in

O Auditorio de Galicia acolle a estrea da zarzuela ‘La geometría imperfecta del olvido’

Esta tarde, a partir das 20:00 horas, con entrada gratuíta

Ensaio de La geometría imperfecta del olvido
Ensaio de 'La geometría imperfecta del olvido'. Foto de Manuel Álvarez Useche.

A nova zarzuela contemporánea de Sergio Camacho, La geometría imperfecta del olvido, estréase hoxe, mércores, 25 de novembro, en Santiago de Compostela. A Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia acollerá esta tarde, ás 20.00 horas, a primeira función do espectáculo dentro da programación do ciclo Contemporáneas. A representación constitúe o resultado final de The Lyrical Seed, un proxecto europeo desenvolvido por institucións de España e Lituania, liderado pola Universidade de Santiago de Compostela e dirixido por Montserrat Capelán e Sergio Camacho a través do Instituto de Investigación en Humanidades (iHUS) e do grupo de investigación Organistrum.

Cunha duración aproximada de oitenta minutos, a obra, con música e libreto de Sergio Camacho,  propón “unha reflexión sobre a memoria, a ausencia, a migración e os vínculos familiares a través da historia dunha familia marcada pola separación”. A acción desenvólvese desde os puntos de vista dos seus tres protagonistas, que reconstrúen un mesmo pasado desde perspectivas diferentes e poñen en cuestión a propia natureza do recordo e do esquecemento.

A produción combina a linguaxe lírica contemporánea, a dramaturxia escénica e unha marcada dimensión simbólica. Xunto aos personaxes principais aparecen a Lúa e o Cosmos, dúas figuras alegóricas que acompañan a acción e amplían a lectura poética da obra, transformando unha historia íntima nunha reflexión sobre cuestións universais como a identidade, a perda e o retorno.

Elenco internacional

Aquiles Machado interpreta o Pai nun elenco que reúne voces cunha consolidada traxectoria nos escenarios nacionais e internacionais. A mezzosoprano Julia Portela Piñón encarna a Nai; o tenor Francisco Fernández-Rueda, o Fillo; e o contratenor Christian Borrelli dá vida á Lúa. O personaxe coral do Cosmos está interpretado por Nuria Leiro, Andrea Varela, Manuel Yáñez e Pablo Nieves, mentres que Gaia Áurea Brenlla Filgueira asume o papel do Fillo neno.

A dirección musical e escénica correrá a cargo do propio Sergio Camacho, mentres que a interpretación musical estará nas mans do Grupo Instrumental Siglo XX, coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia e Florian Vlashi como concertino. O equipo artístico e técnico complétase con Luis Ortega no deseño de produción e na escenografía, esta última compartida con Elynn Tan, responsable tamén da xestión de produción e da rexedoría; Manuel Álvarez Useche na comunicación dixital e desenvolvemento técnico; Baltasar Patiño no deseño de iluminación; Anxo Pita, Israel Rúa e Silvia M. Caramés no vestiario; e Juan Carlos Zahera na coreografía.

A obra supón a culminación de varios anos de investigación e creación artística desenvolvidos no ámbito universitario e constitúe “unha aposta decidida pola creación de novo repertorio lírico”.

Ficha artística

Música e libreto: Sergio Camacho
Dirección musical e escénica: Sergio Camacho
Dirección de produción: Montserrat Capelán
Orquestra: Grupo Instrumental Siglo XX, coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia
Concertino: Florian Vlashi

Elenco

Aquiles Machado: Pai
Julia Portela Piñón: Nai
Francisco Fernández-Rueda: Fillo
Christian Borrelli: Lúa
Nuria Leiro, Andrea Varela, Manuel Yáñez e Pablo Nieves: Cosmos
Gaia Áurea Brenlla Filgueira: Fillo neno

Equipo técnico

Deseño de produción: Luis Ortega
Xestión de produción e rexedoría: Elynn Tan
Desenvolvemento técnico e audiovisual: Manuel Álvarez Useche
Deseño de iluminación: Baltasar Patiño
Vestiario: Anxo Pita, Israel Rúa e Silvia M. Caramés
Coreografía: Juan Carlos Zahera
Escenografía: Luis Ortega e Elynn Tan

Continuidade

O ciclo Contemporáneas, desenvolvido polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura co apoio da Deputación da Coruña, conta coa colaboración do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) do Ministerio de Cultura.

A estrea en Santiago de Compostela abre o percorrido internacional desta produción, que terá continuidade no Teatro da Filharmónica de Kaunas, en Lituania, de acordo coa vocación itinerante coa que foi concibido o proxecto.

Entradas

A entrada é de balde, previa retirada anticipada de convite (cun máximo de dous por persoa) en compostelacultura.gal e en Zona C · Punto de Información Cultural (aberta de martes a sábado, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas). En caso de existir aínda localidades dispoñibles, poderanse retirar tamén esta tarde no despacho de billetes do Auditorio de Galicia dende as 19 horas.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'52-BLAU' de iXa - Xián Martínez. Festival Escenas do Cambio 2026. Foto: Manuel G. Vicente - Cidade da Cultura

Xián Martínez Miguel, iXa e 52 BLAU