O pasado 20 de febreiro estreei a miña tempada de teatros deste primeiro semestre do ano e puiden desfrutar da peza Oh, Mammi Blue, de Cinema Sticado, dentro da programación de Vigocultura no auditorio do Concello.
Trátase dun monólogo sobre a maternidade. Mais non é unha historia máis; é un monólogo no que a actriz, Helena Varela, se abre en canal para relatarnos o seu parto, de alto risco cabe dicir. Un monólogo, en palabras da propia autora, “coas historias das que non se fala porque as súas vimbias non son as palabras senón os xestos”, o que nos leva á autoficción. As historias de vida adoitan ter ese xeito de emocionar e atrapar o espectador e iso é Oh, Mammi Blue.
Oh, Mammi Blue (con dirección de Noemi Rodríguez) é irreverente, máxica e desafiante. Dende o minuto un sabemos o que estamos a ver, ou iso cremos. Pero a peza vai máis alá. Lévanos cara a un relato íntimo que consegue manter a atención e a intriga ao longo de toda a peza cando descubrimos non só un parto senón unha ferida.
Conseguimos dilucidar cal é a ferida que nos trae a protagonista á escena ao final. Mais antes de chegar observamos unha reflexión sobre a familia, a crianza, ou a culpa. Unha ferida que comeza precisamente co seu propio nacemento e que a vai acompañar ate o momento do seu parto.
Chama especialmente a atención o vestiario de Varela (que corre a cargo de As Dúas e Punto), vestida cun traxe de sumo dende as primeiras escenas da peza. O feito da súa vestimenta non so fai alusión a que estea disfrazada senón que nos simboliza o embarazo. Somérxenos nesa característica forma de andar e moverse das mulleres embarazadas cando chegan ao punto álxido do seu estado.
Varela destaca pola súa honestidade e verdade na interpretación, comezando de xeito tímido primeiro para revelar un volcán despois. Á vez, é quen de saír da función de actuante do seu propio relato para dar indicacións á axudante de dirección ou coller a cámara e gravarse. Así un momento íntimo convértese en algo público xa que cámara está presente en toda a peza e dende a butaca non perdemos detalle neste dobre relato.
Non podemos deixar de mencionar o traballo de escenografía (ás ordes de Coti Faro, vídeos e espazo sonoro (Xosel Díez) e a iluminación (Laura Iturralde). Faro deseña un espazo, un salón, onde Varela se desenvolve como peixe na auga, con efectos de luz e son en momentos clave que dan sentido á peza. E, por que non?, convídanos a formar parte dela.
En definitiva, un espectáculo que vai
por todas aquelas que foron nais,
por todas aquelas que non quixeron selo
ou polas que criaron pero non pariron:
Oh, Mammi Blue.
- Oh, Mammi Blue - 22/04/2026
- Stand-up comedy en Edimburgo - 24/08/2025
- 1936 - 03/06/2025


