in ,

Comeza en Santiago de Compostela a sexta edición do Festival Internacional de Improvisación de Galicia, Imperdible

Mañá, cun experimento colectivo na Praza da Quintana, ás 19 horas

Imaxe do grupo de improvisación As Teimas
Imaxe do Imaxe do grupo de improvisación As Teimas no seu espectáculo 'Bibidibabidibú!', co que participarán en Imperdible. Fonte: Xunta de Galicia.

Con Quintana de Vivos Experience arrancará mañá, 8 de outubro, en Santiago de Compostela, o Festival Internacional de Improvisación de Galicia, Imperdible. Trátase dunha improvisación de creación colectiva inspirada nos MP3 Experiments do colectivo de Nova York Improv Everywhere, e creada especialmente para a capital galega. Con esta actividade a Praza da Quintana converterase a partir das 19:00 horas nun escenario onde as persoas participantes formarán parte dunha gran creación efémera. A través duns auriculares, unha voz guía proporá xogos, retos, movementos e situacións inesperadas que transformarán progresivamente o entorno nun organismo vivo. Será “un experimento colectivo onde a cidade, o azar e a imaxinación escribirán xuntos unha única función que só acontecerá unha vez”.

Sorpresas improvisadas

Durante dez días, ata o vindeiro 18 de outubro, o Festival Imperdible funcionará como escaparate da improvisación nas súas múltiples formas, con actividades que se desenvolverán en Santiago de Compostela e en Ames. Espectáculos, obradoiros e accións de rúa conformarán unha programación que busca seguir consolidando este evento dentro do panorama das artes escénicas de Galicia.

Nesta sexta edición o Festival segue apostando pola improvisación teatral como eixo vertebrador do festival e, ademais, amplía a mirada cara a outras disciplinas artísticas. Así, a improvisación tamén estará presente en propostas de música, danza ou regueifa, configurando “unha programación máis aberta e transversal pensada para conectar con públicos diversos e interxeracionais, especialmente co público novo”, segundo poñen en valor dende a organización do evento.

A programación

 Woman Up! será un dos pratos fortes desta edición. Este espectáculo internacional de improvisación reunirá en Santiago de Compostela a Lucía Veiga, nomeada ao Goya á mellor actriz revelación en 2025 por Soy Nevenka; Susana Sampedro, gañadora do Mestre Mateo á mellor interpretación feminina de reparto en 2024 por Matria; Ana Puerta, da compañía granadina La Tetera; e a Paula Galimberti, fundadora da compañía Jamming. Desde o humor e a emoción, Woman Up! aborda as experiencias compartidas das mulleres ao longo das súas traxectorias vitais.

Pola súa banda o actor, guionista e director Miguel Canalejo, xunto coa tamén actriz Antía Vidal, impartirán “un obradoiro de improvisación en estilo thriller rural, dirixido a doce destacados improvisadores galegos procedentes de varias cidades”. Neste laboratorio, o traballo xirará arredor do suspense e do thriller, explorando a través da improvisación as personaxes e as características propias deste xénero cinematográfico. O obradoiro culminará coa exhibición do espectáculo Nun lugar onde nunca pasa nada na Sala Capitol.

A comedia absurda participará da man de Ángel Cantizani, da compañía madrileña Al Tran Tran, referente da improvisación musical en España. Co seu show Pepino aborda o tema do proceso de creación dun espectáculo en directo, así como as expectativas e fracasos asociados á creación artística.

Ademais, o festival reforzará este ano a súa dimensión internacional coa presenza de Coqueluje Teatro de Improviso, colaboradora de Barbixas, unha das compañías de improvisación e comedia máis coñecidas do Brasil. O seu espectáculo LÁ está inspirado no universo literario d’As Cidades Invisibles, do escritor italiano Italo Calvino.

 A formación xoga tamén un papel fundamental dentro do Festival Imperdible, cun programa que abrangue dez obradoiros con profesionais da improvisación. Nestes espazos poderase aprender a improvisar en rima con Víctor Ruíz, membro da compañía galega Improversados; ou a xogar co xesto e co corpo como motores creativos da man do improvisador e artista de circo Arturo Cobas. Tamén haberá espazo para practicar e profundar na improvisación tradicional galega grazas á clase de regueifa coa filóloga e cantante Alba María.

Podes consultar aquí a programación completa do IV Festival Imperdible. 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto grupal dos Premios Manu Lago 2026

Os III Premios Manu Lago xa teñen gañadores