in , ,

A MIT de Ribadavia desvela os primeiros nomes do programa da súa 42ª edición

Acollerá 25 espectáculos e máis de dez actividades paralelas do 17 ao 25 de xullo

'ROLAND MON AMOUR' Imaxe: CDN_©BSP
'ROLAND MON AMOUR' Imaxe: CDN_©BSP

Despois de dar a coñecer o pasado mes de marzo as datas da súa 42ª edición e de convocar o 21ª Premio Abrente, a Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia vén de desvelar hoxe os primeiros nomes que forman parte do programa, así como algunhas das liñas definidas pola dirección artística para a nova convocatoria do festival. Esta celebrarase do 17 ao 25 de xullo de 2026, no segundo ano da dirección artística encabezada por Sabela Mendoza e Gena Baamonde, que continúan a apostar “pola creación contemporánea, a diversidade de linguaxes e formatos e a capacidade da escena para activar pensamento crítico e experiencia colectiva”.

Esta edición foi inspirada pola idea de “cita”, no senso do “encontro coas outras, coa memoria, coas escenas que nos fan vibrar. A importancia de recoñecernos e nomearnos”. Mendoza e Baamonde expresaran o seguinte arredor da súa escolla: “A MIT é a mesma e diferente cada ano. Regresar á Mostra é manter o hábito do extraordinario, o costume de sorprendernos. En tempos escuros, a arte segue sendo un refuxio colectivo para o posible”.

Memoria histórica

Nesta edición destaca tamén unha programación que reivindica “a memoria histórica como ferramenta para pensar o presente político e social, nun contexto marcado polo avance dos discursos autoritarios, as guerras abertas e as novas formas de violencia colonial e extractiva”.

Nese marco abrirá a MIT a compañía galega Chévere con ICTUS (Anatomía de ‘A derradeira leición’ de Castelao), a súa última creación en coprodución co Centro Dramático Nacional, arredor da memoria histórica, a democracia e os efectos da desmemoria, que leva como fío condutor a emblemática pintura de Castelao. A peza incorpora lingua de signos e audiodescrición integrada na narrativa, entre outras medidas de accesibilidade.

Teatro Experimental do Porto presentará José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983, unha proposta escénico-musical de gran formato que revisita a memoria portuguesa para traela ao presente a través da figura do cantautor Zeca Afonso, autor do popular Grândola, Vila Morena, símbolo da Revolución dos Cravos.

A compañía A Feroz presentará a estrea estatal d’A Fortaleza, coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) e o festival FITEI do Porto. A obra, dirixida pola portuguesa Raquel Sousa e con dramaturxia de Lorena Conde e da propia Sousa, recupera a memoria das guerrilleiras antifranquistas galegas a través da figura da maqui Consuelo Rodríguez López “Chelo”.

Trátase de tres traballos que, segundo destacan dende a dirección da Mostra, “revisitan as ditaduras ibéricas, os movementos de resistencia antifascista e os procesos colectivos que fixeron posible a chegada da democracia en España e Portugal”.

Por outra banda, estará tamén na MIT a peza Mi madre y el dinero, da compañía mexicana Pornotráfico, que, desde unha dimensión íntima e autobiográfica, afonda nas consecuencias do colonialismo económico e da violencia do capitalismo global. En escena, o autor Anacarsis Ramos comparte espazo coa súa nai nun exercicio de reconstrución autobiográfica atravesado pola pobreza, a violencia e a extracción colonial.

Música e celebración colectiva

Outra das grandes apostas da MIT 2026 será a presenza da música e do son como elementos mobilizadores. Concertos escénicos e creacións híbridas que exploran arredor da capacidade da música e do ritmo para producir experiencia compartida, activar afectos e convocar comunidade. O espectáculo de Teatro Experimental do Porto, que trae ao presente o espírito de celebración colectiva dos últimos concertos de José Afonso, é tamén un claro exemplo desta liña do programa.

A creadora galega Cris Balboa chega á MIT con Roland mon amour, en coprodución do Centro Dramático Nacional e o Centro Dramático Galego, que se presenta como “un monodrama construído desde a música electrónica, o corpo e a palabra no que conviven humor, ironía, celebración e vulnerabilidade para falar do presente e da condición de ser artista no noso tempo”.

Janet Novás, acompañada da creadora musical Mercedes Peón, presentará Mercedes mais eu, unha peza de danza e música en directo arredor do ritmo, da escoita e da “construción dun común sensible”, que escollerá Ribadavia para a súa despedida dos escenarios.

Ademais, a bailarina canaria Paula Quintana presentará Atlas de anatomía, “un solo acompañado por un coro de voces en directo, entre flamenco bastardo e danza contemporánea, que afonda na identidade, na mestizaxe e nas posibilidades de transformación do corpo”.

Encontro e intercambio

A MIT 2026 reivindica tamén a escena “como lugar de encontro co outro e co descoñecido, abrindo espazos para pensar os corpos, os coidados e as formas de relación desde perspectivas non normativas”.

Nesta liña sitúanse propostas como Estudio para una extracción, de Poliana Lima, unha peza “que explora o invisible, o fantástico e o onírico presentes nos corpos”; ou Hospital de campo de Societat Doctor Alonso, centrada nas prácticas colectivas dos coidados e acompañada do taller El desenterrador, arredor dos significados ocultos das palabras e das ideas.

A programación galega da MIT 2026 incorpora tamén proxectos que fortalecen os vínculos internacionais da creación galega contemporánea. En colaboración coa Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, a MIT acollerá por primeira vez unha peza do recoñecido coreógrafo francés Jérôme Bel, interpretada pola actriz e performer galega María Roja, na primeira tradución ao galego deste traballo. No ámbito das artes vivas, a creadora galega afincada en Suíza Begoña Cuquejo presentará Enchivas, xunto á performer e matemática mexicana Erika Roldán, unha peza que cruza arte, matemáticas e fútbol desde unha perspectiva feminista e participativa.

Espazo de referencia

Con moitos outros nomes aínda por confirmar, a 42ª edición da MIT presentará un total de 25 espectáculos e máis de dez actividades paralelas de mediación e formación, con programación diaria en distintos espazos da vila. Xunto á programación artística, a Mostra reforzará tamén os seus espazos de encontro profesional, intercambio e pensamento compartido. A programación completa da MIT 2026 anunciarase proximamente.

Promovida polo Concello de Ribadavia, a MIT conta un ano máis co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Cultura e a Deputación de Ourense, entre outras entidades e patrocinadores habituais, ás que este ano se une AC/E Acción Cultural Española a través do programa PICE.

 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Reconversión', de Ibuprofeno Teatro. Foto de Diego Seixo.

Reconversión