in ,

Os III Premios Manu Lago xa teñen gañadores

Xampatito Pato, Cía MUU e a Asociación Manicómicos levaron os tres galardóns

Foto grupal dos Premios Manu Lago 2026
Imaxe grupal dos III Premios Manu Lago de circo. Fonte das fotografías: APCG.

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu a pasada noite a terceira edición dos Premios Manu Lago, organizados pola Asociación Galega de Profesionais do Circo (APCG) para recoñecer o talento, a creación e a traxectoria do circo galego. A gala, presentada por Fredi Muiño, combinou a entrega dos galardóns cunha noite de circo en directo. Contou, entre outras actuacións, con aro aéreo con Rebeca Santos, malabares con Ramón Gato, trapecio fixo con Johanna Hesse e equilibrismo sobre arame con Henriko; ademais de moitas outras sorpresas.

A resolución

Recóllense de seguido os galardóns outorgados nas tres categorías nas que se dividen os Premios:

  • Mellor espectáculo de sala: Compaña, de Xampatito Pato. Eran tamén finalistas A serie clopen, do Centro Dramático Galego (CDG); e Multiperspectivas #3, de Paula Quintas.
  • Mellor espectáculo de rúa: Crunch2!. da Cía. MUU. Eran tamén finalistas Coa cabeza nas nubes, de SÖA e Tavole, de Zirko Txosko.
  • Premio Recoñecemento pola Labor de Impulso ao Novo Circo Galego: Asociación Cultural Manicómicos, entidade coruñesa que desde 2004 impulsa o Novo Circo na Coruña e que en 2025 recibira tamén o Premio estatal de Boas Prácticas de CircoRED. Recolleron o premio Malala Ricoy e Carlos Sante. Nesta categoría tamén eran finalistas Casa Encantada e Sala Nasa.

Os galardóns levan o nome de Manu Lago en homenaxe ao pallaso e malabarista vigués falecido en 2017, unha figura imprescindible cuxo pulo pioneiro foi decisivo para a consolidación do Novo Circo en Galicia.

Ao acto tamén asistiron representantes institucionais como Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); e Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, xunto con representantes do tecido cultural e social do país.

Un outono de circo en Santiago

A gala é o punto de partida dun outono no que Santiago será un dos grandes puntos de encontro do circo galego e estatal: do 23 ao 26 de novembro celebrarase BEC! – Bienal Estatal de Circo, organizada por CircoRED e coa colaboración da APCG.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe dunha xornada profesional de promoción escénica

A Cidade da Cultura acollerá a VI Xornada Profesional de Promoción Escénica