in ,

Chechu Riquelme estreou ‘Na outra banda’ en Cangas

É o proxecto gañador do programa Da Man 2026, de Amarelo, co apoio do Centro Coreográfico Galego

Chechu Riquelme Na outra banda
Imaxe do proceso de creación de 'Na outra banda'. Fonte: Chechu Riquelme.

O Auditorio Municipal de Cangas acolleu onte, 14 de novembro, a estrea de Na outra banda, a primeira creación escénica de formato completo de Chechu Riquelme. A peza, duns 50 minutos de duración, combina danza contemporánea, baile tradicional galego, folclore arxentino e música en directo para abordar a migración, o desarraigo e a procura dun lugar propio lonxe da terra de orixe.

A peza

Estruturada en tres partes —A viaxe, A ferida e A convivencia—, a obra percorre distintas dimensións da experiencia migratoria: a partida e a chegada, a soidade, a memoria e a necesidade de construír un novo fogar. A función incluíu un interludio no que o público participou activamente, formando parte da experiencia escénica.

A través do corpo e do encontro entre linguaxes de movemento, Na outra banda pregunta “que levamos connosco cando marchamos e como se transforma a identidade ao vivir entre lugares, culturas e vínculos”.

A proposta nace dunha experiencia persoal, pero busca abrir unha reflexión colectiva. “Nun contexto no que os discursos de rexeitamento ás persoas migrantes ocupan un lugar visible no debate público, a peza aborda a cuestión desde a memoria, o corpo e as relacións humanas, sen ofrecer respostas pechadas. Invita o público a cuestionar a súa propia mirada sobre a migración, o desarraigo, a acollida e a posibilidade de construír comunidade”.

A música en directo e a paisaxe sonora de Xandre Outeiro son parte esencial da dramaturxia. O son non funciona só como acompañamento, senón que dialoga co movemento, crea atmosferas e acompaña os cambios emocionais da peza, configurando un espazo sonoro propio que participa na construción do relato.

O título da obra fai referencia ao poema homónimo de Álvaro Cunqueiro e evoca a memoria, o paso do tempo e os vínculos que permanecen malia a distancia. Desde esa imaxe, Na outra banda propón tamén unha pregunta sobre o fogar: “como se constrúe, que persoas o fan posible e de que maneira podemos atopar pertenza nun lugar novo”.

A creadora e bailarina

Nada en Bos Aires e residente en Galicia desde 2016, Chechu Riquelme é bailarina, docente e creadora. Forma parte do corpo de baile de O Fiadeiro e desenvolve o seu traballo arredor do baile tradicional galego, a danza contemporánea e a investigación do movemento. Na actualidade imparte aulas en A.C. Trépia, UNED e A.C. Gharbosas, e dirixe o grupo de baile da A. Volandeira, en Cambados. Foi tamén docente na ETRAD e na A.C. O Fiadeiro de Vigo .

A súa relación coa cultura galega comezou en Arxentina e levouna a trasladarse a Galicia para estudar, practicar e transmitir as súas expresións tradicionais. Na outra banda supón un novo paso nese percorrido: unha creación propia que conecta a experiencia migratoria coa conversa entre tradición e contemporaneidade.

A obra foi a proposta gañadora de Da Man 2026, programa de acompañamento a artistas emerxentes da danza promovido por Amarelo, co apoio da Agadic a través do Centro Coreográfico Galego.

Ficha artística

• Creación, dirección e interpretación: Chechu Riquelme
• Coreografía: Daniela López Álvarez
• Composición, música en directo e paisaxe sonora: Xandre Outeiro
• Ollada externa e asistencia coreográfica: Márcia Vázquez
• Deseño de iluminación: Héctor Pazos
• Distribución: Amarelo

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe promocional de Molestia

O CDG e a Associação Cultural Turbina estrean ‘Molestia’