in

Carta para a miña nena

Nenas e nenos achegándose a ver de preto un monicreque
Nenas e nenos achéganse a ver de preto o monicreque protagonista de 'Dona Barriga Verde', de Larraitz Urruzola. Foto de Pilar Moreno.

Querida filla:

Non sei como ocultar a culpabilidade que sinto por traerte a este mundo. Porque ti es o que máis quero nesta vida.

Intento protexerte dos horrores que aparecen cada día sen descanso, pero non me perdoaría ensinarche a mirar cara a outro lado. Por iso, esfórzome porque sexas consciente das inxustizas e das desigualdades que nos rodean e a pesar de que será un camiño moi longo e moi duro, nunca sexas conformista, rebélate e defende os dereitos humanos.

Fun moi feliz cando souben que eras unha nena, pero non puiden evitar que un calafrío percorrese o meu corpo pensando nos obstáculos que terás que sufrir por ser muller. Non soamente porque deberás demostrar moito máis para conseguir os teus propósitos, senón porque sempre vivirás con medo de que alguén che arrebate a túa dignidade, a túa autodeterminación ou a túa liberdade.

É marabilloso ver como avanzan a ciencia e a tecnoloxía, como se inviste para que os recursos se centren cada vez máis na investigación sobre medicina. Aínda que, tal vez, neste medio tamén esteamos fallando, porque sabemos que se gastan litros e litros de auga para que a intelixencia artificial ocupe unha tarefa que de por si é inherente ao ser humano e nos fai únicos: a creación artística. Estamos cada vez máis confundidos por non saber que é realidade e que é ficción ao non ser capaces de escapar dunha pequena pantalla á que o propio sistema nos empurra a estar todo o día pegados. Pero ademais se xa é difícil para nós, os adultos, non sabes canto o é para vos, miña pequena. Non é doado achegarvos á cultura, non resulta cómodo buscar actividades artísticas convosco porque están agochadas e hai poucas. E tampouco é sinxelo conciliar a maternidade con todo o que non sexa criar. É difícil no eido laboral, no ámbito da parella, no desenvolvemento das amizades e sobre todo na posibilidade de participar na vida cultural.

Por iso, sempre souben –e agora me reafirmo moito máis contigo ao meu lado– que a vida é certamente máis fermosa grazas á arte. Ansío que ti poidas ser feliz coñecendo ese mundo en profundidade. Nunca che poñerei trabas, nin che farei pensar que vivir dela é unha vergoña. Ao contrario, anhelo un mundo no que poidamos dedicarnos dignamente á cultura antes de que o poder nolo restrinxa e censure ou que a intelixencia artificial nos roube toda a nosa creatividade.

Aínda así, confío no ser humano e teño esperanzas de que a IA non nos arrebatará de todo a imaxinación. Porque te miro a ti e vexo que cada cousa que aprendes que che fai incriblemente máis humana é grazas á túa creatividade innata e auténtica. Móstraste tal e como es, sen filtros, sen pantallas, sen mentiras. E iso lémbrame algo. O teatro, vivo e real. Quero contarche, filla, que o teatro será a nosa salvación. Será o único capaz de demostrar que a vida existe. Nada poderá substituílo nin corrompelo. E eu voucho ensinar, levareite a que o contemples cos teus enormes ollos que o observan todo. Para que te namores del, para facer máis fermosa a túa vida e sexa imprescindible nela. Non deixes de ir nunca ao teatro, miña nena, será o teu refuxio.

Cristal Lázare
Latest posts by Cristal Lázare (see all)

Cristal Lázare

Cristal Lázare

Cristal Lázare naceu en Vigo en 1985. Desde moi pequena soubo que quería ser actriz impulsada pola súa paixón polo teatro, o cine e as arte en xeral.

Empezou a formarse como actriz de dobraxe na Escola de Dobraxe de Barcelona no ano 2007 e formalizou a súa paixón pola interpretación titulándose en Arte Dramática pola ESAD de Galicia no 2013. Tras participar en diferentes proxectos teatrais, entrou a formar parte do elenco da serie infantil Os Bolechas da TVG, traballo que compaxinou coa dobraxe. Co tempo decidiu entregarse por completo a esta última disciplina. Na actualidade cursa o mestrado de Literatura Dramática, Música e Artes Escénicas da Universidade de Vigo (co propósito de poder realizar un doutoramento no ámbito das artes).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Festival Quincegotas

PAM convida a celebrar o Día da Danza