in , ,

Compostela prepárase para unha noite de circo coa gala dos III Premios Manu Lago do Novo Circo Galego

O luns 5 de outubro, ás 20:00 h, no Teatro Principal

APCG
APCG

O luns 5 de outubro, ás 20:00 h, o Teatro Principal acollerá unha gala presentada por Fredi Muiño (N+1), con aéreos,malabares, cable e clown, e a entrega do Premio Recoñecemento pola Labor de Impulso ao Novo Circo Galego a Manicómicos.

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá o luns 5 de outubro, ás 20:00 h, a terceira edición dos Premios Manu Lago, organizados pola Asociación Galega de Profesionais do Circo (APCG) para recoñecer o talento, acreación e a traxectoria do circo galego.

Os galardóns levan o nome de Manu Lago en homenaxe ao pallaso e malabarista vigués falecido en 2017, unha figura imprescindible cuxo pulo pioneiro foi decisivo para a consolidación do Novo Circo en Galicia.

A gala combinará a entrega dos premios cunha noite de circo en directo. Estará presentada por Fredi Muiño, pallaso, bailarín e actor cunha ampla traxectoria no mundo das artes escénicas, moi vinculado á escena cultural de Santiago. Contará con artistas e compañías como Rebeca Santos, Ramón Gato ou Henriko, ademais de varias sorpresas que se desvelarán durante a noite.

Tamén asistirán representantes institucionais como Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais(AGADIC), e Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, xunto con representantes do tecido cultural e social do país. Pendente da confirmación da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

Asociación Cultural Manicómicos, Premio Recoñecemento polo Labor de Impulso ao Novo Circo Galego

O premio de Recoñecemento deste ano recae na asociación coruñesa Manicómicos, unha das entidades en activo máis veteranas do circo galego, que desde 2004 impulsa o Novo Circo na Coruña. En 2025 recibira tamén o Premio estatal de Boas Prácticas de CircoRED. Nesta categoría tamén eran finalistas Casa Encantada e Sala Nasa.

Finalistas nas categorías de creación

Mellor espectáculo de sala:

  • Compaña, de Xampatito Pato
  • A Serie Clopen, do Centro Dramático Galego (CDG)
  • Multiperspectivas #3, de Paula Quintas

Mellor espectáculo de rúa:

  • Coa cabeza nas nubes, de SÖA
  • Crunch2!, de MUU
  • Tavole, de Zirko Txosko

Os nomes das persoas e compañías gañadoras desvelaranse durante a gala.

Un outono de circo en Santiago

A gala é o punto de partida dun outono no que Santiago será un dos grandes puntos de encontro do circo galego e estatal: do 23 ao 26 de novembro celebrarase BEC! Bienal Estatal de Circo, organizada por CircoRED e coa colaboración da APCG. O evento acollerá artistas, compañías, programadores, distribuidores e representantes institucionais en distintos espazos da cidade.

Información sobre finalistas ao Mellor espectáculo de sala

A SERIE CLOPEN | Compañía: CDG

Sinopse: Acrobacias imposibles, aéreos impactantes comedia hilarante, danza, clown e unha historia cautivadora. Serie Clopen é un espectáculo multidisciplinar que reflexiona, en tono de humor, sobre os retos que ten que afrontar a xuventude nestes tempos de incerteza. Alicia é unha rapaza que está nese momento vital onde comeza a construír a súa identidade e investiga o mundo que a arrodea. O seu cuarto segue cheo de bonecas e xoguetes, pero as preguntas invaden a súa mente. Ela, no seu afán de darlles resposta, abre unha canle onde explica curiosidades acerca dunha das súas paixóns: as Matemáticas. Pero todo o que descobre, xera mais preguntas… Poderán as Mates explicar o momento político actual: o auxe dos absolutismos, dos fascismos, o aumento da desigualdade, ou o novo contexto bélico? Poderá a nosa mocidade superar os retos que lles impón a súa xeración? E, sobre todo, poderá o Circo, a arte do momento presente, do físico, do risco, da cooperación, ofrecer alternativas nun mundo absolutamente dixitalizado?

Estrea: 11/9/2025 Idioma: Galego Duración: 90 min

Ficha técnica: Dirección: Pablo Reboleiro. Dramaturxia: Clara Gayo e Pablo Reboleiro. Elenco: Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hesse, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos, Guillermo Solo. Iluminación e videoescena: Laura Iturralde. Escenografía: José Faro e Laura Iturralde. Caracterización e maquillaxe: Erea Pérez e Paula Quintas. Vestiario: Carlos Alonso. Asistencia de vestiario: Neme Vázquez. Movemento: Marta Alonso Tejada. Asistente dirección e espazo sonoro: Marcos PTT. Asistencia circo: José Expósito. Música orixinal Xosé Lois Romero. Asistente produción Santi Romay. Foto e vídeos: Miramemira. Cartel: Juan Pablo Venditti e Ana Vidal. Produce: CDG

COMPAÑA | Cía: XAMPATITO PATO

Sinopse: Este espectáculo fusiona o circo co mundo dos títeres, creando imaxes e escenas que transportan ao espectador a un mundo surrealista e onírico. Un personaxe solitario en busca de compañía explora a súa imaxinación para dar vida a cada un dos seus pensamentos. A través deste proceso, consegue sentirse acompañado e leva ó público por un camiño cheo de sorpresas e risas.

Estrea: 30/11/2024 Idioma: Sen texto. Duración: 50 min

Ficha técnica: Interpretación: Jesús Velasco. Dirección: Jorge Jiménez y Jesús Velasco. Deseño de escenografía: Jesús Velasco. Escenografía: CruLe Productions. Deseño de luces: Rafael Díaz Ramírez. Deseño de vestiario: Alicia Tojo. Arranxos sonoros: Javier Lemus Escudero. Pintura: Raquel Germade. Costura de bonecos: Lorena Mariño. Deseñográfico: Berbal Studio. Foto: Leticia Mariño e Sol Álvarez

MULTIPERSPECTIVAS #3 | Cía: PAULA QUINTAS

Sinopse: Unha proposta orixinal coa perspectiva do espectador como reflexión contemporánea. Combina improvisación teatral, danza, circo e performance, deixando espazo para a interacción co público. Experimenta cos límites das artes escénicas para enfrontarse coa realidade do espazo que nos rodea: os límites entre o privado e o público, o vivencial na arte nunha instalación circense compartida a tempo real. En constante desenvolvemento, culmina a súa investigación na cápsula #3, como parte práctica da tese doutoral “Limites e Confluencias entre a danza e o circo contemporáneos na España do S.XXI”, dirixida por Carlos Tejo na Universidade de Vigo, (2021-2024).

Estrea: 6/9/2024 Idioma: Galego / Castelán / Inglés. Duración: 50 min

Ficha técnica. Cocreación: Rut Balbís, Arturo Cobas, Antón Coucheiro, Ana Gesto e Paula Quintas. Dirección e coreografía: Rut Balbís e Paula Quintas. Intervención sonora: Arturo Cobas. Iluminación: Laura Iturralde e Xacobo Torres. Intérpretes: Paula Quintas, Arturo Cobas e Antón Coucheiro. Arame: Stephanie Bouchard. Vídeo: 16thunders. Foto: Alberte Peiteavel e José Jordán. Colaboran: Lilian Portela – Amarelo, Concello de Santiago, Concello da Estrada. Xestión: Manu Lago

Información sobre finalistas ao Mellor espectáculo de rúa

COA CABEZA NAS NUBES | Compañía: SÖA

Sinopse: Un espectáculo multidisciplinar que combina teatro físico, danza e clown para público familiar. En escena, dous personaxes conviven no mesmo espazo. Un deles, afogado polo trabalo, tenta sobrevivir baixo unha morea de papeis. As tarefas non deixan de acumularse… non dá feito con todo o que hai que facer! A súa compañeira, en vez de botarle unha man, interrompe constantemente e só pensa en xogar. Será posible que non atope tempo para xogar con ela? Un pouquiño? Un instante sequera? Entre ambos desátase unha divertida batala chea de humor e acrobacias, onde se confrontan dúas visións da vida. Canto tempo le adicamos ao trabalo? E ao xogo?. Estamos trabalando demasiado? Queda aínda tempo para xogar? Un espectáculo cómico sobre o xogo no seu estado de máxima pureza e sobre o adulto que esqueceu que algunha vez atrás tamén xogou.

Estrea: 3/7/2025 Idioma: Galego  Duración: 40 min Ficha técnica: · Creación, dirección e Interpretación: Martín Blanco e Carlota Rosón Rojo. Creación musical: Elba Souto. Iluminación: Violeta Martínez. Vestiario: Miriam Cartagena. Escenografía: Marcos Covelo. Foto: Sabela Eiriz. Produción: Cía SÖA

CRUNCH2! | Compañía: MUU

Sinopse: Unha nova misión, volven os superheroes máis famosos volven Scrunch e Spunk! Esta vez para cruzar a porta do pasado e enfrontarse os seus medos os seus fracasos. Un espectáculo de circo co que non vas poder para de rir. Acrobacias, malabares, equilibrios, slapstick e moito humor. Porque todos levamos un superheroe dentro.

Estrea: 15/6/2024 Idioma: Galego Duración: 60 min

Ficha técnica: Dirección: Natalia outeiro “pajarito”. Elenco: Óscar Páez e Dani Blanco. Escenografía: Dani Keller. Vestiario: As do crochet

TAVOLE | Compañía: ZIRKO TXOSKO

Sinopse: TAVOLE lévate a un mundo de humor e reflexión; inspirado nos problemas da sociedade actual, e a través da linguaxe universal do circo, estes dous personaxes chegarán á conclusión de que a única solución a estos problemas é a convivencia, a comunicación e o respeto.

Estrea: 4/3/2000. Idioma: Sen palabras. Duración: 50 min. Ficha técnica: Zirko Txosko

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Um Copo com Mário Viegas'. Foto: Afonso Becerra

Espectáculo do Eu.Experimento do Camões no III Festival das Linguas e as Culturas