A Revista

 

Foto: Nando Iglesias

 

A erregueté | Revista Galega de Teatro existe dende 1983 e, na actualidade, é a única publicación periódica que ten como obxecto o teatro galego. A revista está editada por unha Asociación Cultural sen Ánimo de Lucro, Entre Bambalinas.

A liña editorial da erregueté | Revista Galega de Teatro sempre estivo marcada pola independencia, a honestidade e o rigor informativo e o seu obxecto preferente é o teatro galego, aínda que sen prescindir dunha insaciable curiosidade por calquera aspecto de interese relacionado co teatro en xeral. A erregueté | Revista Galega de Teatro conxuga información, creación, divulgación e estudo. Así, publica críticas, reportaxes, crónica de festivais, recensións de libros, ensaios sobre un determinado aspecto relacionado coa arte dramática…

Na actualidade o organigrama da revista é o seguinte:

Directora: Vanesa Sotelo

Subdirector: Manuel Xestoso

Secretario: Roberto Pascual

Consello de Redacción: Afonso Becerra de Becerreá, Inma López Silva, Roi Vidal Ponte, Esther Carrodeguas, Gena Baamonde, Fran Peleteiro.

Consello Editorial: Antón Lamapereira, Xosé Manuel Pazos Varela, Che Mariño, Pedro Pablo Riobó, Gonzalo Rodríguez Calvo, Casilda Alfaro.

Administración /subscricións: Helena Torres

 

 

 

A Revista Galega de Teatro ten unha “prehistoria” que hai que buscar no Boletín de Información Teatral da Escola Dramática Galega cuxo número 0 aparece en Vigo no ano 1983. A creación deste Boletín foi unha iniciativa, entre outras, que levou adiante a sección de Vigo da Escola Dramática Galega (E.D.G) con sede na Coruña. Cando se decide clausurar a sección de Vigo da EDG, o Boletín pasará a denominarse Boletín de Información Teatral, para mudar pouco despois en Información Teatral, máis tarde Información Teatral-Revista Galega de Teatro e definitivamente, desde o número 11, en Revista Galega de Teatro.

Unha metamorfose guiada sempre polo obxectivo de “dar un paso máis no camiño da normalización teatral en Galicia” como xa podemos ler no número 0 daquelas “hojas volanderas” como alguén as chamou no Faro de Vigo cando apareceu. Normalización que consistía e consiste aínda en informar sobre a actividade teatral do país e do resto do mundo. Hai polo tanto unha continuidade na liña programática entre aquel primeiro Boletín de oito páxinas aparecido no “século pasado” e os últimos números aparecidos con máis de cen páxinas.

Na actualidade a erregueté | Revista Galega de Teatro é editada por unha Asociación Cultural sen ánimo de lucro. Polo seu Consello de Redacción pasaron persoas relacionadas cos máis diversos ámbitos do mundo do teatro, desde a investigación á pedagoxía, desde a escrita á xestión ou a práctica actoral. Ao longo destes 30 anos formaron parte deste Consello de Redacción: Antón Lamapereira, Che Mariño, Xosé M. Pazos, Pedro Pablo Riobó, Casilda García Alfaro, Gonzalo Rodríguez, Conchi Costas, Iria Méndez, Manuel Vieites, Lourdes Vega, Cristina Cameselle, Ricardo Solveira e Mª. Xosé Vilas.

Polo demais, a existencia desta publicación está en débeda permanente coa colaboración desinteresada e solidaria de moitísimas persoas que achegan artigos, textos dramáticos, fotografías, deseños e ideas.

 

Máis sobre a erregueté | Revista Galega de Teatro: