A compañía luguesa Bengala Teatro Físico vén de celebrar o primeiro aniversario do seu proxecto escénico con novas datas de funcións do seu espectáculo Alicia Wants To. O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu onte unha función desta peza na que se combinan diferentes disciplinas artísticas que ten como obxectivo principal “investigar e reflexionar arredor de diversas problemáticas sociais que perpetúan un sistema desigual no que as oportunidades e os recursos non son iguais para todas”. A vindeira semana Santiago de Compostela acollerá unha nova función da peza. Será o xoves, 28 de maio, no Auditorio Abanca, ás 12:00 horas, dentro da programación de Galicia Escena Pro.
A historia de Alicia Wants To céntrase en Alicia e súa nai Juana, “mulleres da marxe que intentan sobrevivir nunha sociedade atravesada pola exclusión social, os abusos, a pobreza e un sistema xudicial que non protexe ás minorías”, segundo destaca a compañía.
A obra, escrita e dirixida por An González, naceu coa intención de responder á cuestión: “Que hai que facer para poñer a marxe no centro?”, un gran dilema que se traslada ao público a través de personaxes interpretadas por Andrea Maseda, Estrella Tomé, Estela del Río e Alexia Villar. Na peza “realismo máximo e crueza social” mestúranse, e, para afondar na idea de que “non todos nacemos coas mesmas posibilidades”, a historia inspírase nunha partida de xadrez, a partida de Alicia, na que ela xoga coas pezas brancas pero non conta con todas as pezas. Esta metáfora da vida é levada ao espazo escénico de xeito que o público poida coller parte activa no espectáculo e elixir algunha das decisións que ten que tomar Alicia.
En marzo fixo un ano da creación deste novo proxecto escénico dan man de Andrea Maseda e An González, que comezou coa peza En Carne Viva, gañadora do segundo premio no certame Xuventude Crea no 2025, e que agora continúa con esta nova proposta, Alicia Wants To. As dúas afirman estar “moi satisfeitas “coa boa acollida do público e as novas positivas que foron conseguindo neste pouco espazo de tempo. Comparten que un bo resumo deste primeiro ano de traxectoria de Bengala Teatro Físico no sector escénico galego podería ser o seguinte: “Moita convicción no proxecto, traballo infinito, un equipo con ilusión e quilómetros de furgoneta”.


