in , , ,

O Festival Atlántica segue a expandir a súa programación

Na súa 14ª edición, que se desenvolverá entre o 26 de xuño e o 10 de xullo

Presentación Festival Atlántica 2026
Presentación da edición de 2026 do Festival Atlántica. Fonte: Festival Atlántica.

Cun programa máis extenso, novas sedes e unha maior presenza de artistas e proxectos vinculados ao patrimonio cultural e á tradición oral. Así se presentou onte a décimo cuarta edición do Festival Atlántica, que se desenvolverá entre o 26 de xuño e o 10 de xullo deste ano, sumando cinco días á duración que tivera en 2025.

Tamén aumenta a súa presenza en máis puntos do territorio galego, chegando a un total de 33 localidades galegas, oito máis que o ano pasado. Do mesmo xeito, conta con 62 espazos escénicos e 50 artistas, procedentes de Galicia, Navarra, Zamora, Huelva, e tamén de Portugal e Colombia, dando continuidade ao intercambio con outras rexións e países.

Asemade, o festival continúa co Ciclo Novas Voces en varias sedes (Santiago, Mugardos, Ribeira, Pazos de Borbén, Outes, A Fonsagrada…) e amplía o seu traballo en espazos patrimoniais, naturais e singulares en todo o territorio.

Apoios e liñas

O festival conta co patrocinio xeral da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, da Deputación de Lugo e mais co apoio dos diferentes concellos que participan, como é o caso do Concello de Santiago de Compostela, onde se realizou onte a presentación desta edición.

No anuncio da programación participaron a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago, Míriam Louzao; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; o alcalde do Concello de Dodro, Francisco X. Castro; a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o alcalde do Concello de Pazos de Borbén, Luciano Otero; o alcalde do Concello de Outes, Francisco Calo; e a concelleira de Cultura e Turismo de Teo, Mª Margarita Rosende; así como membros do equipo organizador encabezados pola directora do festival, Soledad Felloza.

A directora do Festival destacou que Atlántica “é hoxe un festival maduro, cunha identidade consolidada e cunha rede de colaboración que medrou co tempo. Moitas das voces que protagonizan a escena actual da narración en Galicia compartiron os seus primeiros pasos con nós e hoxe percorren o país formando parte dun tecido creativo cada vez máis sólido”.

Soledad Felloza quixo poñer en valor tamén que, nun momento “marcado pola velocidade e pola desconexión humana”, Atlántica segue “reivindicando a importancia dos circuítos profesionais e dos espazos de encontro”. Nese senso, fixo fincapé na capacidade da narración oral para unir as persoas: “Traballamos cunha arte milenaria, pero tentando responder a unha necesidade moi contemporánea: volver atoparnos. Coa mirada posta no presente e nas novas xeracións, estamos convencidas de que a capacidade de escoitar, compartir historias e construír comunidade é máis necesaria ca nunca”.

Así mesmo, fixo fincapé en que, coincidindo co 50 aniversario do falecemento de Ramón Otero Pedrayo, a edición de 2026 incorpora “propostas que dialogan co legado dunha das figuras fundamentais da cultura galega, reforzando a conexión entre tradición e contemporaneidade e reafirmando o compromiso do festival coa memoria cultural de Galicia”. Ademais, destacou que a lectura pública da obra de Begoña Caamaño, realizada coa colaboración de ASPANAES e aberta á participación da sociedade galega, exemplifica “a dimensión comunitaria e inclusiva do festival”.

Sobre o recoñecemento ás figuras fundamentais da cultura galega, fixo mención a que este ano Atlántica entregará a súa Cornamusa de Honra á profesora e investigadora Camiño Noia, o que supón “unha homenaxe a unha das grandes especialistas no estudo e difusión do conto popular e da tradición oral galega, salientando o rol da muller non só na transmisión se non tamén na investigación”.

Expansión territorial

A principal novidade desta edición é a súa expansión territorial e temporal. Durante quince días, Atlántica levará a narración oral a castelos, castros, petróglifos, mámoas, lavadoiros, eiras e airas, pozos do liño, escolas indianas, museos, bibliotecas, xardíns botánicos e sendas ecolóxicas, centros culturais, espazos naturais e lugares patrimoniais de toda Galicia.

O festival chegará a 33 localidades das catro provincias galegas, dende A Coruña, Santiago, Ferrol, Mugardos, Teo, Ribeira ou Vimianzo ata Ourense, Castroverde, Quiroga, Taboada, A Fonsagrada ou Xunqueira de Ambía, entre outras, consolidando unha rede cultural que conecta ámbitos urbanos e rurais a través da palabra contada.

Esa aposta polo territorio compleméntase cunha programación que continúa a explorar a relación entre patrimonio material e patrimonio inmaterial mediante roteiros narrados, conferencias, visitas guiadas, propostas vinculadas á memoria popular e espectáculos creados especificamente para espazos singulares.

Novas voces

A renovación da escena da palabra continúa a ocupar un lugar central na filosofía de Atlántica. Nesta edición consolídase o Ciclo Novas Voces, unha aposta pola creación contemporánea e polo diálogo entre xeracións que permitirá compartir escenario a artistas con traxectoria recoñecida e a novas creadoras e creadores procedentes de diferentes territorios, grazas á colaboración con outros festivais, como o AHOZ AHOZ de Guipuzcoa ou o Festival de Zamora, e coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

A presenza de Amaia Elizagoien, Esmeralda Folgado, Fernando Palitos ou Santiago Giraldo “Profe Kuro”, entre outras participantes do ciclo, conecta coa vontade de Atlántica de abrir espazos profesionais para o encontro, a experimentación e a incorporación de novos relatos, novas linguaxes e novas maneiras de habitar a palabra escénica.

Diferentes procedencias

Atlántica reunirá este ano 50 artistas procedentes de diferentes lugares da península ibérica e América Latina. Xunto á ampla representación galega, participarán creadoras e creadores de Portugal, País Vasco, Zamora, Huelva e Colombia, fortalecendo a dimensión internacional do festival e consolidando unha rede de intercambio arredor das artes escénicas da palabra.

Programación diversa

A edición ofrece propostas variadas para todos os públicos, desde espectáculos para persoas adultas e familiares ata actividades para a infancia, estreas, roteiros patrimoniais, conferencias e lecturas públicas.

Ademais, dentro do traballo que desenvolve o Festival dende os seus comezos para favorecer a accesibilidade e a inclusión, varias propostas contarán con interpretación en lingua de signos. Ademais, a diversidade tamén estará presente nos propios escenarios, coa participación do artista non vidente Francisco de Romualdo, e en proxectos construídos en colaboración coa comunidade, como a lectura pública de textos de Begoña Caamaño, na que participa activamente ASPANAES.

O proxecto

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlántico. Mantén o seu obxectivo de “indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico”; e traballa “a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos”, e ampara, xera e difunde “unha narrativa integradora, igualitaria e sostible”.

Programa para público adulto

Programa para público infantil e familiar

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Centro Cultural Vila Flor / A Oficina.

Festivais Gil Vicente de Teatro Contemporâneo de Guimarães 2026