in ,

A Academia Galega de Teatro desenvolve as xornadas ‘2000-2025: Sumando Primaveras’

No Pazo de Mariñán, para reflexionar sobre os últimos 25 anos nos escenarios

Inauguración das xornadas da Academia Galega de Teatro 2026
Inauguración das xornadas da Academia Galega de Teatro de 2026. Fonte: Academia Galega de Teatro.

O presidente da Academia Galega de Teatro, Miguel Pernas Cora, coa participación de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Xunta de Galicia, e Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, inaugurou onte, 15 de maio,  as IV Xornadas do Pazo de Mariñán 2026, que se seguen a desenvolver ao longo da xornada de hoxe. Os relatorios e as mesas de debate que conforman o programa, que leva por título 2000-2025: Sumando Primaveras, enfocáronse cara á reflexión arredor dos últimos 25 anos nos escenarios galegos e á abordaxe de perspectivas para o seguinte cuarto de século, propiciando tamén un encontro interxeracional entre creadores e creadoras.

A Academia Galega de Teatro, asociación organizadora do evento (que contou coa colaboración da Agadic e da Deputación da Coruña), presentou así o programa da cuarta edición das xornadas: “Pensabamos no seu momento que o 2000 sería a porta do futuro tal e como nos profetizaba Kubrick na súa 2001, odisea no espazo, pero o futuro semella nunca chegar tal e como se profetiza. 25 anos despois desa barreira psicolóxica, o mundo encamíñase a un futuro que, a día de hoxe, ten que ver máis cos inicios do século XX que ao de dar voltas de vagar ao redor dunha nave espacial ao ritmo de Wagner. E o teatro? E sobre todo, o teatro galego? Que foi desta arte eterna neste primeiro cuarto de século? Este é o punto central destas xornadas: analizar e disecar cales foron os principais camiños, fitos, situacións e atrancos das nosas artes escénicas galegas no inicio deste novo milenio. Curiosamente o teatro, a arte do presente, ten unha moi forte fixación por aprender do pasado, do que fomos, do que somos e do que podemos chegar a ser, e ao mesmo tempo, produto e espello do seu presente. Así, as artes escénicas galegas, complexas e relativamente novas, recollen a un tempo todos os conflitos da nosa sociedade, a diglosia cada vez máis profunda, os seus vaivéns históricos, a súa gran variedade na creación, a estraña relación/dependencia entre o público e o privado, o seu especial sentido do humor…, numerosos temas que irán saíndo nestes encontros. Por iso foron deseñadas dende dúas perspectivas moi concretas: entre o diacronismo e o sincronismo. Dende un punto de vista diacrónico para poder entender cales foron os seus principais fitos da construción (ou destrución, xa veremos), e sincrónico, porque queremos crear un punto de unión entre creadores e creadoras actuais, dende as máis novas que tomarán o relevo (e a responsabilidade) e aquelas artistas que xa teñen unha traxectoria máis consolidada para poder compartir as súas experiencias sobre o mesmo proceso da creación. E tamén atoparemos un oco para alegrarnos coa presentación do estudo das capitais senlleiras do teatro galego.

Estas IV Xornadas propiciadas pola Academia Galega de Teatro no marco incomparable do Pazo de Mariñán son, dalgún xeito, unha illa para tomar aire, respirar conxuntamente e seguir na estrada. Ás veces parar, sentarse, escoitar e falar, é a mellor forma de resistir e continuar na loita. E que veñan 25 primaveras máis!!!”.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'HORIZONTES ERRANTES'. Foto: Rocío Cibes/Manuel G Vicente - Cidade da Cultura

Dramaturxia da Revelesencia en Escenas do Cambio