Non sempre se ten a oportunidade de falar cos creadores dun espectáculo que se vai ver. Pero iso foi o que pasou coa Compañía Nómada, que presentou a súa peza Frágil na sala Ensalle de Vigo. Falar con eles sobre a súa obra e que se interesasen por saber que foi o que sentimos o público estableceu unha maior conexión co tema principal que quixeron transmitir: o paso do tempo
E non foi doado para ninguén responder que nos fixo sentir o que acababamos de ver. A complexidade poética que se contou a través do corpo do bailarín-actor Roberto Torres necesitaba repousar. A beleza que transmitiu, afondando nun tema que representa a realidade cruel da vellez, requiría unha asimilación por parte dos que alí estabamos desde o momento vital de cada un.
Con dúas cadeiras, follas secas e uns zapatos, a personaxe avanza por diferentes fases que van desde o inicio do declive ata a chegada da soidade total. Unha soidade que se contempla como a paz absoluta e a tranquilidade de aceptar o destino. E que o título da obra levase borradas as letras F e R non foi por casualidade. Ágil era o contrapunto, a loita por non envellecer. Na realidade do propio Roberto, cunha ampla experiencia, manifestábase a congoxa pola decadencia. A súa figura evocaba a forza e o medo de quen non quere –como dixo el mesmo– perder o control do seu corpo.
O seu compañeiro en toda esta historia é Diego Reinfeld, actor na peza e escritor da mesma. A súa presenza encarna a mirada do outro, o que observa. O que en ocasións acompaña pero non vivencia, o que xulga sen pretendelo, a testemuña do paso do tempo, o símbolo da xuventude que vai quedando atrás.
Ambos atopáronse para cocrear e darlle forma a este relato. Frágil convértese nunha peza que non só fala da vellez, senón tamén da necesidade de escoitala e sobre todo mirala. A compañía propón un exercicio de honestidade escénica a través da traxectoria persoal Roberto e fai o público cómplice dos seus temores. Ao final, máis aló deses instantes que compartimos a obra colócanos diante dun espello que nos ensina unha verdade na que acabaremos recoñecéndonos todos.


