in

O CDG e a Associação Cultural Turbina estrean ‘Molestia’

Esta fin de semana, con dúas funcións no Edificio CINC da Cidade da Cultura

Imaxe promocional de Molestia
'Molestia'. Fonte: Cidade da Cultura.

O Centro Dramático Galego e a Associação Cultural Turbina presentan esta fin de semana Molestia, a primeira etapa do proxecto titulado NO KINGS, un ensaio teatral performativo ideado por Nuno Cardoso que “cruza o mundo de Shakespeare cos discursos de Davos, as novas das guerras de Ucraína e de Gaza e o ruído dixital da desinformación”.

As funcións de estrea serán hoxe, sábado 14, e mañá, domingo 15 de novembro, ás 18:00 horas no Salón de convencións do Edificio CINC, na Cidade da Cultura, sita no Monte Gaiás, en Santiago de Compostela. Trátase dunha proposta que desafía o público “a mirar de fronte para a crise de lexitimidade, a erosión democrática e o colapso do contrato interxeracional que marcan o noso presente”.

Construída arredor dun único personaxe —un sobrevivente, herdeiro da crise, que habita un non-lugar postapocalíptico— Molestia “non é unha adaptación fiel do teatro isabelino nin un documental escénico”. É, nas palabras do seu creador, Nuno Cardoso, “un ensaio teatral performativo no cal Shakespeare actúa como compoñente dramatúrxico vivo: unha presenza que ilumina, proporciona tensión e desmonta as narrativas do presente”.

“A dramaturxia organízase en catro eixes que fan colidir os textos shakesperianos cos debates críticos da Europa actual. Rei Xoán, Xulio César, Ricardo III, A tempestade, Coriolano e Otelo son convocados para dialogar cos discursos de Davos, os relatorios da Comisión Europea, as alertas climáticas da ONU, as novas de guerra e a linguaxe do tecnofeudalismo. O resultado é unha fricción constante entre a poesía e a burocracia, entre a memoria e o ruído mediático”, recolle a sinopse. “Nun mundo polarizado e en policrise, Molestia. No Kings chega aos escenarios como un arquivo vivo dunha Europa en colapso”, engádese.

As entradas poden mercarse en liña, a través de Ataquilla, ou presencialmente no Museo Gaiás, na Cidade da Cultura, a un prezo de cinco euros máis gastos de xestión.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Auto da Barca do Inferno

O CDG e o Teatro São João do Porto estrean ‘Auto da Barca do Inferno’