Vin Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, por primeira vez hai máis dun ano, en marzo de 2025, no Teatro Principal de Pontevedra, e saín conmovido da representación. En maio de 2026, volvín vela en Vigo, esta vez na Sala Ártika. Entre unha representación e outra para a compañía pasaron moitas actuacións, o recoñecemento de seis premios María Casares e a candidatura aos Premios Max polo texto. Para min pasou tempo abondo como para que –insólito, pois non adoito recuncar en ningunha obra de teatro– a súa poética poderosa me espertase o desexo de volver vela. E, por segunda vez, a obra conmoveume. Xa daquela, cando a vin por primeira vez, quixen escribir algo sobre ela, pero as vertixes da rutina foron facendo que o adiase.
A concepción teatral aplicada por Ibuprofeno á obra, a partir dun texto de Santiago Cortegoso publicado por Edicións Positivas é dun hibridismo tan ben conseguido e tan compacto que impresiona, logrando fundir cunha mutación veloz e natural a charanga coa confesión persoal, a crítica social coa parodia, a traxedia colectiva dunha xeración de traballadores do naval coa memoria familiar, o ritmo frenético da representación coa atmosfera máis cálida da autoficción, a crueza dos acontecementos co humor satírico e a música.
A partir de dous puntos de vista contrapostos: un obxectivo, distante e preciso, basicamente representado polo coro; e outro autoficcional e intimista, basicamente representado polo fillo, a obra vai compoñéndose entre a memoria obreira, a indagación persoal, a crítica social, a revelación, o recoñecemento, a reflexión política, a reclamación ou a tenrura, nun espazo escénico que se reconstrúe ao ritmo da propia reconversión para chegar a unha verdade iluminadora que abraia e emociona.
- Reconversión - 24/05/2026


