in ,

A Cidade da Cultura acollerá a VI Xornada Profesional de Promoción Escénica

O 20 de outubro, organizada por Escena Galega, co apoio da Agadic

Imaxe dunha xornada profesional de promoción escénica
Imaxe da Xornada Profesional de Promoción Escénica, nunha edición anterior. Fonte: Escena Galega.

Impulsada pola Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, Escena Galega, e co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, celebrarase o vindeiro 20 de outubro a VI Xornada Profesional de Promoción Escénica. Despois de varios anos de coorganización coa Asociación Galega de Empresas Musicais, AGEM, este ano Escena Galega volve promover a xornada en solitario, pois AGEM está inmersa na organización da primeira edición de PALCO.

A Xornada profesional de promoción escénica “trata de crear ano a ano un espazo profesionalizado de relación entre compañías, distribuidoras e profesionais da programación escénica, de espazos públicos e privados, para axudar a facilitar a labor de distribución e venda dos espectáculos, por unha banda, e de contratación dos mesmos, pola outra”.

A actividade, polo tanto, está enfocada á programación de traballos escénicos, “de cara a por exemplo á programación do primeiro semestre de 2027 da Rede Galega de Teatros e Auditorios, pero tamén da convocatoria da Rede Cultural da Deputación da Coruña a comezos de ano ou de calquera outra programación propia dos espazos (campañas escolares, programacións de Entroido, festas…)”, segundo explican dende Escena Galega.

A Asociación explica que este ano quixeron “darlle unha volta á programación, tentando actualizala, mellorala e facela máis atraente para todo o sector profesional, cun formato e horario similares a anos anteriores pero con outro enfoque nas actividades”.

A xornada terá lugar no Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás, Santiago de Compostela), o martes 20 de outubro de 2026, en horario de 10.00 a 18.00 horas. Diríxese ás persoas profesionais da programación escénica de Galicia e o Norte de Portugal, tanto de espazos públicos ou privados, e tamén ás compañías profesionais de artes escénicas (e ás súas distribuidoras) asociadas a Escena Galega.

A inscrición na xornada é de balde e para as persoais profesionais da programación asistentes a organización aboará os gastos de desprazamento derivados da súa asistencia. Ademais, para as e os profesionais asistentes dende Portugal a organización ofrecerá tamén aloxamento na noite do luns 19 ao martes 20 de outubro.

Programa

  • 09.30 a 10.00 h. Benvida e entrega de acreditacións
  • 10.00 a 10.15 h.Inauguración da Xornada
  • 10.15 a 11.30 h. Actividade Micro Aberto!
  • 11.30 a 14.00 h. Espazo de presentación de proxectos: O que a escena galega ten no forno
    12.15 a 12.45 h. Pausa-café / Espazo networking.
  • 14.00 a 15.30 h. Xantar compartido / Espazo networking.
  • 15.30 a 18.00 h. Espazo de encontro Café e dossier

Espazos Networking

A pausa café e o xantar compartido, que serán de pé nos propios espazos onde se celebrará a xornada, están concibidos como momentos de reunión, charla informal e intercambio entre as e os profesionais asistentes. Habilitarase tamén un espazo visible no que as compañías e distribuidoras poderán deixar os seus materiais de promoción.

Actividade Micro aberto!

Pretende ser unha dinámica de benvida á xornada para todas as persoas asistentes e unha acción de foro aberto entre creadoras/es, compañías, distribuidoras e profesionais da programación para reflexionar sobre os obxectivos da xornada, como mellorar as relacións profesionais, facelas máis produtivas e coñecerse mellor.
Nesta dinámica incluirase tamén unha presentación da actividade que Escena Galega como asociación organizará no 2027, ano no que a Asociación celebrará o seu vixésimo quinto aniversario.

Ademais, en Micro aberto! darase tamén voz ás/aos profesionais da programación, para falar de proxectos, novas sectoriais, anuncios, celebracións, queixas…

O que a escena galega ten no forno

É un espazo de presentación para coñecer os proxectos que se estrearán na escena profesional galega en 2027. Deseñouse como unha rolda de iniciativas que non ten por que circunscribirse á presentación rápida de espectáculos. As compañías asistentes terán liberdade para falar de calquera aspecto do seu traballo, dende procesos de creación, iniciativas artísticas de calquera tipo, proxectos organizados, iniciativas pedagóxicas…

Café e dossier

Reformulouse o formato “rolda de negocio” para crear un espazo “máis informal e distendido. Nel,  cun café polo medio, xuntaranse en cada mesa varias/os profesionais da programación e compañías asistentes para charlar sobre as súas propostas escénicas, segundo os intereses e prioridades que se recollan durante o proceso de inscrición.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe da peza Encrobas

A Mostra de Teatro Amador ‘Terras de Orcellón’ inaugura a súa 19ª edición