in , ,

O bo do CARIÑO MALO en Cangas

‘CARIÑO MALO’ de Ministerio de la Belleza (Lima, Perú) na 43 MITCF de Cangas, 28/6/2026

Foto: Diego Seixo
Foto: Diego Seixo

Dentro desa programación “especial” que celebra o Orgullo LGBTIQ+ descubrimos esta Cía. peruana de recente creación (2025) que fixo, literalmente, as delicias do público de Cangas, coa súa parodia dunha radio-novela na que Silvio, un desgraciado e inxenuo homosexual de clase media, se lanza á aventura de perder a virxindade e namorar, entregándose con paixón e, de repente aos seus corenta anos, coa pureza do neno cun xoguete novo.

Porén, vese obrigado, polo contexto sumamente adverso, a levar unha dobre vida, entre a súa nai e unha sociedade extremadamente homófoba e violenta.

Aínda por riba, ironías da vida, acaba traballando como actor nunha radio-novela, na que, precisamente, fai o personaxe “machote” de “Mata maricóns”.

A historia vai ter varios xiros sorprendentes e traxicómicos.

Foto: Diego Seixo
Foto: Diego Seixo

A parodia cómica do melodrama, cos tres actores mudando de voz para facer os diferentes personaxes da historia, adobada con cancións de amor e desamor levadas ao ambiente gay, os efectos sonoros realizados en directo, nunha especie de “foley” radiofónico, e os traxes de señor que lles quedan grandes aos tres actores, compoñen un espectáculo moi rítmico.

Entre as prestidixitacións dramatúrxicas está a truculencia e a violencia dalgunhas escenas ou o sexo explícito noutras, que poden resultar procaces e cun punto escandaloso, pero simpático, precisamente porque non as vemos representadas, senón que son suxeridas a través da descrición e recreación sen eufemismos. Por un lado, fannos rir. Por outro, apiadarnos e ata incluso entenrecernos. Por que? Pois porque os propios suxeitos coas súas subxectividades, esta tríade prodixiosa de actores, traen consigo para o escenario esa comprensión e esa tenrura que fan do obxecto artístico, os personaxes e a historia que representan, unha obra chea de graza e de humanidade. Se callar, iso é a sublimación e o camiño a unha catarse, desde a emancipación paródica do melodrama, que nos sirva para respectarnos máis.

Así dá gusto!

Foto: Diego Seixo
Foto: Diego Seixo
Afonso Becerra
Latest posts by Afonso Becerra (see all)

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto en 2024 e 2026, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Voo, de Teatro O Cubo, en Galicia Escena Pro 2026

Ártika Cía, Teatro de Ningures e Teatro O Cubo participarán na oitava edición de Camiño Escena Norte

Foto grupal das persoas participantes no X Torneo de Dramaturxia de Galicia.

Roberto Salgueiro gaña o X Torneo de Dramaturxia de Galicia