in ,

Galicia Escena Pro celebra a súa 13ª edición con récords de participación

A vindeira semana, en Santiago de Compostela

Imaxe dunha función na edición de 2025 de Galicia Escena Pro.
Imaxe dunha función na edición de 2025 de Galicia Escena Pro. Fonte: Xunta de Galicia.

A Xunta de Galicia reunirá dende o luns 25 e ata o xoves 28 de maio, en Santiago de Compostela, 252 profesionais da programación, distribución e produción de espectáculos con motivo da 13ª edición de Galicia Escena PRO. Esta nova convocatoria do mercado das artes escénicas organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xunto coa asociación Escena Galega, acada o seu récord de participación ata o momento, tanto nas cifras de profesionais acreditados como nas de propostas artísticas recibidas.

Segundo vén de informar a Consellería, entre os axentes culturais que acudirán ao encontro figuran 84 responsables de espazos, festivais e redes de espectáculos, máis tamén que na pasada edición, cos que se prevé a celebración de arredor de 400 reunións de traballo ‘un a un’ co obxectivo de favorecer a contratación e a circulación das montaxes de todos os xéneros escénicos producidas en Galicia, que terá lugar na área de negocio, na Zona PRO instalada no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Entre as persoas acreditadas destacan as procedentes de escenarios, certames e circuítos de Portugal, como Cena Lusófona, Festival Internacional Cómico de Maia, Fazer a Festa ou a Mostra de Galiza en Coimbra, así como representantes do resto do Estado vinculados a FiraTàrrega, MadFeria, Dansa València, Semana de Danza de Cartaya (Huelva) ou dos concellos de Eibar, Segovia, Cáceres ou Madrid, entre outros territorios.

Ademais, Galicia Escena PRO 2026 recibiu 136 propostas artísticas na convocatoria deste ano, das que 82 optaban á exhibición en formato completo e 54 ás sesións pitching para proxectos en proceso.

A carteleira desta edición, seleccionada por unha comisión nomeada ao efecto por Escena Galega, está integrada por 32 espectáculos e proxectos de produción galega, dos que 19 se representarán nos cinco escenarios sedes de Galicia Escena PRO (Salón Teatro, Teatro Principal, Auditorio Abanca, Fundación SGAE e Centro Galego de Arte Contemporánea)¡ e localizacións ao aire libre da zona monumental compostelá; e 13 se avanzarán en sesións breves diante de profesionais da distribución e da programación.

Escaparate aberto da creación galega

A selección buscou ofrecer unha panorámica da escena galega actual, tanto con compañías de longa traxectoria como formacións emerxentes, con pezas de diferentes xéneros e formatos que suman preto de 20 horas de actuacións sobre as táboas nas catro xornadas de duración do evento. Ademais das actividades dirixidas só a profesionais, Galicia Escena PRO abre a meirande parte da súa carteleira ao público xeral. Así, as persoas non acreditadas poderán asistir de balde aos espectáculos programados nos horarios de tarde, segundo a dispoñibilidade de cada espazo e previa retirada dos convites na Zona (aberta de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas), en tanto que as funcións matinais dirixidas a público familiar contarán coa asistencia de escolares de varios centros de ensino.

Imaxe dunha escena da peza Coralinda
‘Coralinda’, de Elefante Elegante, abrirá a programación de exhibición de Galicia Escena Pro 2026. Fonte: Xunta de Galicia.

A axenda de exhibición comezará o luns 25 con Coralinda, de Elefante Elegante, no Salón Teatro ás 12.00 horas e continuará esa mesma xornada nos distintos horarios e espazos con Transparentar, de Enésima; Diz-me, meu amor, de Raquel Ferradás e María de Vicente ‒coa que se inaugurará oficialmente o evento ás 18.00 horas na praza de Mazarelos‒, Artur Ui, o ovo da serpe, de Talía Teatro, e Benquerer, de Fran Sieira, compañía de danza. O martes 26 será a quenda de O libro da selva. O musical, de Ártika Cía.; Oh, mammi blue!, de Cinema Sticado; Alén, de Colectivo Glovo; Quema, da Cía. Jacob Gómez; Sen patrón, de Pistacatro Produtora de Soños; Bioconstrución, de Ibuprofeno Teatro, e Bibidibabidibú!, de Teimas, esta última como mostra do xénero de improvisación, ás 22.30 horas na Sala Riquela e con acceso só con credencial.

Un momento da peza Diz-me meu amor
‘Diz-me, meu amor’, de Raquel Ferradás e María de Vicente, será a peza coa que se inaugurará oficialmente Galicia Escena Pro 2026. Fonte: Xunta de Galicia.

O mércores 27 poderán verse Voo, de Teatro O Cubo; Meu Rei, de Daniel Lezso; Miña pequena, de Constance Hurlé; Manual de patronaxe, de Teatro do Noroeste; Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota e Compañía, e 52-BLAU, de iXa. A programación rematará o xoves 28 con El escondite de la abuela, de La Tartana Teatro; Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico; Mofa&Befa: Os dous de sempre, de Producións Teatrais Excéntricas, e Xoguetes rotos, de Barrosanta e ButacaZero.

Actividade profesional e debate

Xa dentro da actividade reservada estritamente ás persoas acreditadas, o Museo das Peregrinacións e de Santiago será o epicentro das reunións un a un, dos pitchings, do espazo de traballo e das mesas-coloquio. Así, o luns 25, ás 13,30 h., presentarase unha primeira quenda de proxectos en proceso con Clic, de Culturactiva Producións; ComedIA, de Píscore; Crónica do rei pasmado, de Contraproducións; Curie ou a simetría dos fenómenos físicos, de Empatía Teatro; Oh!, de AsSircópatas, e Vila, de Marcos PTT. O martes 26, tamén ás 13,30 h., desenvolverase a segunda sesión de presentacións rápidas con Abúrrome, de martaalonsotejada cía.; CROIX, conferencia bailada, de Paula Quintas Cía.; Hiranya, de Eva Comesaña; Less dragqueens and more ChuNorris / Menos dragqueens e máis ChuNorris, de ALÓproducións; Manchas de sangue, de Torta Torta; O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger, de Tarabela Creativa, e Ritu, de Nova Galega de Danza.

A feira propón, así mesmo, dous espazos de reflexión arredor da distribución e da circulación das artes escénicas. O mércores 27, ás 13,30 h., celebrarase a mesa Redes en movemento, centrada nos espazos de exhibición escénica máis alá dos circuítos habituais. Participarán nela Noelia Fernández, xerente da compañía Escena Miriñaque e presidenta de Red de Teatros Alternativos; José Luis González “Poxpolo”, responsable da área de Cultura do Concello de Eibar, e Paula Quintas, presidenta de Red Acieloabierto, rede de festivais de danza contemporánea en espazos non convencionais. Moderará Carmen Conde, directora da compañía Tarabela Creativa.

E o xoves 28, ás 13,30 h., Produción e distribución: obsolescencia programada poñerá o foco nunha realidade cada vez máis presente no sector: a presión cara a unha produción constante. Os relatorios correrán a cargo de María José Mora, directora de Dansa València; Abigail Ballester, directora executiva de FiraTàrrega; Cristina Cazorla, codirectora de Trapezi, Fira del Circ de Catalunya, e Rocío Pindado, distribuidora de Portal 71 Producciones Culturales. Moderará Juan Rodríguez, director das compañías Pedras de Cartón e Caramuxo Teatro.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Alicia Wants To Foto de Laura Pose

Bengala Teatro Físico celebra o seu primeiro ano de traxectoria con novas funcións de ‘Alicia Wants To’