Presentas BAUNSBAK no XI Festival Escenas do Cambio, na Cidade da Cultura. Para a xente que non te coñeza: quen é Elvi Balboa?
Elvi Balboa é unha creadora multidisciplinar que traballa desde a danza, o son, a instalación e a arquitectura da luz. Entendo o corpo como un territorio de exploración crítica, e a escena como un espazo onde abrir outras realidades posibles. Os meus proxectos habitan un lugar híbrido, sempre en diálogo co sensorial, coa ciencia ficción e coa musicalidade do movemento.

A peza que presentas en Escenas do Cambio ten un título enigmático e un pouco raro. Que significa BAUNSBAK?
É a escritura fonética de Bounce Back. Por un lado está Bounce, que significa rebote; e por outro Bounce Back, que implica a capacidade de recuperarse, de volver atrás para avanzar. Tamén me interesaba o son da palabra, esa especie de palabra inventada, como xa fixen con ANÖA. Busco que a palabra evoque unha sensación concreta: Bounce é circular, en cambio Bak é máis seca, máis enérxica. Esa dualidade está moi presente na dramaturxia da peza: un corpo que se carga co rebote e que necesita recuperarse despois do clímax.

Eu vin a túa peza ANÖA e alucinei, literalmente, co universo fantástico, case de ciencia-ficción, e coas atmosferas visuais e sonoras que se xeraban. A parte das “jumping boots” e do vestiario, que outros elementos interveñen en BAUNSBAK?
Neste caso traballo tamén coa amplificación do son xerado polas botas, mediante micrófonos que levan os propios intérpretes. Nunhas accións concretas, o impacto do corpo ou das botas activa os micrófonos, transformando, expandindo ou distorsionando o son, e xerando así un espazo acústico vivo en diálogo co movemento. A partir da complexidade que propoñen as propias botas —co seu rebote, a súa altura, o seu peso e a súa resposta física— xorde boa parte do material da peza: tanto o movemento como a calidade do son e a relación cos demais corpos na escena. Un dos novos elementos fundamentais é a composición espacial e xeométrica, que estrutura a acción escénica e guía o desprazamento dos corpos no espazo. A disposición dos elementos e os patróns de movemento xeran unha partitura tridimensional que se activa coa acción. Ademais, a partir do uso colectivo das jumping boots, emerxe unha dimensión case tribal, un corpo grupal que se move como se fose un só, convocando unha forza “primal” e compartida. Tamén hai un traballo moi presente coa voz, entendida como impulso, como fractura e como forza de liberación.

Tes algunha expectativa respecto á recepción de BAUNSBAK no festival?
Teño moita curiosidade. É unha peza cunha enerxía moi concreta, e creo que cada público a recibe de maneira distinta. Gustaríame que o público se deixase afectar, que a experiencia fose algo corporal e non só intelectual. É unha peza que se vive tanto como se entende.
Como definirías, en termos xerais e teóricos, a túa poética como coreógrafa? Ou dito con outras palabras, que caracteriza a túa obra artística como creadora?
Diría que traballo dende o corpo como axente de resistencia, como catalizador dun desexo de transformación. Hai unha pulsión moi física, moi sensorial, que move as miñas pezas. A escena é para min un lugar onde colapsar ou rebentar o mundo tal e como o coñecemos, e abrir outro máis permeable, onde se poida sentir e vibrar doutro xeito. A música electrónica, a luz e o son funcionan como aliados dese movemento, expanden o corpo e multiplican as capas da experiencia.

Cales son os teus referentes principais e por que?
Os meus referentes son moi diversos. A nivel visual, destacan artistas como Cyprien Gaillard e Anne Imhof, cuxa obra crea mundos cargados de tensión e profundidade. No ámbito da arquitectura, tamén me intereso pola estética minimalista, que transforma os espazos mediante a sinxeleza e a atención ao detalle, creando ambientes que permiten unha experiencia sensorial máis directa. Películas como Arrival exploran a percepción e a comunicación de maneira profunda e poética, mentres que proxectos como Nonotak en son e luz e 404 en luz experimentan coa interacción de diferentes elementos para modificar a percepción do espazo. A música de Rival Consoles tamén xoga un papel importante, creando paisaxes sonoras emocionais que complementan a miña relación co corpo e o espazo. Estes referentes, desde diferentes disciplinas, comparten unha capacidade para xerar mundos que non só provocan emocións senón tamén reflexións profundas.
Á marxe da circunstancia biográfica, a nivel artístico, cal é ou como é a túa relación con Galicia, coa súa cultura e idiosincrasia?
Para min Galicia é un lugar desde o que mirar doutro xeito. Hai unha relación co tempo, coa terra e coa linguaxe que me atravesa profundamente. Gústame traballar aquí porque sinto que hai unha especie de potencia subterránea, algo que non se mostra de primeiras pero que cando aparece, é moi verdadeiro. Tamén hai unha xeración de artistas e creador*s que están facendo cousas moi interesantes desde aquí.
Vai agora unha pregunta difícil: que é a danza? (Ou cal é a túa definición de danza?)
Para min a danza é unha forma de pensamento corporal. É unha linguaxe que pode activar outras maneiras de estar no mundo, máis conectadas co presente, co que non se pode nomear. É tamén unha práctica de coidado, de resistencia e de transformación.
Estás metida xa nalgún proxecto artístico novo? Como ves o futuro?
Si, estou comezando a fase de investigación dunha nova peza. Aínda está moi verde, pero teño ganas de explorar outros rexistros corporais e ampliar a dimensión instalativa, así como profundar na miña parte como iluminadora e produtora de son. En canto ao futuro, véxoo como unha pulsación, como algo que se constrúe no presente. Traballar desde a arte tamén é aprender a habitar a incerteza, e iso, aínda que ás veces dá medo, tamén é moi poderoso.
