in ,

Mofa e Befa estrea ‘A arte da guerra’ no FIOT

Hoxe, 23 de outubro, no Pazo da Cultura de Carballo, abrindo a programación desta fin de semana do festival

Mofa e Befa
Imaxe promocional do espectáculo 'A arte da guerra', de Mofa e Befa. Fonte: Xunta de Galicia.
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, acollerá hoxe, venres, 23 de outubro, a estrea o espectáculo A arte da guerra, de Mofa e Befa, coproducido polo propio festival. A peza toma como punto de partida o lendario tratado de Sun Zi para construír “unha farsa feroz e irreverente sobre o poder, o engano e os conflitos que atravesan a sociedade actual.” 
 
Reis, xenerais, concubinas, espías, magnates, adestradores de fútbol, avogadas matrimoniais e outras figuras atrapadas en singulares conflitos humanos compoñen un retablo urxente dun mundo en colisión, no que rexorde o belicismo. Fiel ao seu particular estilo, Mofa e Befa transforma a sabedoría militar chinesa nunha sátira da nosa época, na que a ironía e a gargallada se converten nas mellores armas para mirar criticamente o presente. Porque, se todo é unha guerra, a compañía propón tomala con humor e combater, sobre todo, o aburrimento. A montaxe conta coa interpretación de Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto, co espazo escénico de Marcelino de Santiago «Kukas», o deseño lumínico de Octavio Mas e a dramaturxia e dirección de Carlos Santiago.
 
A estrea absoluta estivo precedida dunha función escolar, a  modo de preestrea, onte, xoves 22, ás 11.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura. Ademais, a función de hoxe acollerá á súa fin a entrega do Xograr de Outono 2026, un dos recoñecementos que forman parte da identidade do festival.

Ficha artística

Autoría: Carlos Santiago & Quico Cadaval

Dirección: Carlos Santiago

Deseño iluminación: Octavio Mas

Elenco artístico: Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto

Axuda á creación: Agadic

‘Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos’

Mañá, sábado 24 de outubro, ás 20.00 horas, o Auditorio do Pazo da Cultura acolleráVendrán los alienígenas y tendrán tus ojos, da dramaturga e directora María Velasco, Premio Nacional de Literatura Dramática 2024. O espectáculo chega por primeira vez a Galicia avalado pola súa acollida crítica.

Sinopse

A peza parte da historia dunha muller que chega á metade da vida apática e descrida. A irrupción dun novo amor convértese nun acontecemento extraordinario, comparable á aterraxe dun obxecto voador non identificado: unha experiencia capaz de devolvela ao pensamento máxico e de facela crer de novo nas grandes utopías.

Desde o humor e a medio camiño entre a autoficción e a ciencia ficción, Velasco reflexiona sobre o amor nunha sociedade marcada polo individualismo e pola procura de afectos sen riscos. Amar convértese nunha aventura cara ao descoñecido, capaz de alterar a maneira de mirar o mundo e de abrir novas posibilidades nun contexto no que semella difícil confiar nos demais.

A montaxe combina teatro, música en directo, danza e creación audiovisual nunha proposta de poderosa factura visual. María Jáimez e Carlos Beluga protagonizan o espectáculo, que conta con coreografía de Josefina Gorostiza, creación audiovisual e multimedia de Albert Coma, escenografía de Jose Novoa, espazo sonoro de Tagore González e deseño de iluminación de Pilar Valdevira. A produción é de Pecado de Hybris, en coprodución con Nave 10 Matadero.

‘Solo quería bailar’

O domingo 25 de outubro, ás 20.00 horas, o FIOT pechará a programación da semana con Solo quería bailar, de Olalla Hernández, unha proposta que chega a Carballo en estrea en Galicia dentro da liña OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado).

Sinopse

“A partir da premiada novela de Greta García, a obra constrúe unha traxicomedia sevillana punk arredor de Pili, unha bailarina que, desde a cela na que cumpre unha condena de trinta anos de prisión, reconstrúe o camiño que a levou ata alí. A súa historia dá conta dunha vida na que o sistema parece empeñado en pechar todas as portas e convértese nun retrato da precariedade, da burocracia e das estruturas que exclúen.

Con retranca, rabia e unha fonda humanidade, Solo quería bailar mestura monólogo, palabra, humor e danza para dar voz a unha muller que reivindica o dereito a ocupar un lugar no mundo e a sentirse querida. A dirección, a escenografía e a coreografía son de Alberto Velasco, que acompaña a interpretación de Olalla Hernández nunha proposta intensa e irreverente na que a arte aparece tanto como un soño frustrado como un motor de resistencia”.

Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado

Mañá o FIOT celebrará tamén a última xornada do Certame de Micro-Escenas M², que alcanza a súa décima edición e leva o teatro a espazos cotiáns da vila, favorecendo o encontro directo entre artistas e espectadores a través de pezas breves e formatos de proximidade.

A programación inclúe A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez, con funcións ás 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30 horas en upa! Espazo barefoot. Mentres, a proposta Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas, poderá verse nos mesmos horarios en Sweet Spirit Moda Infantil.

O M² é unha das liñas máis singulares do FIOT: un laboratorio de creación e exhibición que explora as posibilidades do teatro fóra dos escenarios convencionais e achega a creación contemporánea a novos públicos. A entrada é gratuíta, pero debido á limitación dos espazos, recoméndase reservar praza escribindo a fiot.microteatroentrada@gmail.com indicando nome do espectáculo, horario, nome e apelidos da persoa espectadora e teléfono de contacto.

Coro Teatral LoitaMADRE

Mañá, ás 10.00 horas, desenvolverase no Pazo da Cultura o Coro Teatral LoitaMADRE, un laboratorio impulsado por ButacaZero con Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, en colaboración con Camino Escena Norte. A actividade forma parte dun proceso de creación escénica que toma como punto de partida a loita das nais contra a droga en Galicia e o papel das mulleres nos movementos de transformación social, e propón explorar a forza dunha voz colectiva a través do teatro.

Homenaxe a Manuel Lourenzo

Pola tarde, ás 18.00 horas, o festival celebrará unha conversa arredor de Manuel Lourenzo, figura fundamental da escena galega e integrante da comunidade de honra dos Xograres de Outono. O encontro servirá para afondar no seu legado e na pegada que continúa deixando en varias xeracións de creadoras e creadores.

Durante toda a semana poderán visitarse tamén no Pazo da Cultura, de 17.00 a 21.00 horas, as exposicións Zoom FIOT 2025 e Manuel Lourenzo. A pegada que continúa, que convidan a percorrer a memoria visual do festival e a achegarse á dimensión artística e humana dun dos grandes nomes do teatro galego contemporáneo.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Caídas Redrum Teatro

Redrum Teatro estrea ‘Caídas’ na capital galega