a situación actual da Sanidade que nos toca vivir ou padecer”. A obra vai conducindo a “reflexións máis profundas que retratan anacos desta humanidade fragmentada, absurda e traxicómica que estamos a construír, ou deconstruír“. A obra vai dirixida a adultos e adolescentes e na posta en escena apostouse “por unha confluencia do ritmo corporal e textual, cuxo resultado final é un retrato coral e dinámico das situacións”.

No mes de novembro, o día primeiro estará no escenario a Asociación Cultural Teatral Catro Gatos (Bergondo) con Encrobas; unha peza de teatro documental e de creación colectiva que revive un episodio clave da loita social en Galicia: a resistencia labrega no val das Encrobas durante os anos setenta do século pasado fronte á expropiación forzosa das súas terras por parte do Estado franquista e da empresa Fenosa. A obra mestura testemuños reais, ficción especulativa e recursos audiovisuais “para ofrecer unha proposta escénica dinámica, emotiva e con forte carga política”. A través do humor, e emoción e a memorias colectiva, Encrobas conecta pasado e presente para “facer reflexionar sobre o impacto do progreso, a loita polo territorio, a forza do colectivo e a vixencia destes conflitos na actualidade”.

O día 7 de novembro Teatro do Vilar, de Ribadavia, representará a comedia musical Memoria dun tempo, para ofrecer unha historia situada nos finais de 1958, cando un grupo de artistas agardan para examinarse diante dun tribunal do Sindicato Nacional de Espectáculos e conseguir o carné que lles permita traballar baixo a ollada vixiante do réxime. Mentres agardan entre traxes de volantes e melodías de coplas, vanse entretecendo historias persoais, confesións agochadas e soños a medio cumprir. Nese espazo compartido os nervios mestúranse coa esperanza e as feridas do pasado reábrense, a música convertese nun xeito de resistir, lembrar e vivir. É unha comedia musical cun pouso amargo, onde cada personaxe (cantante, músico ou vedete) representa “unha xeración de soñadores atrapados entre o glamour do espectáculo e a realidade dunha época gris”, e que busca facer “unha homenaxe aos que, maila todo, seguiron cantando”.

Seguidamente, o día 8 de novembro, será a quenda de Atrezo Teatro, chegados desde O Porriño. A compañía presentará Silencio, unha adaptación de La casa de Bernarda Alba, de Federico García Lorca, “para amosar como cada vez que queremos saír das normas e do que dita a moral reinante, se nos ordena calar; e como os que supostamente teñen que coidarnos e protexernos nos fan trampas e ordenan silencio”.

Por último, o día 14 de novembro será Achádego Teatro (Lugo) quen peche esta mostra coa peza Novo Amencer; unha comedia que pon o foco nas falsas crenzas, nos líderes de barro, na inocencia, e naqueles que se aproveitan dela para o seu propio beneficio. A obra preséntase como unha “divertida crítica distópica ambientada nunha comunidade moi peculiar na que non hai ninguén normal, como na vida mesma”, e busca responder a pregunta: “que sucede no interior dunha seita?”.

Apoios

Como todos os anos, a Mostra conta co patrocinio do Concello do Carballiño e da Deputación de Ourense.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O elenco de Isto non é un acto político, de Ártika Cia.

Ártika Cía. estrea ‘Isto non é un acto político’