in , ,

A 42ª edición da MITCFC acollerá 26 espectáculos

Entre o 22 de xuño e o 6 de xullo, en Cangas

Foto da presentación da 42ª MITCFC
Imaxe da presentación da 42ª MITCFC. Foto de Diego Seixo.

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, organizada pola Asociación Cultural Xiria, presentou hoxe a programación da súa 42ª edición, que se celebrará entre os días 22 de xuño e 6 de xullo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, nas rúas e outros espazos da vila do Morrazo, e que acollerá un total de 26 espectáculos e un amplo programa de actividades. No acto interviñeron a directora da Mostra, María Armesto, así como representantes das institucións que apoian o festival: Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jorge Cubela, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, e Araceli Xestido, alcaldesa de Cangas, que destacaron diferentes aspectos arredor da súa relevancia dentro do panorama cultural. Ademais, estiveron presentes tamén algunhas das persoas que participarán nesta edición.

Entre os espectáculos programados atópanse 5 coproducións, 8 estreas absolutas e 7 estreas en Galicia, de xéneros variados. Este ano, a organización elaborou un programa que quixo facer unha especial aposta polas coproducións, algunhas delas estreas absolutas, como O espírito de Vania, un espectáculo creado a partir da peza do dramaturgo ruso Antón Chékjov, no que Machi Salgado desenvolverá diversos roles “para conectar o espírito de Vania coas inquedanzas da sociedade galega e o mundo actual”; ou A beleza faranos libres, de Anómico Teatro, un espectáculo que fusiona teatro e cinema “para falar do amor á terra, á maxia dos montes e da beleza como horizonte para fuxir da voracidade do extractivismo”. A Mostra acollerá tamén Coa cabeza nas nubes, un espectáculo da compañía SÖA que fusiona música, danza e teatro, ou Gala, da compañía de novo circo do País Vasco Rojo Telón, unha das pioneiras formada por mulleres que celebra o seu décimo aniversario.

En canto ás estreas en Galicia, a MITCFC presentará, entre outros espectáculos, La reina brava, o último traballo da compañía andaluza Las Niñas de Cádiz; Todos los ángeles alzaron el vuelo, de La Zaranda; Julio Césardo Teatro do Chapitô; a performance colectiva Se nota, se siente, el beige es incluyente, dirixida por MISS BEIGE, alter ego da actriz e performer, Ana Esmith; ou o multipremiado espectáculo de teatro físico ‘Lubbert’, do artista catalán Inda Pereda.

Na 42ª MITCFC tamén se incluirá unha homenaxe ao recentemente falecido Henrique Harguindey, profesor, tradutor e un dos fundadores da MITCFC, mediante a programación do espectáculo As gardías ou o nó do tecelán, de Nasser Djemaï, na montaxe de Teatro de Ningures, cuxa tradución do francés ao galego é o derradeiro traballo de Harguindey.

25 anos de Mulleres en Acción

Aproveitando o seu 25 aniversario, Mulleres en Acción unirase á decisión da Real Academia Galega de dedicar As Letras Galegas ás cantareiras e pandeireteiras, cunha programación especial. Por unha banda, o pregón da 42 MITCFC correrá a cargo das Fillas Bravas, “esas tres cantareiras e pandeireteiras apoderadas saídas do Grupo Chévere”, que será tamén traducido á linguaxe de signos. Ademais, Mercedes Peón interpretará Ósmose, “unha proposta musical, performativa e audiovisual na que a internacional artista crea un diálogo colectivo, con imaxes do seu arquivo persoal, co traballo visual de Peque Varela, o relato fílmico da película Nación de Margarita Ledo Andión, e a arquitectura lumínica de Laura Iturralde”. Ademais, as voces e pandeiretas das pandeireteiras do Morrazo invadirán as rúas de Cangas “para difundir a riqueza que nos legaron e amosar que hai relevo xeracional”.

A Mostra manterá a súa aposta polo ‘Torneo de Dramaturxia de Galicia’, que este ano chega á súa novena edición. Ademais, celebrará un encontro de representantes de asociacións de dramaturgas/os de Baleares, Cataluña, Galicia, Madrid, Murcia e Valencia que van presentar en Cangas o Manual de prácticas na dramaturxia e nas artes escénicas, un documento elaborado conxuntamente.


Publicidade

Premios

Como cada ano, a MITCFC concederá nesta edición dous galardóns. O Premio Xiria ao Labor Teatral desta 42ª edición será para a compañía de teatro A Panadaría, en recoñecemento “ao seu talentoso labor en amasar un teatro innovador e esixente”. A organización quere destacar o traballo que Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman adoitan crear “cunha excelente acción física e verbal” e as temáticas actuais das súas obras, “un teatro que denuncia sen vitimizar, a través da comedia, ese xénero aínda desvalorizado do que poucas creadoras son protagonistas”.

Por outra banda, o Premio Mulleres en Acción 2025 recaerá en Mercedes Peón, “pola súa extraordinaria traxectoria profesional, artística, pedagóxica, de investigación e social”. Con el queren poñer en valor o seu labor como “compositora, instrumentista e cantora de creatividade excepcional, que comezou hai xa 25 anos a realizar un formidable labor de investigación e divulgación que visibilizou as pandeireteiras, mulleres esenciais no desenvolvemento da riqueza musical e cultural do país”, impulsando “o proxecto Somos Pandeireteiras, que naceu coa firme intención de mover os marcos de pensamento androcéntrico e de crear un espazo diáfano para poñer no centro as tocadoras e así crear os seus propios relatos, sen mediacións externas”.

Abonos

Os abonos para asistir ás funcións que este ano serán representadas no Auditorio estarán á venda entre o 10 de maio e o 31 de xuño. O 2 de xuño xa estarán dispoñibles a través da plataforma de ATaquilla as entradas individuais. Ademais, o despacho de billetes do propio Auditorio estará aberta os días de función desde dúas horas antes de comezar o espectáculo.

O importe do abono para as 10 obras que serán representadas no Auditorio é de 80 € (o que supón unha rebaixa de 15 € con respecto ao prezo de todas as entradas mercadas de xeito individual, que teñen un custo de 10 € cada unha).

Consulta aquí a programación, lugares de exhibición e horarios da 42ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Actriz, chora no FIOT31 © Vanessa Rábade

O FIOT de Carballo convoca unha nova edición do Certame Metro Cadrado

Foto: Cía. Elvi Balboa.

Elvi Balboa: “Entendo o corpo como un territorio de exploración crítica e a escena como un espazo onde abrir outras realidades posibles”