O Festival Internacional de Teatro de Ourense, FITO, acollerá a primeira función do novo espectáculo da compañía morracense Teatro de Ningures, Telma e Lola. Será mañá, xoves, 15 de outubro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal de Ourense, cando se poida ver por primeira vez esta obra, que a compañía presenta como unha “comedia con aires de misterio criminal en formato podcast“. A función inaugurará a programación da décimo novena edición do festival, que se desenvolverá dende mañá ata o vindeiro 25 de outubro e incluirá doce xornadas nas que gozar de propostas escénicas de xéneros e procedencias variadas, en diferentes espazos da cidade, pero tamén doutros lugares da provincia.
“Neste ano 2026, o FITO chega coa vontade de revalidarse como espazo de convivencia democrática, como facilitador de transferencia de coñecemento, como un escaparate no que se apertarán xéneros, experiencias e linguaxes coa vontade de comunicarse cos seus espectadores máis fieis pero tamén con aqueles que aínda non o senten como unha cita propia”, expresa Fina Calleja, directora desta edición.
“Con dezanove anos de existencia do festival ás costas, seguimos ambicionando seguir medrando deseñando unha programación aberta á cidadanía que, como nunca, pon o acento na rúa como lugar de encontro e a escolma de temas que cremos importantes para abrir un debate san e responsable dentro dunha comunidade que pretende mellorarse, reconstruírse sobre os vimbios da tolerancia, o respecto á diversidade, a denuncia ante as desigualdades, a memoria histórica e a defensa da nosa propia raíz. Hai algo de reivindicación no deseño desta programación xa que, despois de sete anos nos que se foron pechando as portas de espazos de exhibición cultural na cidade (Auditorio Municipal, Museo Municipal, Sala de exposición Valente, entre outros) é de xustiza que a cultura en Ourense tome as prazas e rúas para reafirmarse, é de xustiza facer visible ante os ourensáns os traballos saídos do imaxinario de actores, coreógrafos, artistas de circo”, engade.
Ademais, o FITO mantén este ano a súa liña de apoio á nova creación escénica coa convocatoria 67 Graos Ourense Fervescénica, que ofrece varias bolsas de creación para espectáculos de pequeno formato, que serán amosados dentro da programación do Festival.
O FITO está organizado por Sarabela Teatro e conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Ourense. Colaboran tamén con el o Teatro Principal de Ourense, o Concello de Celanova, o Concello de Ribadavia, o Liceo de Ourense e a Vicerreitoría do Campus de Ourense-Campus Auga da Universidade de Vigo.
Programación
- Telma e Lola. XOVES 15. Teatro Principal, Ourense – 20 h. Compañía: TEATRO DE NINGURES (GALICIA)
- Poeta (perdido) en Nueva York. VENRES 16. Teatro Principal, Ourense – 20 h. Compañía: AEDO TEATRO (ANDALUCÍA)
- Todo terminará por Navidad, 66 minutos antes de Nochebuena. SÁBADO 17. Teatro Principal, Ourense – 20 h. Compañía: EL RAYO MISTERIOSO. ARXENTINA.
- Costura. DOMINGO 18. Liceo de Ourense – 19 h. Compañía: ELENA ROMERO MUÑOZ (CATALUÑA)
- Molto Barroco. DOMINGO 18. CELANOVA – 19 h. Compañía: PÍSCORE TEATRO (GALICIA).
- 67 GRAOS – OURENSE FERVESCÉNICA. MÉRCORES 21. Sala Emilia Pardo Bazán, Campus de Ourense – 20 h. (5 Compañías). Galicia.
- Inorganic. ARUN RUN. Días 17, 18, 23, 24 e 25. Rúas da cidade. Compañía: ARUN RUN (GALICIA)
- Bioconstrución. XOVES 22. Teatro Principal, Ourense – 20 h. Compañía: IBUPROFENO TEATRO (GALICIA).
- Entrecruzad@s. VENRES 23. Teatro Principal, Ourense – 20 h. Compañía: OPSIS/L’ÉXPLOSE (COLOMBIA).
- Sen Patrón. SÁBADO 24. Praza De San Xoán, Ribadavia – 12:30 h. Compañía: PISTACATRO (GALICIA).
- Dance Join. SÁBADO 24. Praza De San Martiño, Ourense – 18 h. Compañía: MARTA ALONSO. (GALICIA).
- Mofa e Befa: A Arte da Guerra. DOMINGO 25. Teatro Principal, Ourense – 18 h. Compañía: PRODUCIÓNS TEATRÁIS EXCÉNTRICAS (GALICIA).
Sinopse
Teatro de Ningures presenta así o argumento de Telma e Lola: “Hai vinte anos, Lola e Rosalía marcharon da vila sen motivo aparente. Agora, Lola está de volta para unha viaxe de puro trámite: baleirar a casa familiar, vendela e volver canto antes a Tenerife, evitando reencontros incómodos co pasado.
Pero o destino ten outros plans. Telma, a entusiasta axente inmobiliaria encargada da venda, idolatra a Lola e a Rosalía por seren a primeira parella lesbiana do lugar. Determinada a triunfar como creadora de contidos, Telma atopa na viaxe de Lola a historia perfecta para o seu novo podcast.
Aínda que Lola tenta frear a súa curiosidade, Telma decide investigar pola súa conta… sen saber que está a piques de destapar un segredo oculto durante vinte anos. Un corpo sen vida, especulación inmobiliaria, lesbofobia e un crime do pasado”.
Ficha artística
Telma e Lola, de Teatro de Ningures
Texto: Daniel D. García e Sandra Lesta
Dirección: Salvador del Río
Reparto:
Casilda Alfaro LOLA/LOURDES
Iria Piñeiro TELMA
Mónica Camaño ROSALIA/FELISA/CONSERXE
Fran Paredes CESAR/SERAFIN/MADRILEÑO
Deseño Escenografía: Pablo Giráldez, “O PASTOR”
Deseño Vestiario: Sonia Rúa
Espazo Sonoro: Héctor Pazos
Asistencia coreografía: Raquel Ferradás
Deseño Iluminación: Héctor Pazos/Salvador del Río
Deseño Gráfico, Fotografía, Cartel e Programa: Diego Seixo
Distribución: Lilian Portela / AMARELO Distribución
Xira
Despois do seu paso polo FITO, Telma & Lola terá funcións en Cangas (o sábado 17 de outubro, ás 20:00 h., no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela); en Vigo (o venres 23 de outubro, ás 20:00 h. no Auditorio Municipal do Concello de Vigo, dentro da programación de Vigocultura); e en Moaña, nos Circuítos Teatrais Celso Parada (o venres 30 de outubro, ás 21:00 h., no IES As Barxas).


