in ,

O CDG e Redrum Teatro estrean ‘A furia da amanita’

Con tres funcións en Santiago de Compostela

Escena da montaxe A furia da amanita
Miguel Borines e Sheyla Fariña, nunha escena da peza 'A furia da amanita'. Fonte: Xunta de Galicia'.

O Salón Teatro acolle hoxe, venres 5 de xuño, ás 18.00 horas, a estrea da coprodución do Centro Dramático Galego coa compañía Redrum Teatro A furia da amanita, con dramaturxia de Santiago Cortegoso e dirección de Guillermo Carbajo e Alex Sampayo. A montaxe, que conta tamén coa colaboración do Concello de Teo, ofrecerá outras dúas funcións durante a fin de semana: mañá, sábado 6, e o domingo, 7 de xuño, tamén ás 18.00 horas.

O espectáculo dálle continuidade á actividade coprodutora desenvolvida este ano pola unidade teatral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que nas últimas semanas presentou Black Box. Unha saga épica, de Hugo Torres; Somos os monstros, con texto de Paula Carballeira e dirección de Magda Labarga, e A Fortaleza, creación de Raquel S. e a compañía A Feroz, estreada no FITEI de Porto (Portugal). Nesta ocasión, o Centro Dramático Galego e  Redrum Teatro coproducen nunha peza que aborda temas como o dó, a memoria familiar, o choque xeracional, os vínculos paternofiliais e a responsabilidade individual e colectiva ante a guerra.

A furia da amanita foi o proxecto gañador da Bolsa de Dramaturxia e Creación do Centro Dramático Galego 2024/25, unha iniciativa dirixida a impulsar a escrita teatral contemporánea e a favorecer o desenvolvemento de novas voces e proxectos para a escena galega que materializa un proceso de selección no que participan representantes das principais institucións e organizacións do sector. A montaxe chega agora ao público nun espectáculo que conta cun elenco conformado por Sheyla Fariña e Miguel Borines, escenografía de José Perozo, vestiario de María Illobre, son de Davide González e iluminación de Carlos Álvarez-Ossorio.

Sinopse

“O autor sitúa a historia na Fábrica de Armas da Coruña, nun relato que arranca en 2017, ano do peche da factoría, para afondar na relación entre unha filla e o seu pai, antigo traballador da empresa desde os 17 anos ata ocupar un cargo de alta dirección.

 A furia da amanita parte do regreso de Irene á casa da súa infancia despois dunha década vivindo no estranxeiro, onde se reencontra cun pai recluído no silencio e na rutina. A partir dese vínculo roto pola perda, a distancia, os reproches e unhas diferenzas ideolóxicas cada vez máis fondas, a obra constrúe unha trama de intriga arredor dos traumas herdados e da dificultade de reparar as feridas do pasado.

Proponse así unha experiencia escénica íntima e honesta, na que a represión afectiva dialoga coa posibilidade de reconciliación e transformación interxeracional. A peza introduce tamén unha dimensión poética e ecolóxica a través da simboloxía do micelio dos fungos como metáfora dos vínculos invisibles que sosteñen a vida e a memoria, ao tempo que conecta a historia familiar coa conciencia social, coa responsabilidade diante da guerra e cos efectos da destrución humana sobre o medio”.

Entradas

A venda de entradas en liña está activa a través da plataforma Ataquilla. Tamén se poden adquirir as localidades no despacho de billetes do Salón Teatro (localizado no número 34 da rúa Nova, en Santiago de Compostela), que está aberto desde as 16.00 horas nos días de función.

 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Queixa [Roma ou morte], de Brigitte Vasallo

Polamiúda celebra en Chantada o festival Polas Bravas

Microefectos

OS Microefectos Dramatúrxicos volven a Lugo