Este artigo non vai destripar ningún conto.
A obra que é obxecto desta escrita chámase Xoguetes rotos, pero podería chamarse facilmente polo nome de calquera dunha miríade de filmes, series ou pezas teatrais das últimas catro décadas que teñen dous elementos básicos en común:
- Alguén que marcha da súa aldea para a gran cidade e pasa por un proceso de autodescubrimento sexoafectivo
- Polo menos un/unha/une maricón que está morrendo de SIDA.
No caso de Xoguetes rotos, é Mario, interpretado por Anxo Outumuro, quen foxe dunha vida que non lle convence en Riberia, indo cara a Vigo. Alí, coñece a Dorín, unha muller trans interpretada por Dani Lago, quen axuda a Mario a coñecerse mellor e quen, fiel á receita, está morrendo de SIDA. Algún que outro detalle está presente nesta permutación -como o amor revelador entre Mario e un mariñeiro ou os oficios de Dorín: actriz drag nun cabaré e traballadora sexual- pero o núcleo dramatúrxico é iso. O concepto non é innovador, e tampouco o será o argumento central desta análise.
De feito, argumentos en contra deste tipo de representación lgbtqia+ existen dende polo menos os anos 90, como no ensaio “Murdering the Lesbian: Lillian Hellman’s The Children’s Hour” [“Asasinando á lesbiana: The Children’s Hour de Lillian Hellman”] publicado en 1991, no que Mary Titus expón un patrón de protagonistas lesbianas que inevitabelmente morren ao longo da obra na que aparecen, xa dende a segunda década do século XX. A partir dos 80, poderíase dicir o mesmo dos tópicos presentes en Xoguetes rotos: si, é visibilidade, pero a que prezo?
O máis conseguido desta montaxe é a homenaxe a Jean Paul Gaultier presente no vestiario do mariñeiro Paul, plasmado por Juan Bas, o único elemento que verdadeiramente parece entender a sensibilidade queer que a dramaturxia pretende transmitir.
Infelizmente, esta finura non se traslada ao trato do personaxe de Dorín. Supostamente é unha grande actriz con anos de experiencia, algúns deles en París, e ten unha revista de cabaré travestí propia. Aquí hai dúas complicacións.
Primeiro, que unha muller trans faga drag non é unha contradición. Esta disciplina é simplemente unha expresión artística que xoga co xénero, sexa este ou non o mesmo da persoa artista en cuestión. Nesta produción, porén, parece haber unha confusión entre o espectáculo do travestismo e a expresión do xénero a través da indumentaria cotiá -un xogo que, sen dúbida, podería ser interesante como obxecto de investigación, pero que aquí simplemente non existe.
Logo están os zapatos. Si, eses zapatos de plataforma que Dorín leva cuns calcetíns ondulados. Eses son o segundo problema. Ou polo menos son un síntoma de algo maior que lle pasa a esta protagonista: un descoido estilístico profundo.
E ollo, non é que non haxa lugar dentro do mundo drag para o cutre; hai unha cantidade de performers que se gañan a vida con esta estética. A complicación está na xustaposión do glamur que Dorín cre que transmite e a falta de calidade do vestiario presente en escena. O efecto producido por este choque, que nunca se menciona e que vai xunto cunha serie de xestos afectados e tópicos por parte do actor, roza a ridiculización da personaxe, como se a produción quixese que se vise a Dorín só como un home que se puxo unha perruca e os primeiros tacóns que atopou e así se fixo muller (un concepto, por certo, da feminidade que Dorín mesma rexeita explicitamente na obra).
Todo isto, aparte de reafirmar estereotipos e desempoderar a Dorín, distrae do arco dramático de Mario, que tampouco se salva dos tópicos e acontecementos problemáticos. Moi cedo na obra, sofre o que chega a ser unha violación, á man dun home ao que lle tiña bastante cariño e quen a Mario mesmo lle espertara interese sexual. Dende logo é unha situación complexa e difícil de tratar, pero esta peza nin sequera tenta enfrontarse con ela. Desa escena non se fala máis, deixando unha posíbel interpretación do estereotipo do homosexual violador ou persoa queer abusada por alguén de confianza.
Cara ao final da peza, despois dun pouco de experimentación con outro nome e lencería, Mario confesa a Dorín que contempla operarse, para o seu noivo -con quen descobre a súa verdade, cómpre destacar, bailando baixo unha iluminación arco da vella que toca o condescendente. Velaquí outra oportunidade perdida: a cirurxía de afirmación de xénero é un tema delicado e, para moitas persoas trans, nin entra no seu abano de desexos; hai quen prefire tratamentos hormonais ou incluso quen non quere realizar ningún cambio físico.
É máis, tal e como está tratado este momento, o concepto de querer modificar o propio corpo para o gozo doutro -neste caso para compracer a un home cisxénero- pasa totalmente normalizado, outra vez indo en contra da suposta idea central da peza. Ao mesmo tempo, combínanse a expresión de xénero e a sexualidade, dúas facetas distintas da experiencia humana que aquí están referenciadas de maneira case intercambiábel.
Estas confusións discursivas e de vestiario trasládanse á fisicidade corporal presente sobre o escenario e fan que Outumuro -de maneira parecida a Lago- non chegue a convencer ao público da súa eventual autoaceptación. A desconexión entre corpo e feitos xera unha sensación que pode oscilar entre mágoa cara aos actores e indiferenza ou rexeitamento cara ás personaxes.
Quizais o que máis fai reflexionar sobre esta montaxe é que a dramaturxia orixinal dela non é propia; é unha adaptación e tradución realizada por Roberto Pascual dun texto de Carolina Román. Daquela, non se trata dunha peza base que nacera organicamente de alguén do equipo creativo -foi buscada, elixida adrede. Isto xera unha serie de preguntas para as compañías coprodutoras de Xoguetes rotos, Barrosanta e ButacaZero, e o seu director Xavier Castiñeira, principais entre elas:
Cales foron os obxectivos desta produción? E para quen é?
Imaxinemos que unha persoa que está cuestionando a súa identidade ve esta obra, ou alguén que (cre que) nunca vira a unha persoa trans. Como se quedaría despois de ver esta montaxe? Con que imaxe do mundo lgbtqia+ se iría do teatro? Con que conxunto de ideas, conscientes e subconscientes marcharía?
Quero que quede claro:
Tal e como está montada agora, esta produción de Xoguetes rotos fai dano á comunidade lgbtqia+, especialmente ás persoas trans.
Promove unha visión reducionista e anticuada da experiencia trans, condensándoa ao redor do travestismo, o traballo sexual, o morbo e as infeccións de transmisión sexual. Presenta unha historia que, aparte de caer nestes estereotipos, se contradí tanto dentro da propia dramaturxia como entre esta, a posta en escena e o labor actoral.
Se esta fose a primeira peza que vísemos en Galicia sobre a identidade trans, igual se podería perdoar, sacrificando os matices polo feito de ter representación, pero non é o caso. Por poñer un exemplo só da última década, a versión de Soño dunha noite de verán de Voadora incorporou a vida dunha actriz trans de xeito elegante e natural, xa en 2018.
Seica a produción orixinal de Juguetes rotos tivo bastante éxito cando se estreou nese mesmo ano en Madrid. É difícil saber o que mudou entre esa montaxe e esta adaptación. Quizais algo se perdeu polo camiño, ou quizais o tempo non lle favoreceu á obra. Ao mellor, con moito traballo, asesoramento e auto-revisión, Xoguetes rotos igual podería chegar a ter un impacto neutro ou incluso positivo. Como ben di Dorín “A túa segunda vida comeza cando comprendes que só tes unha”.
Iso si, primeiro hai que crelo.
- Xoguetes rotos - 16/06/2026
- La Intrusa celebra o seu 30 aniversario en Escenas do Cambio - 09/05/2026
- 52-BLAU de iXa abre Escenas do Cambio - 04/05/2026


