O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 vén de dar a coñecer os recoñecementos desta edición, desvelando que a compañía Elefante Elegante é a galardoada na categoría de Artes Escénicas.
Resolución por modalidades
Estas son as persoas, colectivos e iniciativas premiadas en cada categoría:
- Letras: María Solar
- Artes Visuais: Almudena Fernández Fariña
- Artes Escénicas: Elefante Elegante
- Música: Asociación Galega de Empresas Musicais
- Audiovisual: Alfonso Zarauza
- Lingua: Espazo Lectura
- Patrimonio Cultural: Obradoiro de Gaitas Seivane
- Proxección exterior: Festival EmigraSON
O xurado
A xuntanza do xurado tivo lugar o pasado venres na Cidade da Cultura de Galicia e estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Do xurado tamén formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora xeral da Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto López; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad; o presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; a secretaria do Consello da Cultura Galega, Paula Cabaleiro, e María López Sández, en representación do presidente da Real Academia Galega. Tamén integraron o xurado a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve; a directora da Fundación Pública Camilo José Cela, María Jesús Martínez; a directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, Concepción Pombo, e a comisaria de arte Pilar Corredoira. Ademais, exerceu como secretaria Marta Bermúdez, xefa de servizo dos Centros Museísticos da Xunta.
Os galardóns
Con estes premios, a Xunta busca “distinguir un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural” da comunidade autónoma, así como “o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia”.


