in

Patadas no cu

Foto: Jason Briscoe
Foto: Jason Briscoe

De pequeno vaticináronme moitas cousas malas e iso que nacín cos ollos abertos, supoño que por un prenatal impulso curioso. Sería divertido que iso existise: Nacer impulsados pola curiosidade e logo ir perdendo o interese.

O caso é que de min nunca se agardou gran cousa, e non foron poucas as veces que me profetizaron unha vida miserable. Certo é que nunca fun un gran estudante, pero non me parece que fose para tanto.

Tamén é certo que tiven malas amizades na adolescencia e nunca souben moi ben o que facía, eu facía e punto. Xa non me lembro demasiado ben de todo aquilo.

Total, que non acabei nas drogas, nin repetín nunca curso, nin pisei o cárcere. O que si quería era cambiar o mundo porque era un adolescente un pouco parvo, pero con pretensións de rebeldía insubmisa.

O problema apareceu cando os rebeldes resultaron ser xente con pouca cabeza e demasiado tempo libre. Vamos, que tiñan a capacidade de análise social dunha pedra. E desencanteime por aburrimento e falta de argumentos minimamente emocionantes.

Nunca fun un gran animal político, así que me centrei en intentar ser boa xente, que é o verdadeiramente complicado. Non estou libre de pecado porque fun inxusto ás veces, pero trato de ir facéndoo mellor, sobre todo agora que vou aprendendo a poñer cara e voz de póquer cando alguén di algunha chorrada cósmica. E non son poucas veces, tristemente.

Como a vida me foi botando cara ó teatro, fun tratando de explicarme o mundo a través del. Decisión que non para de darme dores de cabeza e, á vez, unha profunda satisfacción, porque as artes son un filtro que se volve bastante revelador sobre a realidade.

O teatro é infinito. Pode ser activo, pasivo, frío, pasional, todo a vez e tamén nada. E todo está ben.

Supoño que a miña rebeldía adolescente, aínda presente nalgún lugar, levoume a sentirme cómodo nese tipo de teatro popular que pode dicir as cousas claras e non se anda con sutilezas intelectuais. Prefiro actuar na rúa a facelo nun gran teatro se con iso consigo que o meu discurso estea no lado que considero correcto.


Publicidade

Teño gran simpatía pola filosofía e as grandes ideas, pero sobre todo sinto unha gran determinación en lograr ser capaz de explicar eses grandes conceptos de forma sinxela, porque a vida, como o teatro, non é tan rococó. Vamos, que é mellor dar unha patada no cu a quen o merece, a abrir un simposio sobre a ética kantiana.

Un ladrón? Patada no cu.

Un mentireiro? Patada no cu.

Almorrás? Patada no cu.

Trato de camiñar cara a un lugar na vida onde o respecto polo teatro sexa profundo e real. Cara a unha profesión onde estean mal os discursos grandilocuentes que agochan intencións perniciosas ou onde non se inste á xente a facer cousas aleatorias sen sentido.

Gústame aspirar a ver un teatro que sexa sincero. Onde todos fagamos sen ocultar o que somos. Seriamos máis felices e sería máis sinxelo identificar quen merece unha patada no cu..

E desculpade se con este artigo insto á violencia, pero sobrevivín a miña adolescencia como puiden e agora pregúntome como se pode sobrevivir a ser adulto sen recibir algunha patada no traseiro nalgún momento.

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. É un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. Actor, docente e condutor de furgonetas, o que sexa necesario. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pexels, de Jan van der Wolf.

Vergoña de que? Orgullo sempre!!!

FA Artistas 1 xullo Festival Atlántica

O Festival Atlántica inaugura a súa duodécima edición