in

Ailén Kendelman e Areta Bolado crean a compañía Torta Torta

Nela combinarán música, teatro e humor acedo e reivindicativo

A compañía Torta Torta
Areta Bolado e Ailén Kendelman integran a nova compañía Torta Torta. Foto de La Diapo.

Baixo a premisa “teatro, música e outras deformidades”, vén de nacer Torta Torta, a nova compañía de Areta Bolado e Ailén Kendelman. Preséntase como unha “troupe”, coa que as dúas creadoras e intérpretes galegas continúan a súa traxectoria de creación en común mesturando música, teatro e humor acedo e reivindicativo. Nace este novo proxecto despois de que a finais de 2025 Areta, Ailén e Noelia Castro despedisen a compañía A Panadaría, tras doce anos de fulgurante e recoñecida traxectoria.

Sobre a denominación desta proposta, Areta e Ailén explican o seguinte: “En galego, torta é non ir dereita, estar torcida; e tamén temos retorta, que é ser revirada. Se preguntas en castelán, vén sendo unha lapada. Se es latina, unha bollera. E xa se sabe que, en todos os lados, a falta de pan…”. E engaden o seguinte arredor do enfoque do proxecto: “Torta Torta é un novo camiño que imos comezar a percorrer. Levamos moito tempo traballando xuntas e agora temos este reto de continuar e ver cara a onde queremos ir, que nos apetece contar e, tamén, escoitarnos a cada unha no que queremos facer e como queremos facelo; sempre con compromiso e tendo en mente a xustiza social, poñendo o foco en temáticas silenciadas ou en colectivos dos que normalmente non se fala. Trataremos, como sempre tratamos, de asumir esta responsabilidade de ser creadoras e actrices, enriba dun escenario, que é un altofalante para chegar a moitas máis persoas. E sempre con esa consciencia de aproveitar ese espazo público, ese lugar que é o teatro, para poñer o foco no que nos preocupa, o que nos indigna, o que nos parece inxusto, o que nos doe, o que nos fai gracia… Toda esa conxunción de elementos será Torta Torta”.

Entre as novas iniciativas da compañía, coñécese xa o novo proxecto musical Unha señora orquestra (estreado o pasado mes de marzo), “unha proposta de muller orquestra singular e festiva, na que o público participa dun concerto onde os ritmos galegos, as músicas do leste e o folclore latinoamericano se mesturan con letras reivindicativas”.

Máis aló desa peza musical, Torta Torta traballa xa na súa primeira produción teatral, Manchas de sangue, “unha viaxe polo tempo que fará un percorrido crítico desde os mitos e tabús sobre a menstruación até os horrores da guerra, con humor acedo e música irreverente”. Paralelamente, participarán a próxima semana na feira profesional Galicia Escena PRO.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Inauguración das xornadas da Academia Galega de Teatro 2026

A Academia Galega de Teatro desenvolve as xornadas ‘2000-2025: Sumando Primaveras’