O programa de intercambio cultural a través das artes escénicas no que participa Galicia xunto a Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, Camiño Escena Norte, vén de dar a coñecer as compañías galegas seleccionadas para participar na súa oitava edición. Serán Ártika Cía, Teatro de Ningures e Teatro O Cubo.
CEN, dende a súa creación, ten como obxectivo mostrar parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza e artes do movemento e circo contemporáneo. Nesta nova edición, que se desenvolverá entre o 18 de setembro e o 15 de novembro, o circuíto de exhibición ‘Itinerario Constelacións’ reunirá un total de 18 compañías, tres por comunidade, seleccionadas por comisións profesionais independentes de cada territorio.
A representación galega neste intercambio cultural virá da man de Ártika Cía con Non pasarán, de Teatro de Ningures con As gardiás ou o nó do tecelán (Premio da Crítica de Galicia 2025) e de Teatro O Cubo coa súa produción Voo. As tres compañías levarán as súas propostas a Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, mentres que o público de Galicia poderá gozar dos espectáculos creados nos demais territorios do programa.
Asturias intervirá no intercambio cultural con El Callejón del Gato, que presentará El gato con botas de agua, que logrou o Premio Oh! ao mellor espectáculo para a infancia; Luz de Gas Teatro con Dibújame una palabra, que conseguiu este ano o Oh! ao mellor espectáculo infantil e mellor autor. Completa este grupo Saltantes Teatro e a súa produción La balada del norte, adaptación teatral da aclamada novela gráfica de Alfonso Zapico, Premio Nacional de Cómic.
A participación de Cantabria correrá a cargo das compañías Espacio Espiral, que presentará Tierra de sombras; Hilo Producciones, con Atra Bilis, coprodución con dúas compañías, Sótanob (Asturias) e La Estampa Teatro (Estremadura), e Trueba & Trueba Producciones, que presentarán El último aullido por primeira vez fóra da súa comunidade.
En representación de Euskadi, seleccionáronse as creacións de Ados Teatroa, que presentará 52 Hercios / 52 Hertz por primeira vez fóra da comunidade vasca; Zirkozaurre (Ardatzak -Ejes-) e Tartean Teatro (¿Dónde están los niños?). Pola súa banda, Navarra ofrece estas tres propostas artísticas: 3 Elementos – Una Experiencia Mágica Inmersiva 360º, de Cía Mago Hodei Magoa; Elektrical Body, de Dinamo Danza, e La Niña 104 de El Punto Gunea. Finalmente, A Rioxa participará este ano coas compañías El perro azul, coa súa proposta Peter Pan y Wendy; Nueve Lunas, que presentará Juana I de Castilla, e Violeta y Péndula con Esto es un poema.
As obras seleccionadas para o Itinerario Constelaciones proceden do Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte. Este listado é elaborado de forma colexiada por comisións de seis expertos de cada comunidade. Para a edición de 2026, seleccionaron un total de 36 espectáculos -seis por territorio- dos que finalmente saíron as 18 producións que compoñen as Constelacións. Desde a súa creación en 2023, segundo poñen en valor dende CEN, este catálogo fose consolidando “como unha ferramenta de grande utilidade e un selo de calidade para os programadores de todo o Estado”.
Asturias protagoniza o FOCO desta edición
A oitava edición de Camiño Escena Norte pon este ano o seu FOCO en Asturias. Esta proposta de dinamización sectorial e promoción exterior inclúe un coidado programa de actividades, desde accións de visibilización do sector escénico asturiano ata o Encontro Habitación Peregrina PRO, que se celebrará na Laboral Ciudad de la Cultura de Xixón do 21 ao 23 de setembro. Este encontro, que se desenvolveu en Lugo desde 2020 e pasou ser itinerante e unido ao FOCO en 2025,, abordará a coprodución interterritorial e a distribución sectorial. As inscricións para a cita abriranse o vindeiro mes de xullo.
O FOCO tamén determina a autoría do cartel e a identidade visual, que este ano recae no deseñador asturiano Sergio Llunik (Oviedo, 1986), que colaborou con institucións e eventos como INJUVE, a Filmoteca de Catalunya, La Benéfica de Piloña ou con artistas como Rodrigo Cuevas, Karmento e Rosalinda Galán.
A súa proposta materialízase nun sistema de catro pezas -unha por cada lingua do proxecto- unidas polas mesmas liñas de cor que representan os fluxos entre comunidades. Mediante a técnica do collage, mostra o encontro de dúas figuras cuxas cabezas ausentes forman un corazón: “O latexo ocorre cando dúas persoas comparten escena, cando o artista e o público se atopan, cando seis territorios deciden latexar xuntos”, sinala o autor.
“Latexos Escénicos” (Latidos Escénicos, en castelán; Llatíos Escénicos en asturiano, e Eskena Taupadak, en éuscaro) é, precisamente, o lema desta edición, un concepto que vincula o proxecto coas artes vivas, o tempo e a enerxía compartida, enfocando o amor polas artes escénicas desde a súa primeira edición.
Organización e apoios
CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa) unidas na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interés Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto.
CEN conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial.


