A 31ª edición do Festival Sementes, organizada por Teatro Extremo, levouse adiante entre os días 22 de maio e 7 de xuño en Almada, coas extensións de Loures, Montemor-o-Novo e Palmela. A erregueté estivo presente, como cada ano, os últimos días do festival, para facer unha breve crónica do acontecido.
Xoves 04-06
Compañía La Belle École. Caricatos. Teatro-Estúdio António Assunção. Clown.
Caricatos é o primeiro espectáculo concibido pola parella formada por Hugo Miró e Samuel Penhastro baixo a mirada externa de Leandre Ribera.
Amparados nunha excelente estética de pallasos clásicos do cinema mudo, os dous personaxes preséntanse en escena individualmente, e a continuación, comezan un diálogo xestual propoñendo accións absurdas e utilizando obxectos para realizar distintas técnicas circenses. Engancharon ben. Notouse a proximidade co público e a limpeza nas accións, sempre divertidas e poéticas. A audiencia agradeceu con aplausos prolongados o seu traballo.
Sábado 06-06
Museo de Arte Contemporánea. Casa da Cerca.
SEMENTES: As Artes, as Crianzas, a Cidade e a Democracia. Desde este contexto, António Vasconcelos, Cristina Gomes da Silva e Elisabete X. Gomes, expoñen nesta rolda de conversa a andaina de Teatro Extremo a través do libro que conmemora os 32 anos de Teatro Extremo e o 30 aniversario de Sementes, A questionar limites. Aínda que haberá ocasión de dedicarlle un comentario máis amplo a este interesante volume, ao comezo da presentación subliñouse a relevancia do propio título do libro, A questionar limites. Teatro Extremo manifesta así que o seu proxecto teatral non é definitivo, que non está completamente maduro nin nas ideas nin no seu propio estilo. “Sempre verde, incompleto e experimental”, por dicilo coas palabras de Gilberto Freire.
Nestes anos de vida, esta actitude incansable está intimamente vencellada ao seu compromiso estético e ético coa infancia e a xuventude. Rematou a presentación deste volume convidando ao público á súa lectura, exemplar que xa forma parte do catálogo de libros en lingua portuguesa do Fondo Teatral María Casares na Biblioteca Municipal de Cangas. Tamén se pode descargar aquí.
Sábado 06-06
Compañía ES. Tei Tei. Casa da Cerca. Performance.
Excelente espazo elixido para este espectáculo, un quintal do Museo de Arte Contemporánea, Casa da Cerca. Miradoiro de Almada, situada na marxe sur do estuario do Tejo, é un edificio con zonas verdes e preciosas vistas de Lisboa, a Ponte 25 de abril e a Torre de Belém, entre outras.
O espectáculo Tei Tei é un xogo de creación e transformación de espazos dentro dun mesmo. Coa axuda dunha cinta de pintor, Emiliano Alessi vai transformando distintos espazos efémeros coa participación activa do público, elemento imprescindible para a creación do espectáculo. Integra, xoga e remexe ao participante-cómplice.
Domingo 07-06
Parque da Paz. Día final do festival.
O último día do Sementes prográmase xeralmente no parque da Paz. A organización ofrece un amplo número de espectáculos e de actividades durante todo o día.

A mañá comezou cunha actividade lúdica como é Aletria-Biblioteca Itinerante, que ofrece libros, historias e xogos para toda a familia. Tamén deu inicio o obradoiro “Mosaico de azulejos”, organizado pola Associação Cultural O Mundo do Espectáculo. O taller consiste en que cada participante pinte un azulexo de cartón, que formará parte dun panel final para crear xuntos un deseño evocativo desta edición do Sementes. Outro obradoiro levouno adiante o marionetista Rui Sousa, coa proposta de construír cabezudos en cartón. As persoas que participaron tamén percorreron o paseo facendo un desfile final para mostrar as súas creacións. Finalmente, Santa Paciência participou cunha instalación sonora, Toca-me, construída con pezas que deixan de ter unha utilidade cotiá.

Seguindo o paseo do parque, chegamos a La Petite Caravane de Adrián Conde, un remolque ambientado nos teatros de 1900 con capacidade para unhas 25 persoas que xa leva circulando 14 anos polo mundo.
Fóra, un porteiro recepcionista, interpretado por Félix Corcuera, chama desenfadadamente a atención dos viandantes para provocar a súa parada e entrar na caravana. Dentro, habita un pequeno personaxe, o mago máis pequeno do mundo, que nos recibe coa súa presencia unha vez sentados. A ilusión xa está en marcha no tamén pequeno escenario, onde Adrián Conde, coa súa destreza habitual, enche o espectáculo de humor, maxia e malabares. Este é un exemplo para destacar ese famoso proverbio que di: “o perfume bo vén en frascos pequenos”.

Ao saír da caravana, seguimos o camiño. Baixo unhas árbores, un pequeno espectáculo de bonecos agardaba por nós. É Márcia Leite quen comeza O urso que não era, baseado no conto do caricaturista e director estadounidense Frank Tashlin. Esta historia cóntanos a vida dun oso que ao rematar o seu letargo invernal atópase cunha fábrica construída ao carón da súa cova. Os humanos dinlle que ten que poñerse a traballar, mais el di que non é un home, é un oso. Con un ritmo por repetición, os humanos lémbranlle unha e outra vez que non é un oso, que é un home parvo, sen barbear e cun abrigo de pel. Aparte de amosarnos o mundo capitalista e a perda de identidade, esta historia retrotráenos a unha idea que non é nova, mais é utilizada na actualidade como manipulación social: de tanto repetir unha mentira, chegas a crela.

Xa, no final do paseo, agardaba a compañía portuguesa de Torres Vedras, A Nariguda, dúas pallasas que percorren o mundo nunha casa sobre rodas. Bugiganga é un espectáculo divertido, “destroyer”, caótico e cheo de accidentes cómicos. Non para de pasarlle cousas ás dúas amigas que viven nunha carrinha que se vai desfacendo aos poucos. O seu diálogo frenético sitúanos nunha vida nómade, precaria, conflitiva por si mesma, mais eleva a amizade e a convivencia do ser humano.
Santa Paciência transformou o espazo natural do parque para darnos un concerto futurista que combina a performance, o teatro físico e os obxectos. Piteco Sapiens, mostra un conflito irónico entre a humanidade e a natureza que nos fai recapacitar sobre o futuro e cara onde vamos.

Para rematar, Rui Sousa montou o seu teatriño para ofrecernos pezas clásicas de Dom Roberto, patrimonio Inmaterial Cultural Portugués desde 2021. Entre outros, puidemos ver O castelo assombrado, onde vive unha bruxa barriguda, un dragón famento e unha pantasma pálida. O noso heroe entrará no castelo para salvar á súa amada Rosa. Ao remate do espectáculo, Rui Sousa falou da palleta e da historia deste fantoche portugués, palabras que sempre son agradables de escoitar para entender este teatro popular.
Non queremos rematar sen felicitar a todas as persoas que colaboran e compoñen o Sementes, con Rui Cerveira como cabeza visible, e desexarlle outros 30 anos máis de alegría e traballo para elevar o nivel cultural, educativo e creativo das crianzas que algún día serán adultas… e demócratas.


