in , , ,

Bravura e presenza no arranque da 42ª edición da MITCFC

As Fillas Bravas foron as pregoeiras e Las Niñas de Cádiz inauguraron a programación escénica

As Fillas Bravas dando o pregón da 42ª MITCFC, feito por

Unha noite marcada pola presenza de mulleres afoutas no escenario do Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas. Coido que podería resumir así o acto inauguración da 42ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. E digo “presenza” en toda a magnitude do seu termo.

Trala abertura do acto que fixo Salvador del Río, membro da comisión organizadora da Mostra, e da intervención das autoridades representantes das institucións que apoian o festival (Jorge Cubela, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic; e Aurora Prieto, concelleira de Cultura do Concello de Cangas), que destacaron a súa traxectoria e relevancia no tecido cultural; foi María Armesto, a directora artística do festival, quen procedeu a facer a entrega do Premio Mulleres en Acción. Nesta edición o recoñecemento foi outorgado á cantante, instrumentista e compositora galega Mercedes Peón, quen, nunha breve pero emotiva intervención, quixo compartir o premio “con todas as tocadoras”, con todas as pandeireteiras, as súas “compañeiriñas leais”; poñendo en valor “a sororidade” que se xera entre as tocadoras e que “vén de lonxe”.

De seguido, entraron en escena tres tocadoras tamén ben afoutas, como o seu propio nome indica: As Fillas Bravas, pregoeiras desta edición. As tres personaxes da obra homónima de Grupo Chévere, interpretadas por Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar, conectaron co público asistente co seu humor, nun pregón ameno e próximo, reivindicativo e entrañable, a partes iguais, e lembraron que farán unha función da súa peza As Fillas Bravas de Momán 2025 (estrearan o espectáculo orixinal tamén na MITCFC en 2014 e estea ano están a presentar unha versión actualizada) o vindeiro 4 de xullo, dentro da programación da MITCFC, no Auditorio Municipal.


Publicidade

Pechando as intervencións do acto de apertura, que contou con interpretación en lingua de signos, As Fillas Bravas presentaron a obra que ía inaugurar seguidamente a programación escénica da Mostra: La reina brava, de Las Niñas de Cádiz. A compañía gaditana chegaba a Cangas catro anos despois de gañar en 2021 o Premio do Público da Mostra por El viento es salvaje; desta vez para presentar a súa última peza, que estrearon no mes de maio deste ano.

La reina brava tamén destacou pola presenza das tres mulleres bravas, valentes, que conformaban o elenco: Ana López Segovia, quen tamén asina o texto e a dirección da peza; Rocío Segovia e Alicia Rodríguez. As tres conseguiron coa súa presenza corporal e vocal, o seu enxeño e a súa comicidade levarnos da man pola historia do asasinato dunha raíña moi odiada, nunha sátira da política actual, aínda que aborde cuestións que veñen de vello. De feito, La reina brava incorpora elementos do teatro isabelino e referencias ás traxedias de Shakespeare, combinados con compoñentes do romanceiro e tamén do Carnaval de Cádiz, nuns versos e coplas cunha simpatía e comicidade que xeraban unha conexión continua co público. Esta tamén se establece grazas á capacidade das actrices para interpretar as diferentes personaxes e facer un cambio fluído entre elas, nunha proposta que foi moi aplaudida ao remate da función que albergou a MITCFC. La reina brava coroarase de novo co Premio do Público deste ano?

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Conclave de amores em farsa | A Ceia dos Cardeais de Júlio Dantas pelo Eu.Experimento, à moda de Almada Negreiros' do Eu.Experimento. Foto: Afonso Becerra

O grupo de teatro Eu Experimento do Camões de Vigo estrea novo espectáculo

Gena Baamonde e Sabela Mendoza na presentación da 41a MIT

O programa da 41ª MIT de Ribadavia inclúe máis de 35 actividades