in ,

Tratando o medo con humor no 17º Festival Internacional de Teatro É-aqui-in-Ócio

A programación, que se está a desenvolver en Póvoa de Varzim, rematará o vindeiro 3 de outubro

Companhia Certa na peza A instalação do medo
'A instalação do medo', da Companhia Certa. Foto: Sérgio Aires.

Organizado pola Varazim Teatro-Associação Cultural da Companhia Certa, o mércores 23 de setembro deu comezo o 17º Festival Internacional de Teatro É-aqui-in-Ócio na Póvoa de Varzim. Cunha programación multidisciplinar, que integra teatro, música, performance e cinema, o tema que propoñen, e sobre o que versan os espectáculos, é o medo: Em paisagens do medo, os risos iluminan o caminho, até horizontes de luz. O medo… e o riso como práctica de resistencia, catarse e reflexión colectiva, capaz de desmontar os discursos do medo que se van instaurando na sociedade.

Xarop Teatre. Insectes
‘Insectes’, de Xarop Teatre.

Este ano, e por primeira vez, un grupo de persoas voluntarias que responderon a un chamamento da compañía participaron na escolla dalgún dos espectáculos programados. A Comissão Consultiva “Público pela Cultura” é un espazo que reforza e promove a participación do público no festival e o activismo en prol da cultura.

Tamén, nesta edición, houbo unha extensión da programación en freguesías como Aver-o-Mar, Estrela e Balasar. Así mesmo, presentan un formato piloto, o É-Aqui-in-Ócio OFF, unha programación paralela que integra espectáculos de rúa e intervencións en espazo público.

Seguindo as actividades do festival, o martes 22, inauguraron na Sala de actos do Cine-Teatro Garret a exposición O Império do Medo, que trata sobre a escravitude e o tráfico negreiro, abordando, do mesmo xeito, diferentes manifestacións do racismo. Despois da inauguración, Quico Cadaval ofreceu á xente que estaba presente o espectáculo de narración oral Fantasmas familiares.

No acto inaugural, participaron Joana Soares, actriz da Companhia Certa e directora de Comunicación, a presidenta da Cãmara Municipal, Andrea Silva, e o Secretário de Estado da Cultura, Alberto Santos.

A continuación, a Companhia Certa representou A Instalação do Medo, en relación coa novela de Rui Zink, libro segundo dunha tetraloxía sobre a crise e a retórica do horror. Deste libro, a compañía fixo un traballo de mesa, do que saíron as escenas escollidas e o texto. A obra parte dunha situación pechada, a casa dunha muller. Dous técnicos chaman á súa porta. Cumprindo unha orde oficial, veñen instalar o medo. O medo non funciona só cunha instalación externa, senón que hai que interiorizalo. Propoñen distintas demostracións do medo: ameazas externas, inseguridade, violencia…, un medo que vai instalándose na muller. A peza intercálase con breves escenas animadas, proxectadas nunha parede da casa que serve como pantalla. Con humor negro e ironía, esta obra sinala unha situación distópica: o intento de persuadir e atemorizar unha sociedade como medio de control. O elenco está formado por Eduardo Faria e Joana Luna, da Companhia Certa, ademais do actor convidado Mario Moutinho.

Companhia Certa na peza A instalação do medo.
‘A instalação do medo’, da Companhia Certa. Foto: Sérgio Aires.

A programación, que finaliza o 3 de outubro, complétase coa compañía galega Ártika Cía., a valenciana La Teta Calva, a rioxana El Perro Azul, a valisoletana Azar Teatro, a francesa Compagnie Filaromus e as portuguesas Companhia do Chapitô e Teatro da Palmilha Dentada. No festival OFF participan os castellonencos Xarop Teatro, os franceses Compagnie Filaromus, e as portuguesas A Bolha com Marionetas, Teatro Art´Imagem e Kopinxas Companhia de Teatro.

Ártika Cía. representou 'Non pasarán'.
Ártika Cía. representou ‘Non pasarán’. Foto: Jorge Emílio.

Podes consultar aquí a programación completa da 17ª edición do festival É-aqui-in-Ócio  

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto do espectáculo Crunch 2!, de Muu

Compostela prepárase para unha noite de circo coa gala dos III Premios Manu Lago