in ,

ButacaZero abre ao público o seu proxecto ‘1972’

Hoxe e o domingo, con dúas actividades de mediación gratuítas, antes da mostra final do proceso

Esther F. Carrodeguas nun encontro de Barrios en Lucha
Esther F. Carrodeguas nun encontro de Barrios en Lucha. Foto de Roberto Del Castar.
O novo traballo de creación e mediación cultural desenvolvido pola compañía ButacaZero con adolescentes de Vigo, 1972, abre esta semana as súas portas á cidadanía con dúas actividades gratuítas. Ambas xiran arredor da folga xeral que paralizou a cidade olívica durante quince días en setembro de 1972, un dos episodios máis relevantes da loita obreira da época franquista.
A primeira cita será hoxe, xoves 8 de outubro, ás 19:00 horas, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO). O edificio, que daquela era un cárcere, acolle cada semana desde setembro os encontros formativos do proxecto. Alí terá lugar esta tarde o Conversatorio Interxeracional, unha conversación aberta ao público na que o grupo de adolescentes dialogará con persoas vinculadas ás protestas de 1972 para avanzar na súa investigación escénica. A entrada é gratuíta e de acceso libre ata completar a capacidade do espazo.
O domingo, 11 de outubro, pola mañá, o proxecto sairá á rúa cun roteiro en autobús pola memoria obreira de Vigo. O percorrido irá desde PSA-Citroën, un dos epicentros da loita sindicalista, ata A Madroa, onde tiñan lugar as reunións nocturnas dos comités que debatían a continuidade da folga. A actividade é gratuíta, pero as prazas son limitadas e é necesario inscribirse previamente no correo electrónico info@butacazero.com.

O proxecto

Desde setembro, un grupo de adolescentes de Vigo investiga a folga de 1972 para convertela nunha peza escénica propia. O proceso formativo multidisciplinar está dirixido por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que contan co acompañamento de Laura R. Iturralde, Clara Ferrao, Juanma LoDo, Borja Carvajal e Pia Nicoletti. Nel, a mocidade traballa danza contemporánea, sonorización, deseño audiovisual, iluminación, dramaturxia documental e creación colectiva. O conversatorio e o roteiro forman parte dese proceso de investigación, no que colaboran tamén entidades como a Unión Comarcal CCOO de Vigo ou a Fundación 10 de marzo.

“A idea é organizarse colectivamente para ‘bailar a loita’, e que revivan cos seus corpos e voces a enerxía e o espíritu dun episodio do noso pasado do que non quedou unha soa imaxe para a posteridade”, explica Carrodeguas.
As dúas actividades preceden a mostra final do proceso, que se presentará os días 12 e 13 de novembro na Sala Ártika, localizada na zona portuaria de Vigo, escenario dos paros de 1972. A entrada será de balde, previa retirada de convites na páxina web da sala, ata completar a capacidade do espazo.
1972 é, á súa vez, un dos nove proxectos de creación escénica de Barrios en lucha, un programa desenvolvido e coordinado por Teatro del Barrio para o Comisionado para la Celebración de los 50 años de España en libertad.
Redacción
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

As Teimas

Comeza en Santiago de Compostela a sexta edición do Festival Internacional de Improvisación de Galicia, Imperdible