in

Ártika Cía. estrea ‘Isto non é un acto político’

Esta fin de semana, con tres funcións, abrindo o VII Festival Comediártiko.

O elenco de Isto non é un acto político, de Ártika Cia.
'Isto non é un acto político', de Ártika Cia. Foto de Vanessa Rábade.

“Unha falsa charla TED musicada na que tres conferenciantes defenden, con ironía e retranca, as supostas virtudes do fascismo fronte a unha democracia que consideran caduca”. Así se presenta Isto non é un acto político, o novo espectáculo de Ártika Cia., que se estrea esta fin de semana na Sala Ártika, abrindo o VII Festival Comediártiko. O espazo vigués acollerá tres funcións: unha hoxe, venres, día 2; mañá, sábado, día 3; e domingo, día 4 de outubro; as tres ás 20:00 horas.

A programación da peza complétase con dúas actividades de encontro e reflexión arredor dos temas que atravesan o espectáculo. Hoxe, ás 21:30 horas, terá lugar a conferencia de Roberto Pascual “Que me queres dicir cando me dis neutralidade ideolóxica?”, unha actividade que abrirá o diálogo arredor dos discursos políticos, culturais e sociais que interpelan directamente a creación escénica contemporánea. Ademais, mañá, ás 21:30 horas, celebrarase un coloquio posfunción co equipo artístico, no que o público poderá compartir impresións, preguntas e reflexións despois da representación. As dúas propostas buscan “ampliar a experiencia escénica máis alá da función e favorecer un espazo de pensamento crítico, conversa e participación arredor do espectáculo”.

Sinopse

“Isto non é un acto político é unha proposta escénica provocadora, dinámica e chea de ironía que reflexiona sobre o avance dos discursos totalitarios na sociedade actual. A través da palabra, da acción escénica e dos números musicais, a peza revela como determinados discursos se infiltran na vida cotiá mediante as redes sociais, a manipulación da linguaxe, o medo, a creación de inimigos e as falsas certezas. Inspirada no ensaio Instrucións para converterse en fascista, de Michela Murgia, a obra coloca o público diante dun espello incómodo e necesario: canto dese pensamento habita xa na nosa sociedade, na nosa contorna e mesmo en nós? Un espectáculo crítico, divertido e profundamente actual para mirar de fronte o tempo que vivimos”.

Ficha artística

Autora/creadora: Michella Murgia

Dirección: Tito Asorey

Dramaturxia: Tito Asorey e Manuel Cortés

En escena: Marcos Alonso, Rocío Salgado e Fernanda Barrio

Duración: 90 min

Público: a partir dos 15 anos

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O espectáculo Ictus, de Chévere

O FIOT de Carballo celebra a súa segunda semana