in ,

Hugo Torres pecha o XII festival Escenas do Cambio con BLACK BOX. UNHA SAGA ÉPICA

Hugo Torres na ESADG presentando o seu traballo. Foto: Afonso Becerra
Hugo Torres na ESADG presentando o seu traballo. Foto: Afonso Becerra

Hugo Torres volve ás táboas, despois duns anos dedicándose á creación de música e espazos sonoros, xunto á súa compañeira Marta Pazos. Agora volve a situarse como actor e creador escénico, nun desafío nunca antes asumido: facelo el todo, nun solo teatral titulado Black Box. Unha saga épica, que vai estrear pechando o XII Festival Escenas do Cambio 2026, o domingo 10 de maio ás 20h30 no Salón Teatro de Compostela.

Con Hugo Torres estamos perante un artista singular, que leva nisto das artes escénicas desde os seis anos.

Black Box. Unha saga épica súmase á “Revelesencia” desta edición de Escenas do Cambio, revelando que o xogo teatral pode conter o miolo, a esencia do ser, da identidade, da memoria. As historias familiares e a propia veñen á mesa, como manxares para degustar e desfrutar, nos que tamén nos podemos reflectir.

Hugo Torres na ESADG presentando o seu traballo. Foto: Afonso Becerra
Hugo Torres na ESADG presentando o seu traballo. Foto: Afonso Becerra

Que é Black Box?

Black Box é a sala negra do escenario, pero tamén a caixa que garda gravada a memoria de voo dos avións, onde está toda a información. Este espectáculo é como unha visita á miña historia familiar, da que teño rexistros desde hai 500 anos. Toda unha serie de personaxes que, ao longo do tempo, foron acompañando a historia de Portugal, unhas veces con maior protagonismo e outras dun xeito máis tanxencial.

Pero iso de que teñas noticia de tantas xeracións anteriores na túa familia é porque eran nobres ou fidalgos ou como pode ser?

Hai nobres, si. E algúns envolvidos en aventuras moi relevantes. Pero isto forma parte das sorpresas do espectáculo que é mellor non revelar aquí. Algúns foron nobres, outros bandidos, hospedeiros, militares de carreira, historiadores, arqueólogos, pintores… Vou contar a súa historia, desde finais do século XV até aos meus pais, a finais dos anos oitenta.

E a compañía de teatro da túa familia, na que ti te criaches, cando empeza?

 Eramos toda a familia actores, excepto o meu pai, que era vendedor de coches, ou sexa que el era o mellor actor de todos (risos). Na compañía estaba a miña nai, a miña irmá, o meu irmán, eu, o meu cuñado, a miña cuñada. Fúndase en 1976, primeiro como teatro amador, despois semi-profesional… E eu comezo a facer teatro en 1979 con seis anos.

Seis anos?

Si, porque debía ser máis barato meterme en escena que ter a alguén coidando de min, ou quizais nese momento non había “babysitters” (risos). Estamos falando de hai máis de cincuenta anos e daquela as condicións loxísticas dos espectáculos eran bastante distintas do que hai agora. Lembro que a primeira vez que me subín ao escenario, aquel día o palco estaba feito con portas de bares. Eu estaba ao lado do escenario e un actor, que non era da familia veume e díxome, ti, pasa para dentro, e cólleme da man e lévame da man durante todo o espectáculo e dime antes, ti non digas nada. Isto foi hai uns corenta e sete anos e eu lémbrome perfectamente daquilo e de ter sentido que alí, no escenario, era realmente onde quería estar, que ese era o meu sitio. E, despois, dunha maneira ou doutra, xa non volvín a saír.

Volvendo a Black Box. Unha saga épica. Ademais do relato da historia familiar, como é o espectáculo, porque eu, vindo de ti, non me espero algo moi convencional?

 Pois non sei… Ao mellor te sorprendo (risos). Eu formeime na compañía da miña familia, que eramos unhas vinte cinco persoas traballando. Aos vinte anos saín da compañía e fun estudar á ESMAE (Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo) do Porto. E saín da ESMAE e fun traballar para outras compañías por todo o país, de independente, durante uns dez anos. Despois botei unha década traballando no cadro de actores do Teatro Nacional São João (TNSJ). Ao saír do TNSJ formei Voadora, que tamén era unha estrutura grande. E cando rematamos Voadora fun a traballar a teatros grandes con Marta Pazos. Así que sempre estiven traballando con xente. O que nunca tiña feito é traballar só. Volvín agora a facer un espectáculo e tiña o instinto de que isto, agora, tiña que facelo só, sen ninguén. Aínda que, para a escrita, tiven a colaboración de Gabriel Calderón, o dramaturgo uruguaio. Levamos tempo traballando xuntos, el fixo a adaptación de El Público de Lorca e do Orlando de Virginia Woolf para a Marta e somos súper amigos e el aceptou este desafío e escribimos o texto os dous xuntos. Pero, polo demais, todo o que é a produción, interpretación, dirección, música, escenografía, incluso o vestiario, que nunca me interesou nada e non sei moi ben por que… Decidín facelo todo eu só porque quería atreverme a cruzar ese limiar de cando entramos nunha sala de ensaios e estamos sos e non sabemos que facer. Ese limiar de cal é a diferenza de estar no bar e despois entrar na sala de ensaios ti só. Tamén inflúe que se trata dun proxecto moi propio, no que vou falar da miña familia e intentar transmitirlla tamén aos meus fillos e ao futuro. Así que fixen o exercicio de individualizar un traballo que, para min, sempre foi colectivo.

É un exercicio de memoria e de homenaxe?

É un exercicio de memoria, de homenaxe e de profunda mentira. Na miña familia hai unha expresión que di: entre a verdade e a mentira, elixe sempre a que fique mellor (risos). Este espectáculo baséase na memoria que eu teño dos relatos orais que ouvín á mesa, nas reunións e nas festas familiares. Cada membro da miña familia ten unha versión diferente dalgúns dos personaxes e dos capítulos. Incluso acontece iso cando a propia persoa che conta algo que lle aconteceu e os outros que estaban alí a corrixen. En especial o meu tío que é especialista en inventarse a si mesmo (risos). Reunións familiares, con máis de corenta persoas, entrando e saíndo, sumándose aos relatos, nunha disparidade de versións fantástica. Eu lembro escoitar, desde neno, todas esas historias e pensar: veño dunha familia de súper heroes. E esa imaxinación e esa intensidade o que a min me gustaría transmitir neste espectáculo. Non me interesa a veracidade histórica, de feito teño rexistros e hai libros incluso, porque na miña familia houbo historiadores. Pero quero partir do que ficou na miña memoria e da fantasía que eu lle poñía de neno, despois de escoitar esas historias que para min eran como contos.

'Black Box. Unha saga épica', con Hugo Torres. REGA DescArtes. Cidade da Cultura/Centro Dramático Galego. Foto: Rocío Cibes
‘Black Box. Unha saga épica’, con Hugo Torres. REGA DescArtes. Cidade da Cultura/Centro Dramático Galego. Foto: Rocío Cibes

Por tanto, todo iso, ao final, forma parte do que ti es, da construción do que é Hugo Torres, non si?

 Si, completamente. Isto viría a ser o resumo da miña identidade. Toda esa fabulación que levo facendo desde crianza e que vén acompañando o que eu son, que pasa por unha parte real e por outra inventada ou idealizada.

E neste espectáculo tampouco vas estar só de todo, porque vas ter un grupo de persoas contigo no escenario, sentadas á mesa?

Si, vou convidar as persoas a comer. Porque esta peza baséase nas comidas da miña familia. Así que as persoas van vir comigo e eu voulles preparar a comida mentres lles conto esas historias. A mala noticia para algúns, se cadra, é que o prato que vou servir é sopa, porque na miña familia ese prato sempre estaba aí listo para comer. Había unha ola con sopa sempre disposta para calquera que chegase pola casa, fose coñecido ou descoñecido, chegase con aviso ou sen el. E esa é a sopa que eu quero facer para a xente que vai estar comigo.

Isto da sopa creo que xa cho escoitei noutro espectáculo.

Non sei. Pode ser. Porque estas historias, algunhas delas, levan comigo corenta anos.

Neste, ademais, tamén busco xerar un espazo como a sala de xogos das crianzas, nas que poidamos sentir que estamos a fantasiar.

Escenas do Cambio. Cidade da Cultura
Escenas do Cambio. Cidade da Cultura
Afonso Becerra

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto da presentación da 43ª MITCFC

A MITCFC desvela as datas e o programa completo da súa 43ª edición