Óscar Cruz é bailarín e mestre de ensaios na Compañía Colombiana de Danza Contemporánea que, nesta edición de Escenas do Cambio, presenta as pezas El Vacío e La Cura dirixidas e coreografadas por Julio César Iglesias Ungo.

Cóntame un pouco como é a Compañía como institución?
A Compañía Colombiana de Danza Contemporánea está a piques de cumprir 11 anos de historia. Comezamos un grupo de bailaríns moi novos, entre os 17 e 24 anos. Este grupo mantívose durante moito tempo e pouco a pouco foi absorbendo novos intérpretes procedentes da escola. Unha das grandes sortes que temos é que contamos con moitos mestres que imparten obradoiros, dous ou tres ao ano, e tamén coreógrafos, dous cada ano. De feito Julio ten creado xa tres obras con nós. Isto permítenos movernos en festivais nacionais, internacionais, gañar en presenza e isto á súa vez propicia que a compañía acabe por xerar a súa propia identidade artística que logo é transmitida ás novas xeracións que van entrando.
A vosa estrutura é fundamentalmente pública?
Si, a compañía é pública e recibe financiamento do goberno local de Cali.
Tras estes anos de funcionamento, visibilidade e posicionamento da organización, tedes un repertorio propio que conforma xa a historia da institución ou producides obras que van rotando?
Si, intentamos xerar un repertorio propio, esa é a intención tras a estratexia de recibir dous ou tres coreógrafos por ano. Isto provocou que chegado o momento tivéramos moito repertorio para saír e puidéramos facer xira por Ecuador, en Quito, Cuenca, Miami, Medellín, Bogotá, Bucaramanga, Santa Marta… pero penso que a xira máis importante que imos ter é xustamente esta, na que nos embarcamos agora, durante dúas semanas, coas dúas obras de Julio.
Neste caso, para o festival Escenas do Cambio, traedes dúas pezas, unha delas La Cura que cumpre oito anos. É sinxelo poder manter pezas con oito anos en circulación en xiras internacionais? Cales son as dificultades para unha xira como esta?
Sempre intentamos circular todo o que nos permiten os dereitos de autor dos coreógrafos. Neste caso temos a fortuna de que Julio foi estudante do noso director, ten un forte vínculo coa compañía e é tremendamente xeneroso en canto a dereitos de autor, o que nos permite seguir mostrando as súas pezas todo o que queiramos. Tamén na cidade de Cali temos un gran aliado que é a Bienal de Danza que axuda moito coa circulación nacional, de maneira que é un axente e un apoio fundamental.
Moitas persoas preguntan “por que non podo ver esta obra?”, “por que non presentades esta?” Pero non se imaxinan todo o que hai detrás de facer unha xira, a parte económica, xestión, organización, dereitos de autor que ás veces limitan… detrás dun espectáculo hai unha estrutura que soporta todo o que a xente pode ver no escenario. Como bailaríns ás veces non eramos conscientes disto, eu agora como mestre de ensaios doume conta da cantidade de traballo que trae.
No elenco da compañía actual compartides bagaxe formativa ou hai unha mestura de procedencias?Inicialmente a maior parte da compañía procedía da escola e das súas liñas de especialización, máis tarde ingresan bailaríns por audición procedentes do ballet clásico, das artes urbanas, da danza contemporánea… Esas persoas dan outra perspectiva, outras ideas e calidades de movemento que son importantísimas para facernos chegar onde estamos.
Como chega ao corpo o proceso de creación de Julio? (Óscar sorrí) A miña primeira experiencia con Julio foi impactante, foi desmontar todo o que cría saber ata o momento. Eu tamén son actor e conseguín saber de onde sae ese traballo de Julio, encantoume porque me permite ser e á vez estar. Unha vez que chegas e comprendes a sensación é moito máis satisfactoria, é moito máis rico porque non te sentes un bailarín fermoso, sénteste un ser humano que expresa e solta. Ese xeito de traballar é marabilloso. Tamén é complexo presentar este traballo a persoas que se incorporan á compañía, transmitir ese xeito tan particular de Julio, pero unha vez fan “click” ves que algo se transforma nos seus corpos.
La Cura e El Vacío son dúas propostas moi físicas, que lle sucede ao corpo nestas dúas pezas?
Hai algo moi poético no xeito de traballar de Julio, é que cando cres que o teu corpo non pode máis, é cando comeza a dar o que é real. Cando non estás canso vas á forma, ao estético… pero cando o teu corpo e a túa mente entran en modo supervivencia, aí é onde aparece o que somos como seres humanos, a verdade.

A conversa con Óscar foi máis ampla do que podemos recoller aquí, algunhas partes quedaron fóra. Coido que estas liñas permiten achegarse á compañía e ao proceso de traballo desenvolvido xunto a Julio César Iglesias Ungo e ás pezas El Vacío e La Cura que veremos nesta edición de Escenas do Cambio.



