Despois de facer a comezos da pasada semana un pequeno avance da programación da súa 41ª edición, a Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia vén de presentar esta semana o programa completo. Foi o pasado xoves, no Castelo de Ribadavia, coa presenza do alcalde de Ribadavia, César Fernández; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o director da Agadic, Jacobo Sutil, a directora da MIT, Sabela Mendoza e a directora adxunta, Gena Baamonde.
Como lembraron, a nova dirección artística escolleu o lema “escenas en tránsito”, e apostou especialmente “pola contemporaneidade, a diversidade, a mirada feminista e os formatos híbridos” para inaugurar esta nova etapa do festival. “Esta 41ª edición da MIT é unha edición de transición e queremos agradecer o traballo feito pola anterior dirección e polo equipo que nos sigue acompañando. Este ano comezamos a traballar cunha clara aposta pola contemporaneidade e a diversidade, pola mirada feminista, polos formatos híbridos e a dilución das etiquetas. Interésannos a idea da exploración, das creacións indómitas, do compromiso comunitario e das perspectivas que procuran incidir no tempo que vivimos, alimentando o pensamento crítico e aberto sobre as nosas xenealoxías, as cuestións do presente e a imaxinación de futuros. Pero ao mesmo tempo, este ano mantemos a estrutura habitual da Mostra, cos mesmos espazos e a mesma duración, e algunhas das apostas programáticas que xa se viñan desenvolvendo”, explicaron.
O programa
En total, desvelaron que o programa desta edición, que se desenvolverá entre o 18 e o 26 de xullo, acolle máis de 35 actividades entre funcións, obradoiros, encontros, foros e accións abertas á comunidade, repartidas en máis dunha ducia de espazos escénicos que van desde os históricos —como o Auditorio do Castelo ou a Igrexa da Madalena— a espazos naturais, prazas e sitios máis alá do núcleo urbano, museos ou a Casa da Cultura, coa vontade de facer da da MIT un festival expandido.
A MIT 2025 presentará 23 espectáculos escénicos de teatro, danza, performance, circo e artes vivas, coa participación de compañías procedentes de Galicia e o resto do Estado español, ademais de compañías vidas de Portugal, Italia e Brasil. A convivencia entre linguaxes e formatos configura unha programación “atenta á diversidade formal e temática, onde teñen cabida desde propostas intimistas ata espectáculos de gran formato, e que aborda cuestións como a memoria histórica e o seu vínculo coas historias íntimas e persoais, a identidade e o cuestionamento das fronteiras, a saúde, a disidencia, a ecoloxía ou o pensamento crítico”, segundo expresaron tamén Mendoza e Baamonde.
A este programa de exhibición súmanse as actividades xa avanzadas a semana pasada: o programa de apoio á creación (con 3 residencias artísticas que abrirán procesos de traballo comunitarios e rematarán con mostras abertas), o programa de formación (con 6 obradoiros e laboratorios dirixidos tanto a profesionais como a público xeral e público infantil) e o programa de mediación co que buscan “xerar outros lugares de encontro e conexión entre artistas, públicos e profesionais das artes escénicas”, e que inclúe conversas coas compañías e outras actividades paralelas.
Presenza autóctona
A programación galega constitúe un dos eixes centrais da MIT, coa presentación de espectáculos de nove compañías galegas como son Disiden.cia, Ibuprofeno Teatro, La Guajira, Ártika, Ítaca Teatro, PistaCatro, Furia Sotelo, Chévere e o colectivo A Volátil, que se presenta por primeira vez na MIT, e a colaboración de outras tantas artistas e profesionais en diversas actividades paralelas como a que será unha das citas destacadas desta edición: a celebración dos 20 anos do Premio Abrente.
Disiden.Cia presenta a estrea galega do seu espectáculo familiar Bipedestrución, que aborda “a diversidade que comparten todos os seres dende o humor, a diversión e a imaxinación”; Ibuprofeno Teatro representará Reconversión, “unha memoria escénica que enlaza historia política e persoal sobre a reconversión industrial do sector naval da Ría de Vigo”; Furia Sotelo exhibirá a súa peza de danza-teatro Sobre o extravío ou a arte de perderse “un solo íntimo, delicado e irreverente” de Nuria Sotelo dirixido por Ana Vallés; Ártika Cía amosará Non pasarán, “unha metáfora contemporánea sobre o medo e o poder”; Ítaca Teatro levará a Ribadavia a súa montaxe Profetas, sobre o texto de Ernesto Is gañador do Premio Abrente de Dramaturxia 2021; La Guajira presentará Anfibia, “un solo de danza sobre as transformacións vitais;” e PistaCatro levará á MIT a súa máis recente montaxe de novo circo e malabares con Sen Patrón.
Ademais, o colectivo A volátil, formado por Irene Moreira, Álex Sobrino e Rosa Romero, presentarase por primeira vez na MIT co seu proxecto en residencia Pan, nubes e chocolate. Ademais, desenvolverase tamén A derradeira leición do mestre, unha acción participativa de Chévere arredor do cadro de Castelao, que abre o proceso dunha nova creación.
Acento internacional
No plano internacional, dende a MIT destacan a presenza da compañía italiana Parini Secondo co seu espectáculo HIT (out), que presentan como “unha vibrante performance coreográfica e musical na que catro saltadoras constrúen danza e espazo sonoro coas súas accións repetitivas e hipnóticas”. Desde Portugal, Circolando presenta Crátera, “unha peza transdisciplinar inspirada nas xeopoéticas e na paisaxe volcánica que aposta por traer as cuestións ecolóxicas a un plano micro, o dos corpos e as relacións entre suxeitos e territorios”. Tamén desde Portugal viaxará Patrícia Portela co seu traballo de residencia e mostra en proceso Os Passadores, que aborda “cuestións de nacionalidade e fronteiras”.
Ademais, a coreógrafa brasileira residente en Cantabria Mari Paula ofrecerá unha función da súa peza Escambo, unha danza lúdica e tropical que aposta polo sensorial e o traballo cos obxectos para achegar tamén a expresión creativa ás nenas e nenos. Ela será unha das apostas fortes da MIT para todos os públicos, quen impartirá tamén o obradoiro Bailar en la infancia.
Participación estatal
A programación de proxectos procedentes doutras rexións do Estado español inclúe “proxectos novidosos e novos”, como a creadora María Jurado, ao tempo que trae por primeira vez a Ribadavia a recoñecidas compañías e creadoras, como Malpelo, Luz Arcas, Cris Blanco ou Societat Doctor Alonso, “poñendo o foco na escena contemporánea e na mestura de disciplinas”, incluíndo proxectos situados na performance e a arte de acción, como o que protagonizan o dúo Los Torreznos. Nesta selección estatal “o humor, a expresión poética, o pensamento crítico e o compromiso político ocupan un lugar especial”, segundo compartiron tamen dende a dirección artística do festival.
Na primeira fin de semana do festival chegan desde Cataluña dúas reputadas compañías que despregan, dende linguaxes e poéticas diferentes, códigos de humor e ironía. Cris Blanco fará a estrea galega de Grandissima Illusione, espectáculo inaugural da MIT que é “unha homenaxe ás convencións teatrais e ás dificultades do propio oficio escénico”. Ao día seguinte, Societat Doctor Alonso presentará o seu último espectáculo, tamén estrea en Galicia Hospital de Campo, “que convida a reflexionar sobre a enfermidade, a idea de saúde e a sandación”.
A estas montaxes teatrais, sumarase “a potencia visual e poética” de Kolektiv Lapso Cirk co seu espectáculo de circo contemporáneo OVVIO, e “a danza paisaxística “da coreógrafa e bailarina canaria Teresa Lorenzo, quen presenta unha versión site specific de Las Magias. A madrileña María Jurado presentará a súa peza Spooky, “con estética trash e do cinema de terror”, que a Mostra considera unha das súas “apostas máis rompedoras”.
Visitarán a MIT pola primeira vez o dúo artístico Los Torreznos, formado por Jaime Vallaure e Rafael Lamata, coa súa performance La cultura; e será tamén “unha aposta grande” a presentación de Tierras raras, último espectáculo de Luz Arcas/La Phármaco que reúne baile e cante en directo en escena e que contou coa complicidade da MIT para esta produción. A clausura do festival virá da man da compañía Malpelo, quen tamén visitará por vez primeira Ribadavia, e que pechará a mostra con Bach, o solo de danza interpretado por María Muñoz.
Outras actividades
A MIT non se limitará á exhibición. Incluirá 6 obradoiros e cursos abertos ao público, como o taller de clown de Roi Borrallas ou o de máscara neutra de Mar Navarro, en colaboración coa Escola galega de clowns; o laboratorio El Desenterrador con Sofía Asencio e Tomás Aragay, en colaboración coa AAG, Asociación de Actores e Actrices de Galicia ou o obradoiro de movemento para infancia a partir da peza Escambo de Mari Paula. Ademais, o ciclo satélite da mostra, leva espectáculos a aldeas como San Cristovo, Sampaio, Santo André ou Francelos, fomentando o acceso e descentralizando propostas artísticas de calidade en espazos fóra do núcleo urbano que ademais son en si mesmos contextos inspiradores para o traballo das compañías. Ademais, os Foros MIT ofrecerán conversas abertas coas compañías ao remate das funcións para compartir impresións co público.
Premios e recoñecementos
Tamén nesta edición se celebrarán as 20 edicións do Premio Abrente, cun acto especial e lectura dramatizada “que homenaxeará o legado dunha das convocatorias de escrita teatral en lingua galega máis significativas do país”. A MIT 2025 acollerá igualmente a entrega do Premio da Academia Galega de Teatro a Xulio Lago, recoñecendo a súa traxectoria esencial na construción do teatro galego contemporáneo, ademais do anuncio e entrega do Premio Abrente 2025 e dos outros premios outorgados pola MIT: o Premio de Honra, que será anunciado o día da inauguración da MIT e o Premio do Público, un premio consolidado dende o ano 2000 que tenta facer partícipe ao público de forma activa na propia programación.
Apoios
A MIT conta un ano máis co apoio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais – Xunta de Galicia), a Deputación de Ourense e o Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM) – Ministerio de Cultura; entre outros patrocinadores e apoios.

Entradas e prezos
Os abonos estarán á venda a partir do día 1 de xullo, cun prezo de 62 euros. A venda de entradas individuais comezará a partir do día 7 de xullo (7 euros prezo xeral, 5 euros prezo reducido para estudantes e persoas desempregadas; excepto inauguración e clausura no Auditorio do Castelo que son a 10 euros o prezo xeral e 8 euros o prezo reducido). Ademais dos eventos para cuxo acceso se require de entrada, o programa da MIT conta con outros espectáculos de acceso gratuíto e actividades como obradoiros e presentacións, tamén con acceso de balde, todos os días do festival. Os obradoiros xa están anunciados e está aberto o prazo de inscrición a través da páxina web da MIT.