in

O teatro que vén

IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal

IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Bocixa.
IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Bocixa.

As artes escénicas son un terreo que sempre dá boa conta da diversidade e das pulsións e desacougos máis actuais da sociedade. Perante unha época especialmente controvertida, polas guerras, o neonazismo e a polarización ideolóxica, a manipulación orquestrada polos algoritmos do mundo dixital distraéndonos e condicionando as nosas vidas, a crise climática e a económica, as artes escénicas toman posicións e ofrécennos perspectivas sorprendentes e activadoras.

IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra
IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra

Quizais foron estes os motivos que nos levaron a pedirlle á dramaturga e directora vasca María Goiricelaya unha disertación sobre “memoria e acción”, conscientes do importante que pode ser a memoria para aprender do pasado e intentar corrixir erros nefastos no presente e no futuro. Goiricelaya ten feito un traballo moi comprometido reactivando casos polémicos de violencias e abusos, como os sucesos de Altsasu en Navarra ou o caso Nevenka no concello de Ponferrada, que deron lugar a dúas pezas homónimas.

O domingo 25 de outubro de 2026 o Teatro Rosalía Castro da Coruña brindou o seu escenario para 7 propostas de espectáculos teatrais que están en proceso, algúns en fase inicial, outros inacabados ou a piques de rematar. A potencia de artistas emerxentes que quizais non contan cunha infraestrutura para presentalos ás convocatorias de axudas á produción, pero que veñen con algo moi valioso para compartir.

A diversidade das 4 propostas galegas e das 3 portuguesas, seleccionadas para participar no festival, desbordou as clasificacións habituais introducindo modalidades e xéneros híbridos tales como o cabaré queer, o teatro de bonecos, a comedia de bufón, a performance centrada no encontro, o monólogo dramático interactuando co público, a comedia surrealista, o cruzamento entre poesía e videocreación. No que atinxe ás temáticas tivo especial incidencia a cuestión da identidade e os conflitos a que pode dar lugar segundo as hexemonías contextuais, a precariedade da mocidade, a migración, a fraxilidade e a saúde mental, o desfase entre os desexos e as realidades…

IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra
IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra

Abriu a xornada A casa do avó de Jimy Núñez (Galiza), un monólogo dramático en diálogo co público e cos obxectos herdados da casa do avó, que o protagonista se ve obrigado a poxar. A través deses obxectos vai debullando a historia familiar, entre capítulos graciosos e outros máis tristes, mentres o público participa nunha poxa para facerse cos tres lotes nos que distribúe esas pertenzas.

IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra
IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra

En Xineceo Diana Longa (Galiza) apréndelle a facer gancho a unha espectadora, lembrando a arte da súa avoa nesta materia e, a través dunha conversa con nós, poñéndoa en contraste coa historia da arte, para abrir debate ao respecto. Así, Xineceo inclúenos nun encontro para falarmos, ao calor do labor do gancho, sobre a necesidade e as condicións da arte na vida.

IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra
IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra

A última cea de Altea Piñeiro (Galiza) representa, en diálogo con marionetas e co propio público, a historia gótica dunha amante asasina e caníbal. Humor negro asentado na hipérbole e na distancia respecto ás accións representadas, conseguida co uso dos bonecos e tamén con esa dobre articulación entre a narradora cómplice do público e o personaxe desta vingadora.

IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra
IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra

Crescer, Dói! de Clara Zamorano (Portugal) ofrécenos o encontro entre un mozo triste, cunha vida marcada pola precariedade económica e a migración, e unha doutora psicóloga fantástica. O consultorio convértese así nun espazo para a comedia surrealista, con números cantados e con situacións que desafían a lóxica cotiá, quizais porque a vida actual tamén desafía o que debera ser a lóxica máis humana.

IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra
IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra

Gordot de Paulo Narciso (Portugal) é un home que parece que está enfadado e que se dirixe a nós para pedir e dar explicacións sobre as nosas expectativas, ironizando sobre ese afán do público por pasalo moi ben e por rir no teatro. A comedia, influenciada parodicamente polo Godot de Beckett, tamén é unha reflexión cómica sobre o que ten graza e o que non, sobre o que fai rir e o que non, dándolle a volta aos termos.

IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra
IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra

As Bacantes de Rafael Ferreira (Portugal/Brasil) é un cabaré queer que emprega as variedades, números musicais e bailados, teatro de sombras, bonecos e moito humor procaz para recrear a traxedia de Eurípides, nun estilo festivo e moi desenfadado.

IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra
IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal da AELG. Foto: Afonso Becerra

Pechou a xornada Barreira para peles sensibles de Silvia Penas e Samuel Merino (Galiza). Unha performance na que a poesía se complementa coa videocreación e na que Silvia fai emerxer a personaxe alegórica da camaleón, os corpos subalternos que deben camuflarse para poder sobrevivir nun contexto adverso.

As propias persoas que participaron emitiron o seu voto sobre as propostas que lles gustaría ver estreadas nun teatro e o xurado, integrado por Célia Mendes, coordinadora responsable do Centro Cultural Portugués en Vigo do Instituto Camões, Xosé Paulo Rodríguez, director artístico do Teatro Rosalía Castro da Coruña, Fabrice Corrons, especialista en teatro contemporáneo da Universidade de Toulouse e eu mesmo, Afonso Becerra, coordinador do festival e vogal da Sección de Literatura Dramática da AELG, escollemos Gordot de Paulo Narciso para ofrecerlle a posibilidade de estrear a peza nun dos espazos do Concello da Coruña.

Entre o bufón e o filósofo, a brincar con seriedade sobre o que nos fai rir e o que non, situándonos na contradición constante, Gordot de Paulo Narciso continuará cociñándose como Traballo Fin de Mestrado na ESMAE do Porto e retornará como espectáculo á Coruña para que poidamos desfrutalo.

Do mesmo xeito, tamén esperamos poder asistir ao desenvolvemento das outras propostas, despois das conversas e das cuestións compartidas nesta XI Xornada da Sección de Literatura Dramática da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega.

Afonso Becerra
Latest posts by Afonso Becerra (see all)

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto en 2024 e 2026, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Mofa e Befa

Mofa e Befa estrea ‘A arte da guerra’ no FIOT