BEC!, a Bienal Estatal de Circo, celebrará hoxe, luns, 23 de novembro, o seu acto de apertura no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Santiago de Compostela, a partir das 17:30 horas. A inauguración do programa contará coa asistencia de representantes do Ministerio de Cultura, da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago e do sector profesional do circo.
O acto marcará o inicio de catro xornadas nas que Santiago de Compostela se converterá nun punto de encontro para profesionais do circo estatal. A Bienal desenvolverase ata o xoves 26 de novembro en tres espazos: a Cidade da Cultura de Galicia, o Teatro Principal e o propio Salón Teatro.
Tras a inauguración, a programación artística arrancará tamén hoxe, con dous espectáculos: Metábasis, da compañía LaEle, ás 18:00 horas, no Salón Teatro, e Serena, de Circ Bover, ás 20:00 horas, no Teatro Principal.
Os espectáculos programados no Salón Teatro e no Teatro Principal durante as tres tardes de BEC! estarán abertos ao público xeral, con entrada libre e de balde ata completar a capacidade.
O encontro
BEC! naceu como evolución de Circo Presente Continuo e celebra por primeira vez a súa edición fóra de Madrid, apostando por un modelo máis descentralizado e conectado cos territorios.
Durante catro días, Santiago de Compostela acollerá oito espectáculos, seis mostras breves de proxectos escénicos (showcases), cinco mostras de traballo en proceso (work in progress), oito presentacións breves de proxectos (pitchings) e seis presentacións de proxectos sectoriais. A esta programación súmase un programa de actividades profesionais dirixido a artistas, compañías, programadoras, distribuidores e institucións, con espazos de encontro, reflexión e intercambio para fortalecer as redes do sector.
Programa
Luns 23
17:00 h, acreditacións; 17:30 h, inauguración (Salón Teatro); 18:00 h, Metábasis, de Cía. LaEle (Salón Teatro); 20:00 h, Serena, de Circ Bover (Teatro Principal).
Martes 24
Work in progress: Afany, de Lo Mul (Amer Kabbani), e Que me quiten lo bailao, de Sophia y Elena; mesas PRO e Rogelio III, de AsSircópatas, na Cidade da Cultura; ás 15:30 h, obradoiro «Mediación para a que nos está caendo», coa Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública; Naufragio, de Cía. Labsurda, e o showcase Escorça, de Cía. Marc Bosch, no Salón Teatro; Siku, de Cía. Jessica Arpin, no Teatro Principal.
Mércores 25
Work in progress: Proyecto Amasijo, de Miguel Frutos; Punto Nemo, de Cía. Er(R)ata; e 72 horas, de Cía. Caí; pitchings, Matrimonio, de Kolektivo Kónika, e presentación de proxectos sectoriais na Cidade da Cultura; RAR, de Balusca, no Salón Teatro; Ni fú, ni fá, de Cía. La Buffa, e III Premios CircoRED no Teatro Principal.
Xoves 26
Visita a CircoNove; cinco showcases na Cidade da Cultura: Insània, de CiaCaïda Circ; Sen patrón, de Pistacatro Productora; Circo Cambuche, de Henriko; Mahâra, de Bucraá Circus; e Grotte, de Sirio Rubio; e vermú de despedida coa actividade «Punto de encuentro: hoy nos conocemos», de Luis Lozano.
Organización e apoios
CircoRED é a Federación Estatal de Asociacións de Profesionais de Circo de España. Agrupa 13 das 17 rexións do Estado e representa máis de 850 profesionais.
BEC! conta co apoio da Dirección General de Artes Escénicas y Música do Ministerio de Cultura, da Xunta de Galicia —Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude— e do Concello de Santiago de Compostela —Compostela Cultura—, e coa colaboración da Asociación de Profesionais de Circo de Galicia (APCG).


