O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle hoxe a estrea do novo espectáculo de Redrum Teatro: Caídas. A montaxe, que transita entre o testemuño colectivo e a reparación da memoria, ten como punto de partida o ensaio homónimo da xornalista e investigadora Montse Fajardo sobre “unha das institucións máis escuras e esquecidas do franquismo”: El Patronato de Protección de la Mujer.
O equipo artístico
Marián Bañobre asumiu a dirección de Caídas, ao tempo que se encargou da adaptación xunto a Santiago Cortegoso. Mela Casal, Neves Rodríguez e Sheyla Fariña e Raquel Crespo conforman o elenco. Laura Iturralde deseña a iluminación mentres que Davide González se encarga do espazo sonoro e Toni Salgado, da axudantía de dirección. O equipo inclúe tamén a Marta Alonso Tejada na dirección de movemento.
Caídas —que contou co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas á creación escénica da Agadic na súa modalidade plurianual e coa colaboración dos Concellos de Teo, Negreira e Santiago de Compostela— terá tamén unha segunda función mañá, venres 23 de outubro, así como dous pases para o público escolar. Despois, o espectáculo iniciará a súa xira polos escenarios galegos e visitará o 24 de outubro Moaña e o 25, Baiona.
Sinopse
“‘É imposible obviar o que xa sabes’. Unha vez descuberta a verdade, o silencio deixa de ser unha opción. Caídas é unha viaxe a través da memoria colectiva para desenterrar as historias sepultadas baixo as lousas da moral nacionalcatólica.
Catro mulleres en escena tecen unha rede de lembranzas e testemuños para reconstruír a dor, mais tamén a dignidade, daquelas “patronatas” pechadas por saírse da norma. Entre o pasado e o presente, esta montaxe disecciona a culpa e o medo inculcados durante xeracións, convertendo o escenario nun espazo de xustiza e reparación. Unha obra que nos convida a mirar de fronte ao noso pasado recente para entender as cicatrices do noso presente.
Baseada no ensaio da xornalista Montse Fajardo e noutra documentación, Caídas pon o foco sobre unha das institucións máis escuras e descoñecidas do franquismo: o Patronato de Protección de la Mujer (1941-1985). Baixo a dirección de Marián Bañobre, o espectáculo documenta a realidade de miles de mulleres que, sen teren cometido delito ningún, foron privadas de liberdade baixo o pretexto da súa protección e reeducación moral.
Tralo impacto social e o recoñecemento colleitado con Invisibles, en Redrum Teatro sentimos a responsabilidade de continuar indagando nas marxes da nosa historia recente. Por iso con Caídas damos un paso máis na nosa aposta por un teatro comprometido, necesario e con perspectiva de xénero, para denunciar unha das realidades máis silenciadas e crueis do franquismo e da transición española: o Patronato de Protección de la Mujer.
Durante máis de catro décadas (1941-1985), existiu en España un organismo estatal encargado de vixiar e castigar a moralidade feminina. Milleiros de mozas foron encerradas en reformatorios e conventos sen teren cometido ningún delito. O seu crime foi ser pobres, nais solteiras, rebeldes ou, simplemente, seren denunciadas polos seus propios familiares ou veciños. A sociedade etiquetounas como “caídas”; nós queremos devolverlles o nome e a dignidade.
Baseándonos no rigoroso ensaio da xornalista Montse Fajardo, e noutra documentación, e baixo a dirección de Marián Bañobre, construímos unha dramaturxia que transita entre o teatro documento e a ficción poética. Non nos limitamos a expoñer datos; subimos ao escenario a atmosfera opresiva, o medo, o roubo de bebés e a explotación laboral, pero tamén a resistencia e a sororidade daquelas mulleres.
Catro actrices de diferentes xeracións (Mela Casal, Sheyla Fariña, Neves Rodríguez e Raquel Crespo) poñen corpo e voz a unha memoria colectiva que foi secuestrada e silenciada. A través delas, o escenario convértese nun espazo de xustiza onde o pasado dialoga directamente co presente, interpelando ao espectador sobre os mecanismos de control que aínda perviven.
Caídas non é só un espectáculo teatral; é un exercicio de hixiene democrática e reparación histórica. É unha obra concibida para emocionar, para remexer conciencias e para xerar debate. Nun momento no que a revisión do pasado é máis necesaria que nunca, esta peza ofrécese como unha ferramenta cultural de primeira orde para entender de onde vimos e para render a homenaxe que lle debemos a todas as mulleres que sufriron o terror e o silencio. “É imposible obviar o que xa sabes”. Nós xa o sabemos. Agora toca contalo”.
Ficha artística
Elenco: Mela Casal, Sheyla Fariña, Neves Rodríguez e Raquel Crespo
Dirección: Marián Bañobre
Dramaturxia: Marián Bañobre e Santiago Cortegoso
Axte dirección: Toni Salgado
Escenografía e iluminación: Laura Iturralde
Vídeo en escena: Alex Sampayo
Dirección de movemento: Marta Alonso
Espazo sonoro: Davide
Deseño de vestiario: Raquel Crespo
Material promocional: Alex Sampayo
Asistencia técnica: Carlos Álvarez-Ossorio
Prensa: Alberto Ramos
Produción: Redrum Teatro
Distribución: Guillermo Carbajo
Axuda á produción: Agadic
Colaboracións: Concellos de Teo, Negreira e Santiago de Compostela
A compañía
Redrum Teatro iniciou a súa andaina en 2009. Desde a súa creación, levou a escena obras para o público familiar (Moito Conto, Roedores, A nena que quería navegar ou Contos do recreo) e diversos espectáculos para adultos, entre os que se poden destacar Currículum vitae, Noiteboa, A canción do Elefante, Idiota ou Invisibles, montaxe galardoada cos Premios María Casares á dirección, á iluminación e ao texto adaptado en 2019. Nos últimos anos, Redrum estreou obras como O mozo da última fila ou Hamelin, adaptando ao galego a Juan Mayorga; Nas Nubes, peza de José Luis Baños de Cos galardoada co Premio Barriga Verde de textos teatrais, ou Sophie non é o meu nome de guerra, obra de Roberto Pascual distinguida co Premio Rafael Dieste.


