Esta é a pregunta que nos remove se afondamos na resposta e nos deixamos levar pola reflexión. É, tamén, a pregunta que alimenta e envolve o novo espectáculo de Reinaldo Ribeiro, que estará en Escenas do Cambio pechando a súa triloxía xunto a Cap. III: Black through red e Cap. II: I’m not an influencer (Schwarzenegger exterminó mi futuro).
Reinaldo, de orixe brasileira, canario-catalán de adopción e cidadán do mundo, defínese como artista transoceánico, bitch conceptual e amante afrofuturista. Explora as artes vivas en eidos como a coreografía, o perreo cósmico e o que el define como o “concepto 4P”: a relación entre o político, o poético, o persoal e o patético.
Tiven o privilexio de conversar con el sobre esta peza, a súa traxectoria e a súa visión como creador, performer e cofundador do colectivo Lamajara (Barcelona).

Como nace esta triloxía? Que precisabas ou querías compartir?
A triloxía empezou a xestarse mentres facía un mestrado no Reina Sofía, en Madrid. Tiña cuestións territoriais e identitarias roldándome a cabeza sobre a negritude e os corpos: como se me lía como persoa en Europa e como en América Latina?
Recordo que un día, no metro, vin un recorte d’ O xardín das delicias do Bosco onde aparecía unha figura negra cunha mazá vermella na cabeza. Esa imaxe interpeloume profundamente. Coa chegada da pandemia, o mestrado pasou a ser en liña e decidín adaptar o meu proxecto traballando a identidade da negritude a través da correspondencia postal, ante a imposibilidade da presenza física.
Interesábame falar da negritude sen caer no binomio branco/negro. Por exemplo, en Brasil eu son “pardo”, unha categoría dentro do colectivo negro con moitas fisuras territoriais, pero en Europa venme doutra maneira. Mentres traballaba nisto, eu mesmo ía descubrindo que era ser unha persoa negra.
Atopei unha vía para falar dese mundo a través do vermello e os seus pantones. Elixín 12 tons que atravesaban a miña historia persoal : o Río (porque son de Río de Xaneiro) ou o Tango Red (porque vivín en Bos Aires, o primeiro lugar onde me sentín estranxeiro e onde escoitei por primeira vez que me chamaban “negro” de forma cotiá, en vez de polo meu nome).
A través de 12 postais que enviaba mensualmente, construín un relato de ficción, persoal ou musical que servía para entender a miña negritude. O proxecto medrou cando un festival propuxo que o público recibise estas postais nos seus buzóns. Todo remata cun ritual onde entrego a primeira postal e se xera un diálogo un ano despois.
Hai algunha razón para ir do capítulo 3 ao 1 e non ao revés?
Traballando co tríptico do Bosco, molestábame a orde cronolóxica. Así que, de xeito aleatorio, empecei polo tres. Como me quedaron preguntas pendentes sobre o corpo negro e o espazo do museo, creei o capítulo 2: I Am Not An Influencer (Schwarzenegger Exterminó Mi Futuro).
Nesa peza falo da “mirada exterminadora” da branquitude cara ás persoas racializadas ou fóra da norma (sexan persoas gordas, gays, etc.). Relacioneino co Terminator de Schwarzenegger, que mata a todas as Sarah Connor da guía telefónica sen saber quen son realmente, simplemente por unha sentenza previa. Tamén aproveitei vivencias persoais de exclusión que sufrín con persoal de seguridade en museos. Despois diso, entendín que para completar o tríptico necesitaba o capítulo 1.
E chegamos a ARDER ÉPICA (Cap. I), que pechará a triloxía en Escenas do Cambio. Que nos podes contar sobre a peza e o proceso?
Este é un proceso existencial e familiar. Hai tres anos descubrín un segredo de familia moi potente que conto nesta peza. Comecei a fabular para entender as miñas preguntas raciais e sentín que aquí estaba o capítulo 1.
Uso o incendio do Museo Nacional de Brasil (onde arderon 200 anos de historia) como metáfora para falar de memorias, perdas e segredos. Pregúntome: a quen protexemos cando gardamos un segredo familiar? É un paralelismo co Estado machista e patriarcal que se protexe a si mesmo.
No incendio sobreviviu o meteorito e o fósil de Luzia, o máis antigo do continente. Curiosamente, a “nai da humanidade” chámase Lucy, a “nai de América” Luzia, e a miña propia nai tamén se chama Luzia. Aí entendín que a peza non vai sobre min, senón sobre o sacrificio das mulleres e a súa palabra. Por iso o dispositivo escénico é un círculo (un espazo que as mulleres non adoitan ocupar) e priorizo a oralidade sobre o corpo.
A proposta estrutúrase en dúas partes: un encontro o sábado só para mulleres e persoas que se sintan mulleres, e o espectáculo o domingo. Que nos podes contar ao respecto?
O encontro nace do desexo de mediación. É unha ponte entre espectáculos onde eu non estarei presente, senón a miña dramaturga, Adeline Flaun, e as músicas coas que traballo. Crearemos un collage colectivo e unha última postal para pechar o ciclo.
Reinaldo, para pechar esta conversa, tes algún novo proxecto en mente ou en marcha?
Estou traballando en FUNERAL PARADE OF ROSES: liturxia para masculinidades fallidas.



