in ,

Janet Novás compartirá na SGAE as claves da súa práctica na danza

A través dun obradoiro que se celebrará en Santiago de Compostela en novembro

'Mercedes máis eu' de Janet Novás e Mercedes Peón. Foto: Antonio Urquijo.
Janet Novás con Mercedes Peón en 'Mercedes máis eu'. Foto: Antonio Urquijo.

A bailarina, actriz e docente porriñesa Janet Novás impartirá na sede galega da SGAE, localizada en Santiago de Compostela, un taller no que compartirá as claves da práctica que desenvolveu como bailarina e performer ao longo da súa traxectoria

Como coreógrafa, Novás explica que dende a práctica da danza entende o corpo “como un lugar arqueolóxico, contedor doutros corpos, e o movemento como a ferramenta que utilizamos para desenterrar as súas capas máis profundas”. Nese senso, o método que emprega para a súa investigación física  é “a improvisación guiada desde diferentes lugares”.

No obradoiro, que se desenvolverá do 20 ao 22 de novembro deste ano, proporá “un proceso de escavación a través de distintas fisicalidades para coñecer os materiais que o compoñen: ósos, músculos, fascias, substancias, imaxinarios, sons, ideas, crenzas, emocións, sensacións e toda a sabedoría encarnada”. Avanza que se traballarán “a mirada, a pausa, a escoita e a voz como extremidade invisible, entendendo a independencia das articulacións e as súas conexións”, e que se explorará “o corpo como caixa de resonancia e a súa capacidade para ficcionar, expandirse e reinventarse”.

Para afondar dun xeito máis consciente neste traballo, sinala que se centrará en catro corpos: “físico, enerxético, emocional e sonoro”. A partir diso, e, a través do xogo, buscarase “romper patróns e abrir novas posibilidades que conviden a crear outras leis que respondan ás necesidades e intereses das persoas participantes”, xa que resume que o obxectivo principal deste obradoiro é “espertar a necesidade de descubrir, curiosear, gozar e arriscar sen medo ao erro nin á idea do fracaso, e escoitar a voz interna que nos aproxima ao que somos, máis alá do que cremos ser, e converterse en canle”.

Participación

  • Datas: 20, 21 e 22 de novembro 2026
  • Horario:
    • Venres 20 de novembro de 16:30h a 20:30h
    • Sábado 21 de novembro de 10.00 a 14.00h
    • Domingo 22 de novembro de 10.00 a 14.00h
  • Prazo de inscrición: Ata esgotar prazas
  • Lugar: Sede SGAE (Salvadas 2. A Parque Vista Alegre. 15705 Santiago de Compostela).
  • Duración: 12 horas
  • Custe:
    • Socios SGAE : 30 €
    • Antigos alumnos: 60€
    • Novos alumnos: 80 €
Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto promocional de 'Telma e Lola', de Teatro de Ningures.

Teatro de Ningures abre a programación do FITO coa estrea de ‘Telma e Lola’