Son as catro da madrugada.
A música da discoteca na que levas dúas horas cun grupo de persoas coñecidas – con máis ou menos proximidade – pulsa, e o efecto da última copa que tomaches súmase ao das anteriores. Luces hipnóticas e de láser cortan o fume artificial que engole a masa palpitante de seres que se move en sincronía co ritmo.
Disocias.
A túa mente empeza a investigarse a si mesma. Ve todas as decisións que tomaches ao longo da túa vida e cuestiona como chegaches a este preciso momento. Mesmo se pregunta como seguirás. Cal é o seguinte paso a tomares? Haberá chan sólido que pisares?
Sentes estar nun precipicio, pero non sabes moi ben de que.
De súbito, e como froito dun xesto amigábel ou unha palabra dirixida cara ti, volves en ti.

Isto é a sensación, entre outras moitas, transmitida por 52-BLAU, unha peza da compañía interterritorial iXa inspirada nunha balea solitaria cuxo canto é dun ton máis agudo que o habitual. Cunha mestura de recursos da danza, da performance e do circo, o elenco – dirixido por Elena Castellanos e Xián Martínez – artella unha representación física da soidade acompañada, na que catro dos cinco corpos presentes en escena apoian de maneira literal ao quinto durante a totalidade da acción.
A plasticidade e a forza destes corpos crean un vaivén cativador; son quen de fundirse case literalmente coa arquitectura do espazo á vez que procuran que a súa compañeira, o quinto corpo, nunca toque o chan. Coa axuda visual do vestiario – monos dun azul mariño escuro con escamas que reflicten as orixes da peza – o equipo convértese en soportes, piares e un segundo chan que a protagonista si pisa. Na iteración de 52-BLAU, celebrada en Escenas do Cambio 2026 na Cidade da Cultura, destácase especialmente o traballo lacerante de se converteren en escadas que Castellanos baixa lentamente.
Ela, pola súa parte, transmite outro dualismo: a calma do flotar por un mar aberto e o deambular pola vida – que fai con destreza, incluso sobre superficies verticais – fronte ao risco de pisar mal, de facer dano, de que se acabe o xogo. Esta sensación de perigo chega ao seu cénit nunha secuencia de acrobacia tan coidadosamente coreografada que inspira medo xenuíno pola integridade corporal da bailarina.
Igualmente loábel é o traballo iluminístico, levado a cabo por Fermín Izco. Malia as posíbeis complicacións implicadas nos deseños para unha obra itinerante – que, neste caso, comeza en exteriores, pasa por un corredor estreito e logo entra e habita dúas plantas distintas – é quen de crear ambientes que transportan ao público tanto abaixo do mar como ao medio dunha discoteca animada. Até incorpora – nun dos momentos máis site-specific da representación – a sinalización de saída de emerxencia na parede do andar menos un do Museo Centro Gaiás, enmarcándoa xunto coa protagonista, precisamente nun momento na que esta está a piques de atopar a súa propia escapatoria.
A experiencia, pois, de 52-BLAU, é a dunha busca infinda da conexión e a identidade, unha reflexión sobre a existencia como algo inherentemente colectivo, pese ao illamento e a unha interrogación implícita da noción do individualismo estoico.
Coa súa continua integración no contorno físico e real, esta destilación e dilatación dun presente experimentado a diario por moita xente deixa ao público – aparte de abraiado – cunha sensación de honestidade crúa, que quizais dea lugar a máis diálogo sobre este xeito de relacionarse e igual convida a recoñecer ou incluso a querer ás baleas que non naveguen pola mesma onda, pero si polo mesmo mar.

Así é o último bosquexo deste artigo sobre 52-BLAU, que vira por segunda vez a finais de maio en Galicia Escena Pro, despois de vela en Escenas do Cambio poucas semanas antes. Vin a peza, púxenme a escribir, e rematei o 16 de xullo de 2026. E aí quedou, na nube. Durante meses, non o pasei á erregueté para a súa publicación.
Os motivos eran varios: o traballo, as prioridades, a vaidade dun escritor que sabe que as palabras teñen peso, un perfeccionismo que frecuentemente fai que a suficiencia pareza insuficiente, un medo latente a ser visto, a vida. Chegou un punto no que até me daba vergoña pensar en enviar a crítica tres ou catro meses despois de redactala.
O 18 de outubro, un domingo, entrei en Instagram e vin unha publicación informando que, uns días antes, falecera Xián Martínez aos 30 anos.
Tardei un pouco en procesar esta información. Notei unha mestura de sensacións estrañas. Apenas coñecía a Xián; fíxenlle unha entrevista como parte do meu traballo co Comando Dramatúrxico e coincidimos unha vez tomando algo despois da súa segunda actuación con esta peza en Compostela. E xa. Malia isto, sentía que, de certo xeito, coñecía outra pequena parte del a través da súa obra, e do impacto que me causara.
Por WhatsApp, comentei a situación cun amigo, que ten pouca relación co mundo das artes escénicas e vive en Madrid. Non entrei en detalles, pero cando el me preguntou polo nome de Xián, a súa seguinte mensaxe foi “esta morte é o B plot da miña semana”. Dixo que fun a cuarta persoa en falarlle do acontecido neses días.
Quedeime cunha reflexión sobre a extensión das redes, as comunidades tanto dixitais como encarnadas, que nos unen – ás veces de maneira inesperada ou incluso invisíbel – e sobre o impacto que temos en vidas alleas, a través da nosa arte, as nosas palabras, as nosas accións e a nosa mera existencia. Pensei en como isto adoita pasar de xeito automático, frecuentemente sen querer e sen que nos deamos conta diso. Lembrei o artigo sen enviar, e meditei sobre como o silencio tamén ten forza, e como a non-acción tamén é acción.
Non teño unha conclusión nítida que ate todos estes pensamentos existenciais, salvo unha obviedade: se estás a ler isto agora, é porque enviei o artigo.
Se ves unha obra é porque alguén a creou. Alguén que tiña algo que dicirche ou amosarche, de xeito máis ou menos íntimo, máis ou menos xeneroso, xenuíno ou artístico. Á súa maneira.
Nunca saberemos o alcance dos efectos que provocamos ao longo das nosas vidas, pero ás veces si podemos elixir cales serán os actos que queremos levar a cabo co noso tempo limitado. Xa non sei se isto vai para quen o lea ou quen o escribe – igual non importa distinguir:
Envía a mensaxe. Crea a peza. Publica o artigo.

- Xián Martínez Miguel, iXa e 52 BLAU - 24/11/2026
- Xoguetes rotos - 16/06/2026
- La Intrusa celebra o seu 30 aniversario en Escenas do Cambio - 09/05/2026


