A obra de teatro Bsanda Ebé, de Raúl Dans, publicada por Edicións Positivas, comeza cun atentado xihadista na cidade da Coruña. Ese feito, no que está involucrado o protagonista, funciona como un prólogo que anticipa o desenlace dunha historia que xorde no continente africano.
Mediante a invocación a unha suposta primeira obra literaria en lingua shalawi, o autor introduce o relato: a historia do home que partiu do val da orixe do home cara á “terra da prosperidade”. A obra reconstrúe a súa nenez e a súa partida, fálanos dos camiños que tomou, das persoas coas que se encontrou e os perigos aos que se tivo que enfrontar.
O protagonista nace na África subsahariana (nun lugar, nunha etnia e cunha lingua inventados polo autor), un territorio marcado pola violencia dos grupos armados. Tras ser raptado por un deles, comeza o seu acercamento ao xihadismo. Porén os seus soños lévano a emprender a ruta cara á “terra da prosperidade”, cruzando o continente africano ata chegar ao Monte Gurugú, punto de partida da inmigración cara a Europa. Despois de cruzar o estreito de Xibraltar e traballar nas campañas de recollida da froita diríxese ao seu destino final, a cidade da Coruña.
O nome de Bsanda Ebé encerra múltiples significados en shalawi, segundo recolle o autor: “Deus habita en ti”, “o destino é implacable” e “espada de Deus”. Todos eles son simbólicos e anuncian dalgún xeito o percorrido vital do personaxe. Aínda que a historia de Ebé sexa ficticia, podería ser a de calquera dos milleiros de inmigrantes que chegan ás fronteiras de Europa escapando da miseria, na procura dun futuro mellor. Trátase dun relato, que malia ser individual, é común a moitos deles, marcado polo abuso, a violencia, a desprotección e o fanatismo. Poderíamos dicir que Bsanda Bé é unha obra coral na que se entrelazan moitas voces e experiencias formando un mosaico humano complexo.
Desde o punto de vista da súa estrutura creativa, o texto achégase máis a un texto narrativo que a unha dramaturxia teatral tradicional. O autor vai mesturando narrativa e diálogo dun xeito que crea unha lectura moi amena, cun ritmo interno moi coidado.
A obra de Raúl Dans resulta profundamente innovadora e rupturista pola súa mestura de ficción e realidade. O lector queda atrapado nun territorio ambiguo onde non existen certezas absolutas, só sospeitas. A situación de dureza e vulnerabilidade do protagonista esperta empatía, ao mesmo tempo que suscita dúbidas o seu proceder.
A lectura da peza convértese nun exercicio de reflexión permanente sobre unha realidade social e política de máxima actualidade. A través da historia de Ebé, o autor ofrece resposta a moitos dos dilemas que acompañan o tema da inmigración. O final da obra deixa ao descuberto a hipocrisía dunha parte da sociedade que non sabe acoller nin ofrecer respostas axeitadas a esta realidade tan complexa.
- Bsanda Ebé, a espada de Deus - 29/07/2026
- Riazor Ostia - 05/04/2026
- Matres - 15/03/2026

