Estamos nun momento complicado a nivel mundial. Os cambios prodúcense a velocidade vertixinosa e o tempo foxe imparable. Porén, á vista dos acontecementos, non semella que as cousas vaian para mellor. As guerras, o afán e o incremento do gasto militar e armamentístico, as desigualdades e retrocesos nos dereitos humanos en diferentes países, o debilitamento das institucións democráticas e dos servizos públicos fundamentais (sanidade, cultura, educación), a crise climática derivada da cadea de produción e consumo abusivos e un longo etcétera, ameazan con levarnos cara á distopía e facernos caer no desánimo. Cadaquén vai ficando illado tralos dispositivos electrónicos, manexados polas grandes multinacionais e polo seu marketing. Neste sentido, case somos como marionetas cuxos fíos son movidos a través da dependencia dixital, en favor dos intereses da plutocracia. Ante este panorama, as artes escénicas non só procuran entreternos e divertirnos, senón tamén re-activarnos e unirnos. Penso que esa é unha das claves da “Revelesencia”, ese concepto marabilloso creado por Kirenia Martínez Acosta, a directora artística do XII Festival Escenas do Cambio da Cidade da Cultura, que se celebrou entre o 7 e o 10 de maio de 2026.
Kirenia escribe: “Hai algo que insiste. Algo que, aínda cando parece diluído ou desprazado, permanece latexando baixo a superficie. Revelesencia nomea ese instante no que o que persistía en silencio volve facerse visible, non como nostalxia, senón como transformación consciente.”
A través das primeiras impresións que anotei, seguindo a cronoloxía das presentacións que se sucederon en Escenas do Cambio, cadaquén pode imaxinar, facer un percorrido e adiviñar o tecido subterráneo da “Revelesencia”:
52-BLAU de iXa (Xián Martínez e Elena Castellanos) inaugurou o festival deixándonos coa boca aberta.
A coreografía é unha especie de oda marítima que evoluciona en interacción co espazo. Elena bríndanos unha imaxe case lendaria, como un Cristo-muller que camiña sobre as augas. Avanza nun xogo de equilibrios sobre os corpos resistentes que se moven, reptando polo chan ou adoptando unha verticalidade densa e fluída, por veces articulada. Algo hai na propia vida diso, porque ás veces tócanos facer milagres e camiñar sobre as augas, ou manter equilibrios e resistir.
A peza é dunha beleza fantástica e dun risco real, porque calquera desaxuste ou erro pode ser un accidente grave. Había tempo que non asistía a un espectáculo no que as artistas se xogan o tipo, sublimando a dificultade cunha precisión e unha exactitude sobrehumanas. Deste xeito, métennos nunha sensación de fluidez e flotación alucinantes, pero, ao mesmo tempo, podemos sentir o risco, estamos pendentes e á espreita. Saímos do espectáculo sen saír dese abraio e dese desfrute que, por veces, case nos corta a respiración.

HORIZONTES ERRANTES de Laura Aris, Jakob Jautz e Jorge da Rocha
Foi emocionante por varias razóns, quizais unha das máis relevantes: sentírmonos comunidade. Sempre se di que o teatro e a danza son artes comunitarias, pero despois encargámonos de colocalas nunha estetización que nos acaba por illar a cadaquén no seu lugar. Porén, estes horizontes vinculáronnos comunitariamente na primeira parte, naquela instalación con elementos recollidos do camiño, coa proposta de pensar un mundo e un futuro esperanzadores e de escribilo nunhas etiquetas, botalas nunha pota e, despois, a sortes, que a cocción fose a danza. Ver como Jakob e Laura bailaban os nosos desexos sen ilustralos, conectando con eles e con nós foi algo moi especial. Escoller pedras ou follas de carballo e, despois, como dous equipos colaboradores, movernos e até bailar sen darnos conta.
Xa na segunda parte, desfrutar das imaxes do vídeo que nos traía momentos do camiño, dos encontros con persoas, con animais, coa paisaxe, e ver como todo iso pasaba tamén a través dos corpos de Laura e Jakob para tocarnos, para cambiarnos, suavizando e diluíndo as nosas ansias individuais en pro dunha conexión que vai alén de nós. HORIZONTES ERRANTES é unha chamada, unha chama cálida, un aloumiño, unha comuñón.

O COMANDO DRAMATÚRXICO ofreceu a súa complicidade a artistas e públicos, a todas as persoas que desexaban expandir/expresar as súas impresións, inquedanzas, pensamentos. O Comando Dramatúrxico quere ser unha ponte.
Kirenia Martínez, a directora artística non só estableceu unhas liñas curatoriais coa súa programación, senón que, ademais, creou a dramaturxia dunha experiencia transcendente composta con todas as pezas de Escenas do Cambio. E o Comando Dramatúrxico, formado por Amantia Coello, Julia Sueiro, Tyler McKechnie, Ginés Alén e eu mesmo, intentou favorecelo, acompañar, coidar, expandir, reflexionar, xerar pensamento… e dar unha calidez.
Houbo “conversatorios flotantes”, antes/despois dos espectáculos, recollendo as primeiras impresións das persoas que querían compartilas, para que fiquen pegadas diversas da experiencia artística.
No encontro que tivemos na primeira xornada do festival propuxemos un dispositivo artesanal para facer visibles os reflexos, as corazonadas, as expectativas e algúns dos fíos que tecen esa dramaturxia. O panel no que fomos tecendo os fíos que parecían cinguir os espectáculos nun só texto, na dramaturxia da “Revelesencia”.
Despois de HORIZONTES ERRANTES, compartimos unha conversa con Laura, Jakob e Jorge, sobre a experiencia de crear coa paisaxe e cos encontros. O proceso de transubstanciación do camiño nunha proposta escénica híbrida, entre a instalación con elementos atopados e con imaxes, que son testemuñas nas que fai eco un espazo e unha memoria (un tempo), a interacción co público e a súa participación desde a autenticidade, sen necesidade de finxir nin “facer teatro”, sen necesidade de dar a nota, sen expoñerse dunha maneira exhibicionista, o vídeo traendo a reportaxe das diferentes fases do camiño, e a danza, na que os corpos serven de canle.
Unha conversa que nos serviu para aprender e para ir alén do que acababamos de ver e de experimentar. Velaí unha das características da maioría dos espectáculos da “Revelesencia” de Escenas do Cambio, non son só para ver senón tamén para experimentar. É neste senso que o Comando Dramatúrxico procura incidir, brindándolle esa posibilidade ás persoas que teñan esa curiosidade e ganas de ir un pouco máis aló da experiencia espectatorial ao uso. A utopía de que non se trate, simplemente, de consumir espectáculos, na mesma dinámica que consumimos produtos da industria do entretemento.
Nesa mesma liña, Julia Sueiro e Amantia Coello, desde o Comando Dramatúrxico, acompañaron unha actividade de mediación proposta por Reinaldo Ribeiro a raíz de ARDER ÉPICA (CAP. 1) con varias mulleres, para recuperar memorias e recompoñer relatos.
Julia Sueiro, en complicidade con Silke Z, propiciou o encontro de mediación “The Ageing Body-Age(ing), Body and Visibility”, vinculado á peza FEAR:LESS, con mulleres maiores, arredor do corpo, o movemento, a exposición, a relación, a confianza, o risco, a atención e a escoita.
O Comando Dramatúrxico tamén colaborou con Juliana Reyes, poñendo un colector de botellas de plástico usadas na entrada da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADG), que serviron para a primeira parte de ENTRECRUZAD@S. E convidou a Hugo Torres a un encontro coa comunidade educativa da ESADG, para coñecer o seu traballo e para facer un ensaio de BLACK BOX. UNHA SAGA ÉPICA co alumnado que participou no espectáculo.
A complicidade con artistas e compañías convidadas comezou antes da súa vinda ao festival, contactando e facendo entrevistas publicadas na sección correspondente desta revista, para ofrecer un material complementario aos propios espectáculos e para expandir o seu alcance.
Dalgún xeito, o Comando Dramatúrxico intenta que o efémero das artes escénicas teña a maior resonancia posible e que esa experiencia, desfrutada por un número reducido de persoas, poida traspasar e ser transmitida a un número ilimitado alén do momento sincrónico da súa realización. Intenta que toda a ilusión, a maxia e a profundidade do acontecemento escénico non se perdan ou fiquen restrinxidas ao grupo de persoas que puideron asistir e que tamén poidan servir para as xeracións do futuro, deixándolles testemuños especiais nos que, a ser posible, fiquen reverberantes o afecto e os efectos.

HECATOMBE II – MOVEMENTOS E RITUAIS PARA A RENOVACIÓN DO MUNDO de Martha Hincapié Charry
Saímos impresionadas desa instalación de vídeo inmersiva na que tres voces actuais nos traen o valor ancestral dos pobos indíxenas. Un mundo que se extingue, con todo o positivo e, se cadra, tamén co negativo, sen que reaccionemos. Tres presenzas que lembran, que reivindican. Imaxes que nos interpelan.
Como integrante da tribo galega que aínda coñeceu, polos avós labregos, a relación máxica coa terra, sen o abuso extractivista, desde unha vivencia case panteísta, sentín ecos do que foi pasando aquí co que está pasando aló a outra escala, ou co que me pareceu percibir, a través da proposta de Martha Hincapié Charry.
A terra tamén estaba presente fisicamente e puidemos pisala e sentila nos pés.
Martha era como unha deusa ou quizais a alegoría dese mundo máxico que loita por non se extinguir, porque a súa extinción está ligada á hecatombe do cambio climático, do abuso, dos xenocidios.
Martha, coas mans tinxidas de negro, co seu movemento, axitou as sementes que levaba adheridas ao seu traxe ritual. Tremeu coa man no ombreiro dalgún espectador privilexiado. Correu. Axeonllouse e palmeou a terra como quen quere acordala e axudarlle a respirar. Ninguén saíu do ritual igual que entrou.

ENTRECRUZAD@S de Opsis Producións e Juliana Reyes
A diversidade non é fácil, hai que respectala, aceptala e ata querela. Existe, pero negámola, influídos polas modas homoxeneizadoras, alleados pola industria cosmética, pola ditadura da aparencia, atontados pola dependencia dixital. ENTRECRUZAD@S é case unha sátira, cómica e tenra á vez, divertida e dura, que se escribe cos corpos reais do elenco.
Na primeira parte xogando ao clixé e á caricatura desa sociedade egoísta do “fitness”, da cirurxía estética, do “ocúpate do teu, que contigo xa tes bastante”, dos manuais e dos “mantras” da AUTOaxuda.
Na segunda parte, aparecen as persoas, cos seus corpos reais, as súas carnes, os seus desexos. O bailarín que bota purpurina por riba do seu corpo semi-nu e pon un tutú diminuto nunha perna, para danzar como unha bailarina de ballet, liberándose do estigma da gordofobia. O contraste entre o actor pequeno e o grande e a emoción do momento no que un leva ao outro. A rabia e o desenfreo da rapaza inmigrante mexicana ao servizo da ollada e do xuízo externo. O rapaz negro musculado a “rapear” sobre os nenos da guerra e a violencia non escollida.
Unha peza na que cantan, bailan e nos contan o que lles proe.
Pódennos divertir, pero tamén nos poden encoller o corazón.

EL VACÍO da Compañía Colombiana de Danza Contemporánea, Incolballet. Coreografía e dirección de Julio César Iglesias Ungo
Brazos e mans tinxidas de branco nunha orde ritual de intensidade e resistencia poderosísimas. Un elenco cunha técnica e unha expresión incribles, nunha coreografía que explora ese baleiro que pode asolagarnos, esa fragmentación que nos consome.
Soan campás e percusións procesionais, hai transportacións e cargadas espectaculares, movementos acrobáticos, carreiras vertixinosas, unha alta fisicalidade e unha escoita e sinerxía grupal abismais.
EL VACÍO constrúe catedrais cos corpos e fainos pasar por diferentes pasaxes de beleza rutilante, polo despregue enerxético e pola alta esixencia dos pasos de danza cos que xogan. Unha hora de continua apoteose, coa música e coa coreográfica a tope. Foi unha experiencia moi forte! De EL VACÍO saímos cheos!

LA CALIDESA de Société Mouffette, GREC e Coma14
Desde 2026 miramos o mundo en 6 cápsulas, nun dispositivo escénico sobre a necesidade da calidez humana, enxertado na frialdade do formigón dos túneles subterráneos da Galería de Servizos da Cidade da Cultura. 6 cápsulas con 6 historias que nos falan de soidades e nas que o máis precioso, para min, non foi só a realidade tremenda das historias, senón eses 6 pequenos teatros que parecen maquetas, nos que hai unha dramaturxia dos obxectos, unha evolución da imaxe a través da iluminación, do movemento dos elementos diminutos que constitúen esas escenografías nas que todos os detalles contan. Por exemplo, o piso da señora maior coa súa coidadora iberoamericana, na noite de fin de ano, que fala co fillo que ten en Londres e que leva máis de 15 anos sen visitar á nai, ao mesmo tempo que a coidadora fala por vídeo-conferencia co seu fillo pequeno que está do outro lado do Atlántico, xusto antes das 12 badaladas. O cuarto da coidadora cos trastes, cos trofeos do fillo da señora, as caixas con recordos, a decoración do salón… Todos os detalles, que se van iluminando ou que van xurdindo polo movemento do dispositivo, fan evolucionar e profundar nas historias. Todas elas unidas por outros pequenos elementos, como a radio e, sobre todo, a soidade. O dispositivo é certamente, como unha lareira, que nos aconchega coas persoas que participan e coas que acabamos por ir tomar un café ao bar do Museo. Alí, no café, e antes nalgunha das cápsulas de LA CALIDESA, coincidín cunha médica que saíu moi tocada coa historia do migrante africano. Nesa escena escoitamos ao radiólogo e ao asistente social, que están intentando saber que idade ten o rapaz. Se, polos datos extraídos da radiografía, se dirime que non é menor de idade, entón teñen que devolvelo ao seu país, ignorando a traxecto terrible polo mar, no que case perde a vida afogado, para vir traballar e poder axudar economicamente á súa familia.

ESTE HIMNO LLEVARÁ LA PALABRA EUFORIA estreouse en Escenas do Cambio, celebrando o 30 aniversario de La Intrusa
Nunca pensei que unha festa de aniversario puidese sintetizarse en “hostias como panes”, pero así foi. Virginia García e Damiám Muñoz fan unha peza posdramático-teatral de danza, na que bailan moito e moi intensamente, pero tamén din moito e moi claramente. Trátase dunha serie de accións e de ideas escénicas e coreográficas que amosan unha euforia creativa desbordante e reivindicativa.
Van vestidos de festa, con moitos brillos, hai tarta de aniversario, hai zapatos de tacón, hai cantar xuntos… Pero celebrar, o que se di celebrar, non sei eu se coincidirá coa idea que temos a maioría, porque, por momentos, aquilo tomaba un ar funesto e mesmo fúnebre. Iso si, poñendo toda a carne no asador e dicindo o que nunca se di, o que se cala por decoro, por medo, por gardar a compostura.
La Intrusa aquí non é que perda a compostura, senón que se libera. Acaban co “Tragar, tragar, tragar” e rematan por saudar cun “Vai tomar polo cu!”. Hai humor negro e unha causticidade moi punk que se agradece, neste encontro no que, logo de moitos aniversarios, todas somos ex-algo: ex-promesa, ex-guapa, ex-moza, ex-artista…
A festa acaba como o rosario da aurora. Os tacóns son serrados literalmente cunha serra manual por un personaxe alegórico, pallaso terrorífico, que fai Damián. Sobre a tarta senta o cu unha bailarina. O chaquetón doutra acaba trasquilado. E os simulacros de ameaza de suicidio dan en baile.
Para chegar é necesario resistir e aturar moito. Facelo con este ímpeto e chamándolle ás cousas polo seu nome é o que nos fai falta!

LA CURA de Julio César Iglesias Ungo e a Compañía Colombiana de Danza Contemporánea
A intensidade e a esixencia física, características da poética do coreógrafo cubano, tal cal puidemos comprobar con EL VACÍO da mesma Cía. e con Exposure na edición anterior do festival, son un imán para calquera persoa. Ninguén se pode resistir ao engado desa enerxía desbordante e á capacidade atlética e acrobática, que nos capturan.
Unha vez prendidas e prendadas pode darse LA CURA, que nos amosa que non hai xeito de sandar nin de mudar sen estremecerse, sen tocar fondo, sen poñer a carne no asador, sen mollarse.
Nesta coreografía hai simulacros de loita, hai axitación e convulsión, hai carreiras veloces, hai plumas negras revoando, hai lanzarse e saltar, hai un exceder e un ir alén.
EL VACÍO énchese con LA CURA.

FEAR:LESS de Silke Z / Resistdance
Un “pas de deux” que alterna, no dispositivo escénico, o contacto velado, tralo veo dos medos, e o contacto en primeiro termo coa luz directa, sen deixar ningunha fenda.
Dous corpos de diferente envergadura, el e ela, axitando as carnes, abalando o medo en cada músculo e en cada gordura, mentres podemos ler preguntas que nos interpelan dun xeito moi directo sobre o medo ao contacto, sobre confundir precaución con medo, sobre o medo que nos salva e os medos que nos condenan… “Que sucede cando a protección se converte en illamento?”
Logo está o dúo das respiracións axitadas, como as do terror. E a danza co peso dos corpos, co peso do outro, da outra.
Fascinoume a estrutura da peza, a substitución dos escuros (Blackout) polas cegadoras (alumar directamente ao público), nas transicións do dúo, ao pasar de actuar tralo veo, en roupa interior, para adiante, vestindo unha chaqueta de chándal, el, e unha camisa deportiva, ela.
Contribuíu a esa concentración a música e o exercicio de irmos lendo o que se ía proxectando sobre ese veo escuro, limiar diante ou detrás do que podiamos observalos.
Abrindo cuestións e movendo os corpos, poñéndoos en contacto sen falar, sen unha danza de bailar, senón de axitar, expulsar, encontrar, contrapesar… todo cobraba sentido dunha maneira profunda e emocionante.

ARDER ÉPICA (CAP. 1) de Reinaldo Ribeiro
Na dramaturxia da “LOSTOPÍA” que articulou a pasada edición 2025, Reinaldo ofreceunos dúas propostas moi singulares: BLACK THROUGH RED, un ritual participativo no Bosque de Galicia con base na tradición afrobrasileira do Candomblé e os Orixás, nunha conexión coa natureza e cos nosos arquivos (memorias) persoais, escollendo o que queremos deixar e invocando e chamando por aquilo que queremos atraer. Reflexionamos sobre o impulso da loita fronte ao impulso do amor. Desde o amor recibimos unha postal de Reinaldo e, durante todo o ano, até ARDER ÉPICA, fomos recibindo unha postal ao mes con conceptos, reflexións e imaxes alusivas. Tamén puidemos ver I’M NOT AN INFLUENCER (SCHWARZENEGGER EXTERMINÓ MI FUTURO) onde continúa a traballar desde as raíces, mentres a danza, como nun conxuro afrobrasileiro, vibra coa tensión entre a desconfianza e o control sobre as persoas migrantes, negras, queer, marxinalizadas, e a alegoría do Exterminador e Sarah Connor do famoso filme de James Cameron The Terminator, exterminado o futuro.
Na dramaturxia da “REVELESENCIA” que articula esta edición de 2026, ARDER ÉPICA bota man da alegoría dos restos do esqueleto de LUCY, a muller máis antiga da humanidade, unha homo sapiens, que desapareceron no incendio que arrasou, en 2018, o Museo Nacional do Brasil, xunto a unha boa parte da historia do país.
Reinaldo, como nunha conferencia performativa, reflexiona sobre a memoria, sobre a importancia do relato para construírnos e sobre a hexemonía e o poder exercidos polo home branco heterosexual, contra os pobos indíxenas, a negritude, o queer, a muller e todo o que teña que ver co feminino.
Para colocar a muller no centro, Reinaldo desaparece, despois das reflexións e das revelacións, e entra un grupo de mulleres que tocan o Samba con letras de mulleres e sobre mulleres, convidando primeiro ás mulleres e despois a todos nós, para bailar e celebrar un futuro máis xusto e igualitario.

BLACK BOX. UNHA SAGA ÉPICA de Hugo Torres, coa colaboración de alumnado da ESADG, estreouse pechando o festival no Salón Teatro.
Arredor da pota da sopa, cociñada e servida, cocíñanse e sérvense as historias e fabulacións da saga familiar dos Torres, que atravesan unha boa parte da historia de Portugal, reivindicando liberdades e revolucións.
O prebe, o sal e a pementa destas historias, no rexistro teatral da narración oral, veñen das intervencións lúdicas das persoas que están sentadas á mesa, saboreando a sopa e ouvindo, igual ca nós, eses relatos. Trátase de intervencións puntuais que non ilustran nin representan escenas, senón que introducen unha ironía e un humor performativos, como contrapuntos sinxelos e simpáticos que fan das historias contadas arredor da mesa, un xogo divertido, que pasa polo concurso, pola danza evocativa de viaxes e aventuras, pola recreación de encontros con raíñas e até de torturas e presidios. Un xeito de contar coa textura contemporánea relativizadora, que reforza complicidades e confirma o afecto de estarmos xuntas, de sermos comunidade, de que o pobo é quen máis ordena. Arredor dunha mesa e dunha comida, memoria e futuro, poden construírse ao noso gusto.

Quen tivemos a oportunidade de estar en todo o festival puidemos experimentar a “Revelesencia”. Unha transformación sutil capaz de reactivarnos, de xuntarnos, de sentir que comunidade e arte son un vieiro luminoso e caloroso e que, si, é posible e está nas nosas mans que o que parece ir para peor, vaia para mellor.




