O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, afronta a súa cuarta semana de programación cunha axenda que, dende onte, mércores, 14 de outubro, ao vindeiro domingo, 18 de outubro, está a reunir en Galicia destacadas propostas da escena contemporánea e da creación emerxente, así como actividades para públicos de diferentes idades. Un dos grandes momentos chegará este sábado coa representación de Libres!!!, unha montaxe escrita por Esther F. Carrodeguas, dirixida por Andrés Lima e protagonizada por Alba Flores, que se poderá ver por primeira vez en Galicia da man do FIOT.
A semana contará tamén coa estrea en Galicia de Cosas pequeñas, de PSiRC, unha proposta multidisciplinar que combina circo contemporáneo, teatro de obxectos e poesía visual; e con Doce metros cuadrados de piel, de La Rueda Teatro Social, unha creación de teatro comunitario e interxeracional arredor dos corpos, os afectos e a sexualidade. O programa complétase con novas propostas do OTNI, o FIOTeen, o Certame de Micro-Escenas M² e o FIOT en Ruta, ademais dos obradoiros en paralelo e unha homenaxe a Manuel Lourenzo.
O FIOT35 continúa así cunha resposta moi positiva do público, que xa desde os inicios desta edición esgotou máis do noventa por cento da capacidade dos espazos que acollen as propostas escénicas e de mediación, segundo informaron dende a organización do Festival. Porén, nos casos dos espectáculos nos que as entradas estean esgotadas, o Festival quere lembrar que en practicamente todos os casos poden aparecer algunhas localidades adicionais na billeteira do Pazo da Cultura, aberta noventa minutos antes do inicio da función, procedentes de reservas e que finalmente non vaian ser empregadas.
‘Libres!!!’
O sábado 17 de outubro, ás 20.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, o Programa de Sala recibirá Libres!!!, de Teatro del Barrio e do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade, unha montaxe que chega a Galicia por primeira vez.
A obra recupera a memoria de Mujeres Libres, a organización anarcosindicalista que, durante a Guerra Civil, defendeu a emancipación feminina, o antifascismo e a revolución social. “Nun presente saturado de discursos de colapso e distopía, a dramaturga galega Esther F. Carrodeguas reivindica a potencia da utopía alegre e trae ao escenario a aquelas mulleres ousadas e rebeldes que desafiaron as normas e loitaron pola liberdade e a igualdade”, destacan dende o FIOT. .
Con dirección de Andrés Lima e coa actriz Alba Flores á fronte do elenco, a proposta “constrúe un cabaré anarcosicalíptico no que se mesturan humor corrosivo, música e cancións para recuperar a memoria dunha loita colectiva e preguntarse que queda hoxe daquela rebeldía, daquela alegría de vivir e daquela vontade de cambiar o mundo”.
Xunto a Alba Flores, forman parte do reparto Laura Galán, Nüll García e Eva Valdelomar. Libres!!! conecta así coa liña temática do #FIOT35, que baixo o lema «Cando todo cae, ven ao teatro» propón “ver o colapso non só como unha caída, senón tamén como unha oportunidade para imaxinar outras realidades e transformar o presente”.
‘Asoballada por fentos’
Hoxe, xoves, 15 de outubro, ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura, o ciclo OTNI acollerá a mostra do traballo en proceso Asoballada por fentos, do artista e investigador galego Álvaro Corral Cid, no marco das residencias Paraíso de RPM; quen amosará o proxecto desenvolvido durante a súa residencia artística en Carballo.
A proposta, situada entre o concerto e a conferencia performativa, combina arquivo e performance co acompañamento musical de Gabi Reboredo para convidar o público a revisar os materiais da memoria folclórica galega e os arquetipos construídos arredor da identidade cultural. A través de elementos como as muiñeiras, os bordados ou os noticiarios cinematográficos, Corral Cid investiga “a instrumentalización das músicas, as danzas e o folclore durante o franquismo e a súa proxección nos modos contemporáneos de reproducir culturas enxebres”.
Explican dende o Festival que Asoballada por fentos “representa o espírito do OTNI, unha das liñas máis singulares do FIOT, dedicada a propostas que exploran os límites da creación escénica e que permiten ao público achegarse a procesos artísticos en desenvolvemento”. A entrada é gratuíta.
‘Cosas pequeñas’
Mañá, venres, 16 de outubro, ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura, será a quenda de Cosas pequeñas, de PSiRC, unha proposta que chega por primeira vez a Galicia e que combina circo contemporáneo, teatro, teatro de obxectos, microcine e poesía visual.
Preséntase así: “Nun soto cheo de pantallas e cámaras ocultas, un home de corenta e tantos anos, cámara fracasado e malabarista líquido, observa o mundo a través das súas lentes dixitais e analóxicas. Ante o avance das máquinas e o poder dos algoritmos, propón unha reinvención e unha nova maneira de mirar. A pregunta que atravesa a obra é tamén unha das grandes cuestións do noso tempo: mentres as máquinas aprenden a pensar, que nos fai verdadeiramente humanos?Interpretada por Adrià Montaña, a montaxe constrúe un universo íntimo e inquietante que combina movemento, humor delicado e experimentación visual”.
‘Fogar’ e ‘A casa do avó’
O sábado, 17 de outubro, o FIOT volverá levar as artes escénicas a espazos cotiáns de Carballo coa segunda xornada do X Certame de Micro-Escenas M², unha iniciativa pioneira en Galicia que aposta polos formatos de pequeno tamaño, a experimentación e a proximidade entre artistas e espectadores. Ás 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30 horas poderán verse dúas novas pezas finalistas, ambas en estrea absoluta.
No Xardín Rosalía de Castro, a compañía La Tercera presentará Fogar, unha creación colectiva que parte da historia de Claudia, unha muller farta da cidade que decide mudarse ao campo. Alí atópase con personaxes e situacións inesperadas que lle permiten cuestionar os prexuízos e estereotipos asociados ao choque entre o rural e o urbano. A través da comedia, as máscaras e o teatro físico, a compañía propón mirar os demais desde unha perspectiva diferente.
Na tenda de segunda man Buy & Sell, Candil Teatro presentará A casa do avó, de Jimmy Núñez. A peza parte da venda dos obxectos dunha casa familiar tras o falecemento do avó para reconstruír a historia dunha familia rota por unha herdanza e dun home que trata de comprender o pasado mentres carga co peso das lembranzas. A través dos obxectos que atopan —ou non— un novo dono, a montaxe convida a reflexionar sobre a memoria, o consumo e as vivencias que permanecen nos bens aos que se lles dá unha segunda vida.
O Certame M² quere reafirmar así a aposta do FIOT pola creación emerxente e polas experiencias teatrais inmersivas, que sitúan o público a poucos metros da escena e transforman os espazos habituais da vila en lugares para a ficción.
Unha homenaxe a Manuel Lourenzo
Tamén o sábado, ás 17.00 horas, no vestíbulo do andar 0 do Pazo da Cultura, inaugurarase a exposición Manuel Lourenzo. A pegada que continúa. A mostra enmárcase nas actividades paralelas do FIOT e quere recoñecer da traxectoria do dramaturgo, actor e director do Valadouro, que deixou unha profunda pegada na creación escénica e na cultura galega. A exposición poderá visitarse durante os días de programación, xunto á mostra Zoom FIOT 2025, que continúa aberta de 17.00 a 21.00 horas.
‘As aventuras de Nabiza Girl’ e ‘Doce metros cuadrados de piel’
O domingo, 18 de outubro, concentrará dúas propostas que, desde linguaxes moi diferentes, convidan a cuestionar os modelos sociais e a ver o mundo desde outras perspectivas.
Ás 18.00 horas, no Centro Social de Verdillo, o FIOT en Ruta recibirá As aventuras de Nabiza Girl: O estraño caso da cultura minguante, de Isabel Risco. A superheroína galega regresa acompañada do seu inseparable Don Galizo para enfrontarse a unha nova misión: salvar a cultura. Interpretada por Isabel Risco e Alberte Bello e dirixida por Fran Rei, a proposta mergulla o público nunha sucesión de situacións disparatadas nas que o humor, a retranca e a sátira serven para reivindicar o feminismo, a lingua e o medio ambiente.
Xa ás 20.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, será a quenda de Doce metros cuadrados de piel, de La Rueda Teatro Social, unha montaxe que chega por primeira vez a Galicia e que explora os misterios do corpo, o desexo, a sexualidade e a identidade ao longo das distintas etapas da vida.
“Seis persoas, tres novas e tres maiores, comparten historias, humor, praceres, cicatrices e experiencias para reflexionar sobre como habitamos os nosos corpos e como cambian os afectos co paso das décadas”, sinalan dende o FIOT,
A proposta nace do proxecto de mediación e creación interxeracional Morderse la lengua, arredor da sexualidade, e conta coa participación de persoas de diferentes idades. A función en Carballo incorpora así o traballo desenvolvido coa comunidade, nunha experiencia escénica que busca abrir espazos de diálogo sobre cuestións que atravesan todas as xeracións.
‘Caballito de mar’
Onte, mércores 14 de outubro, ás 11.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, o FIOTeen ofreceu taménunha función escolar de Caballito de mar, de Flyhard Produccions, unha proposta que aborda a diversidade, os afectos e a liberdade de ser.
“Martí ten vinte anos e iniciou a súa transición hai un ano, cando comezou a tomar testosterona para modificar o seu corpo. A súa vida dá un xiro inesperado cando descobre que está embarazado. Mentres toma unha decisión, reflexiona sobre o seu corpo, a súa transición e os códigos de xénero establecidos”, recolle a sinopse.
Escrito por Pau Coya e dirixido por Rebeca del Fresno, este monólogo interpretado por Marc Torres quere “ir máis alá do embarazo adolescente non desexado e da visibilidade das identidades non cisheteronormativas e converterse nunha celebración de todos os corpos”. Ao remate da función realizouse tamén un encontro coa compañía, para afondar nas cuestións que suscita a obra e favorecer o diálogo co público novo.
O FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro está organizado pola Asociación Telón e Aparte eo Concello de Carballo, co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e a Fundación Luís Calvo Sanz. Un ano máis, conta tamén coa colaboración da Libraría Brañas, Camiño Escena Norte, o Colectivo RPM e o CCA Carballo.


