in

O ciclo De Corpos Presentes celebra unha nova edición na Coruña

Dende hoxe ata o vindeiro 4 de decembro

IN Abril 25 La Poderosa © Mila Ercoli 006 768x512
Carlota Mantecón. Foto de Mila Ercoli.

O ciclo De Corpos Presentes regresa á Normal, na Coruña, cunha programación que reunirá dende hoxe, xoves 26 de novembro, ata o 4 de decembro, varias mostras escénicas, encontros e prácticas de movemento arredor do corpo, a memoria, o son e a percepción. A proposta convida a “explorar outras formas de relacionármonos co mundo a través das artes performativas, da experimentación e da investigación artística”.

Esta nova edición conta coa participación das artistas Inka Romaní e Carlota Mantecón, que presentan “dous traballos en que o corpo se converte nun espazo de memoria, resistencia, vibración e descubrimento sensorial”.

A programación arranca esta tarde, ás 20:00 h, na sala de exposicións de NORMAL, coa mostra Volvamos al baile, de Inka Romaní. Entre a conferencia performativa e a danza documental, a peza “investiga a dominación exercida sobre as mulleres durante a ditadura franquista a través da danza e da ximnasia”. A partir da memoria familiar, dos arquivos e da experiencia corporal, Romaní “reconstrúe o relato dunha danza popular que resistiu ata desaparecer, e pregunta que permanece dela nos corpos e na memoria colectiva”.

O ciclo continúa mañá, venres 27 de novembro, das 11:00 ás 13:00 horas, cun encontro titulado Abrir o círculo, tamén con Inka Romaní, que amplía o espazo de reflexión e intercambio arredor das cuestións que atravesan a súa práctica artística.

Xa en decembro, o xoves 3, das 19:00 ás 21:00 h, terá lugar Bailar o espectral, unha práctica de movemento con Carlota Mantecón, para achegarse á exploración corporal desde a súa investigación artística.

O programa pecharase o venres 4 de decembro, ás 19:30 h, na sala de exposicións, coa mostra Fantasma sonoro, de Carlota Mantecón. Neste solo de danza performativa, a artista investiga a vibración como materia poética e explora as relacións entre o son, a voz e o movemento. A peza propón “un espazo de resonancia en que o corpo produce son e, ao mesmo tempo, se transforma a través del, diluíndo os límites entre o audible e o táctil”.

As dúas mostras, Volvamos al baile e Fantasma sonoro, serán con entrada de balde.

O prazo de inscrición para o obradoiro con Carlota Mantecón remata o día 1 de decembro ás 9:00 horas.

O ciclo está organizado por De corpos presentes, a plataforma de edición, mediación e produción para as artes performativas contemporáneas fundada en 2018 pola creadora, investigadora e xestora cultural Sabela Mendoza; en colaboración coa Universidade da Coruña, e conta co apoio da Deputación da Coruña.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vento mareiro non dá voltas

Teatro do Noroeste estrea ‘Vento mareiro non dá voltas’