FIOT

Primeira finde no FIOT de Carballo

Entre o jazz melancólico das “follas mortas” e o sentido comunitario dos rituais, coa súa circular corrente, emerxe, como cada outono, o salvavidas artístico do FIOT, “eterno retorno” onde o costume nunca se torna rutina. Seguindo a máxima de Heráclito, as artes escénicas en Carballo xamais se bañan no mesmo Anllóns. Precisamente esa tensión entre o inevitable fluxo do cotiá e a necesidade humana de transcender a súa inercia foi, en fondo e forma, o punto común das tres pezas da programación do FIOT ás que asistín a fin de semana que inaugurou o mes de outubro. Tras unha complicada elección entre a variada oferta, decidinme: o venres 1 de outubro, polo espectáculo de rúa familiar A corda, de A vela circo; o sábado 2, por Déjà vu, de Manolo Alcántara, no marco da programación de Sala; e o domingo 3, por Camiños, de Paula Carballeira na Rúa dos Contos.